A sección terceira da Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) suspendeu as autorizacións administrativas previa e de construción do proxecto do parque eólico de Campelo, entre Coristanco e Santa Comba.
O alto tribunal acolleu a demanda da Plataforma para a defensa da Cordilleira Cantábrica (PDCC) e da organización ecoloxista Adega para suspender a autorización á construción e a declaración de utilidade pública que o Consello da Xunta dera en novembro de 2021 ao parque promovido por Greenalia que prevía a instalación de nove aeroxeradores e un investimento duns 40 millóns.
O TSXG suspende cautelarmente a autorización de parque tras unha impugnación por "fragmentación artificial" e irregularidades nos trámites de información pública
Segundo informa Adega, as autorizacións administrativas relativas a este proxecto, así como as outorgadas para a construción dos parques eólicos Bustelo e Monte Toural, tamén promovidos por Greenalia, foron obxecto de impugnación a finais do mes de xaneiro perante o TSXG por parte da entidade ecoloxista e da PDCC, solicitándose nos tres casos a adopción da medida cautelar de suspensión da execución dos correspondentes acordos.
Adega aclara que a impugnación xudicial das autorizacións susténtase, no caso dos tres parques, "na fragmentación artificial dos proxectos e nas irregularidades en canto ao desenvolvemento dos trámites de información pública, reducidos a 15 días e nos que non se puxeron a dispor da cidadanía os informes sectoriais correspondentes".
O auto destaca que nin Greenalia nin a Xunta foron que de avalar a "imperiosa necesidade de contar co novo parque"
Agora, nun auto do pasado 19 de setembro, o TSXG destaca en particular que “non se pode ignorar que os defectos de publicación e audiencia" que "xa teñen dado lugar á estimación de dous recursos nos que, con fundamento nas mesmas normas, se alegaba tal deficiencia”, referíndose a senllas sentenzas de 21 de xaneiro de 2022, que declararon a nulidade das autorizacións relativas ao proxecto do parque eólico de Corme G-3, igualmente de competencia da Xunta de Galicia.
O tribunal destaca que nin Greenalia nin a Xunta, partes demandadas, conseguen avalar a “imperiosa necesidade de contar co novo parque, nin sequera pola incidencia que vén producindo a menor entrada de gas con ocasión da guerra en Ucraína". Así, a sala do TSXG entende que que non ten por que "inclinarse por favorecer a protección de medio ambiente e, por tanto, ordenar a suspensión cautelar”.
O auto decide así ordenar a suspensión cautelar "ata que se decida o fondo do debate, sen que aos efectos que agora interesante teña relevancia ningunha a recomendación que aos Estados membros da UE fixo a Comisión". Así, aclara que esas medidas promovidas por Bruxelas van dirixidas "aos procedementos que vaian resolverse" e non a este de Greenalia, "que xa foi resolto de forma favorable" en novembro pasado. Goberno galego, Beatriz Mato.
Refírese ao Plan de Acción REPowerEU aprobado pola Comisión Europea o pasado mes de maio e no que se impulsa a expansión da enerxía solar e eólica e onde se dan recomendacións detalladas e documentos orientativos para que os gobernos poidan simplificar e axilizar os trámites para os permisos para proxectos renovables.
Os tres recursos xudiciais mencionados, aclara Adega, foron interpostos á cargo do Fondo para a Defensa Xurídica da Cordilleira Cantábrica, unha campaña de recadación colectiva promovida por seis entidades (a propia Adega, SGO, PDCC, a Mesa Eólica de Las Merindades de Burgos, Bierzo Aire Limpio e a Plataforma para la defensa de los Valles Pasiegos) para iniciar "accións xurídicas na defensa do territorio fronte a invasión eólica".
"Este auto constitúe o primeiro éxito xurídico do Fondo fronte o actual modelo caótico e desordenado de desenvolvemento eólico, e un precedente moi favorable de cara á consecución da paralización cautelar doutros proxectos eólicos autorizados pola Xunta de Galiza e recorridos nos tribunais", remata Adega, que lembra que no consello de administración de Greenalia atópase a que fora conselleira de Medio Ambiente co PP no Goberno galego.