A portavoz do BNG en Europa, Ana Miranda, anunciou que fará un “seguimento exhaustivo” das denuncias presentadas este mércores pola asociación ecoloxista Adega na Comisión Europea contra o incumprimento da normativa europea por parte dos megaproxectos eólicos en Galicia e que a Dirección Xeral de Medio Ambiente da Comisión Europea "se comprometeu a estudar con atención", segundo destacou no encontro mantido coa eurodeputada e unha delegación do colectivo
“É dunha gran gravidade o espolio eólico que se está producindo en Galiza por parte do goberno galego e estatal, que permiten a vulneración das directivas comunitarias”, subliñou a portavoz do Bloque en Europea, en relación á “vulneración sistemática” das directivas comunitarias medioambientais, de acceso á información e participación pública. Así, advertiu da necesidade de ter en conta os intereses das persoas afectadas que ven vulnerados os seus dereitos e sen garantía de defensa.
A Comisión estudará as denuncia de Adega, en especial as que aluden á incorrecta transposición da lexislación da UE e ás infraccións de carácter estrutural
Segundo informa o Bloque, a Comisión Europea comprometeuse a estudar as denuncias presentadas por Adega en especial a posible incorrecta transposición da lexislación da UE e as infraccións de carácter estrutural. “A normativa europea é de obrigado cumprimento tanto para Galiza como para o Estado e desde o Parlamento Europeo e a Comisión de Peticións seguiremos de forma exhaustiva a análise que faga a Comisión”, dixo Ana Miranda.
Pola súa banda, a portavoz de Adega, Belén Rodríguez, destacou "a esperanza de que sexa a Comisión Europea quen poña freo á invasión eólica”. Ao respecto denunciou que se trata dunha invasión de carácter ambiental, xa que afectan a espazos propostos para incluír na Rede Natura, hábitats, especies en perigo de extinción ”sen que iso sexa un impedimento para as grandes corporacións eólicas”.
“Temos que recordar que hai sentenzas emitidas polo Tribunal Superior de Xustiza de Galiza ratificadas dúas delas polo Tribunal Supremo de que se están incumprindo as normativas relativas á participación pública e información”, explicou Rodríguez, quen na reunión entregou un exemplar das denuncias pola vulneración da Directiva da Auga, da Directiva do Hábitat e da Directiva de Información Ambiental, entre outras.