A Comisión Europea reclama “fomentar a participación pública” e a “transparencia” desde o comezo da ordenación territorial dos proxectos e facilitar “a transferencia dos beneficios da transición enerxética ás comunidades locais”
“A falta de aceptación pública dos proxectos de enerxías renovables constitúe outro obstáculo importante á súa aplicación en moitos Estados membros”. Quen así se pronuncia é a Comisión Europea, nunha recomendación aos Estados publicada no Diario Oficial da UE o 25 de maio que insta a mellorar a planificación territorial dos lugares que poden acoller ese tipo de instalacións, “fomentar a participación pública” e facilitar “a transferencia dos beneficios da transición enerxética ás comunidades locais”.
A recomendación da UE chega mentres o Goberno de España segue sen definir os emprazamentos para a enerxía eólica nas costas de Galicia e a Xunta acumula sentenzas en contra da súa xestión do sector e insiste en limitar a participación cidadá, o que está provocar protestas de colectivos ecoloxistas, de defensa do patrimonio e da cidadanía en xeral, que este domingo manifestáronse en Santiago.
A recomendación da UE sinala que fronte á “falta de aceptación” dos proxectos de enerxías renovables entre as persoas afectadas directamente pola súa implantación “deben terse en conta as necesidades e perspectivas dos cidadáns e as partes interesadas da sociedade nas fases de desenvolvemento” das iniciativas, “desde a formulación de políticas ata a ordenación do territorio e o desenvolvemento do proxecto”, e “deben fomentarse as boas prácticas que garantan unha distribución xusta dos distintos impactos das instalacións entre a poboación local”.
En Galicia, o Observatorio Eólico da Universidade de Vigo vén advertindo das dificultades das comunidades locais para obter beneficios da implantación de parques eólicos nas súas contornas [“Mellor mal acordo que bo preito”: 400.000 euros pola expropiación dun monte comunal para un eólico que obtén 4 millóns ao ano].
Expertos e colectivos ecoloxistas e de defensa do patrimonio veñen advertindo da falta de planificación e do desequilibrio entre problemas e beneficios que supoñen os proxectos eólicos para as comunidades locais galegas
Nesa liña, o documento insta a “fomentar a participación pública nunha fase temprana para definir os plans de ordenación territorial, promover o uso múltiple dos emprazamentos e garantir a transparencia sobre o lugar e a forma en que poden construírse ou instalarse os proxectos”. Tamén reclama que “os Estados membros deben estimular a participación dos cidadáns, incluídos os dos fogares de renda baixa e media, e das comunidades de enerxía nos proxectos de enerxías renovables, así como adoptar medidas para fomentar a transferencia dos beneficios da transición enerxética ás comunidades locais, co que se mellorará a aceptación e o compromiso públicos”. [Medio cento de parques máis, pero os mesmos 22 millóns ao ano: os ingresos dunha década de canon polo impacto dos eólicos]
Fronte a estas reclamacións da UE, a pasada semana Praza.gal contou como Xunta e PP queren priorizar parques eólicos cun mecanismo lexislativo que limita a participación da cidadanía. Algo que chega despois de diversas sentenzas que censuran a actuación do Goberno galego ao restrinxir os prazos de participación pública da cidadanía e flexibilizar os prazos das empresas. Pola súa banda, o Goberno de España tamén aprobou medidas para simplificar os permisos para parques eólicos que supoñen unha redución da participación cidadá, pero posteriormente abriuse a negociar correccións con grupos como o BNG ou Teruel Existe.
Sobre a planificación dos proxectos, a recomendación da Comisión Europea indica que os Estados deben “empezar o antes posible a definir as zonas terrestres e marítimas adecuadas e a preparar plans para zonas especialmente adecuadas (zonas ineludibles das enerxías renovables)”. E engade que “deben designarse zonas delimitadas e claramente definidas como especialmente adecuadas para o desenvolvemento das enerxías renovables, ao tempo que se evita, na medida do posible, as zonas de valor medioambiental e se dá prioridade, entre outros, ás terras degradadas que non poden utilizarse para a agricultura”.
O documento da Comisión tamén reclama que “os Estados membros deben garantir a racionalización e a coordinación efectiva entre os niveis nacional, rexional e municipal”.
En España, tanto a nivel estatal como galego, non son as administracións as que determinan en que lugares se poden instalar os parques eólicos senón só en que lugares non o poden facer, mentres que son as empresas interesadas as que presentan proxectos para o lugar que elas consideran máis adecuado aos seus intereses e despois a administración avalía os seus impactos. Ademais, os de máis de 50 MW son tramitados polo Estado e os de menos polas comunidades autónomas.
O plan eólico da Xunta é de 1997 e non avalía os seus efectos conxuntos sobre o medio ambiente senón só o de cada parque, mentres que o Goberno de España aínda non definiu os espazos para a eólica mariña
Sobre a cuestión da planificación, a UE vén de advertir a España pola demora en ordenar os usos do mar, lembrándolle que debe ter en conta a pesca ao planificar a enerxía eólica, algo que de momento non pasou dun borrador previo. Malia esta situación, xa hai varios parques eólicos en tramitación fronte ás costas de Galicia, o que está a provocar protestas por parte do sector pesqueiro e as comunidades costeiras.
En terra, o Goberno central deseñou unha ferramenta para establecer a maior ou menor sensibilidade do territorio para acoller proxectos de enerxías renovables, e en función dos indicadores de cada lugar quere facilitar a súa avaliación ambiental.
Canto á Xunta, a súa planificación baséase no Plan Eólico de Galicia de 1997, cuxos efectos ambientais non está a avaliar no seu conxunto senón so o de cada parque. Pero ademais o Goberno galego vén impulsando modificacións legais que lle permiten autorizar parques aínda que non estean contemplados naquela planificación ou priorizar a tramitación dos que discrecionalmente decida.
Unha manifestación volveu reclamar este domingo en Santiago un modelo de desenvolvemento eólico máis respectuoso coas comunidades locais
En Galicia as eivas de planificación, avaliación ambiental e participación cidadá veñen sendo reflectidas en sentenzas xudiciais, e denunciadas polo Consello da Cultura Galega ou organizacións ecoloxistas, que a pasada semana decidiron non seguir colaborando coa Consellería de Medio Ambiente mentres non se abra a debater os efectos que está a ter o desenvolvemento da enerxía eólica. Mentres, na rúa colectivos cidadáns de todo o país levan tempo mobilizándose e este domingo volvérono facer nunha convocatoria unitaria en Santiago por unha alternativa ao desenvolvemento “caótico” da enerxía eólica na que reclamaron un modelo enerxético que teña en conta ás comunidades locais e a preservación da natureza e non só ás grandes empresas.