O plan do Goberno de España pola crise de prezos simplifica os permisos para parques eólicos

Zonificación ambiental para a enerxía eólica, coas zonas máis sensibles en cor máis escura e as menos sensibles en cores máis claras © Ministerio para a Transición Ecolóxica

O decreto-lei de medidas urxentes reduce os prazos de tramitación para proxectos que estean en zonas de sensibilidade ambiental baixa ou moderada en función dunha clasificación do Ministerio para a Transición Ecolóxica 

O real decreto-lei de medidas urxentes fronte a crise de prezos derivada en parte da guerra en Ucraína aprobado este martes polo Goberno de España e publicado este mércores no Boletín Oficial del Estado inclúe entre as súas disposicións unha simplificación e redución de prazos para autorización de diversos proxectos de xeración eléctrica. As medidas pretenden acelerar o desenvolvemento de enerxías renovables que contribúan a reducir custos e dependencia internacional priorizando a súa execución en función dunha denominada “zonificación ambiental” elaborada polo Ministerio para a Transición Ecolóxica para orientar a instalación de parques eólicos ou solares.

En Galicia esa zonificación, elaborada en función de condicionantes ambientais, paisaxísticos ou poboacionais, deixa menos espazos dispoñibles que noutras comunidades. Nas zonas con sensibilidade ambiental baixa e moderada aceleraranse as revisións ambientais dos proxectos, en liña coas medidas que xa vén aprobando a Xunta dentro das súas competencias.

Condicións que establece o real decreto-lei para que determinados proxectos non se sometan a avaliación ambiental senón a un novo procedemento e informe de determinación das afeccións ambientais, máis rápido CC-BY-SA Praza Pública

O real decreto-lei habilita a posibilidade de axilizar a tramitación ambiental de proxectos eólicos de menos de 75 MW ou solares fotovoltaicos de menos de 150 MW se ademais cumpren coas condicións de que as súas liñas de conexión teñan menos de 15 quilómetros, non afectan á Rede Natura 2000 e están situados “integramente en zonas de sensibilidade baixa e moderada segundo a Zonificación ambiental para a implantación de enerxías renovables, ferramenta elaborada polo Ministerio para a Transición Ecolóxica”.

Esa ferramenta foi elaborada polo ministerio a finais de 2020 clasificando todo o territorio estatal en función de múltiples variables como os espazos protexidos, a presenza de especies de especial interese, a visibilidade ou a proximidade a núcleos de poboación. Dispón dun visor [pódese consultar aquí] no que se aprecia que boa parte de Galicia presenta a cor máis escura que supón a máxima sensibilidade ambiental, pero deixa tamén libres zonas con sensibilidades inferiores.

A zonificación presenta por exemplo as zonas urbanas ou espazos protexidos como de máxima sensibilidade e reduce esta ao mínimo en amplas superficies do interior de Galicia

No visor, por exemplo, unha vez seleccionada a capa de mapas correspondente a “enerxía eólica”, na que se cubre todo o territorio con círculos de distinta intensidade como áreas de maior ou menor protección, hai dispoñible unha utilidade para “identificar” as características de cada punto do mapa que se desexe, obtendo un índice de sensibilidade entre 0 e 10, no que canta máis puntuación menos sensible ambientalmente sería a zona.

Unha consulta situada no centro da cidade de Santiago ou das Fragas do Eume ofrece como resultado un índice de sensibilidade ambiental de cero, no primeiro caso identificando como indicadores negativos o feito de ser un núcleo urbano, de afectar ao Camiño de Santiago ou a un ben patrimonio da humanidade, e no segundo por ser un espazo natural con varios tipos de protección e mesmo, en menor medida, por proximidade a núcleos urbanos.

Pola contra, ao identificar por exemplo un punto ao nordeste do centro de urbano de Monterroso, na zona que o mapa presenta en Galicia como máis clara e por tanto con menos sensibilidade, o resultado é un índice de 9,38, con efectos identificados só sobre a visibilidade. Outra consulta ao sudoeste de Beariz, por exemplo, ofrece un índice de 10, sen ningún indicador negativo identificado.

Exemplos de sensibilidade ambiental fronte á enerxía eólica en catro puntos seleccionados no casco urbano de Santiago, as Fragas do Eume, Monterroso e Beariz CC-BY-SA Praza Pública

Os proxectos que se sitúen nesas zonas definidas como de sensibilidade baixa e moderada non estarán suxeitos ao procedemento xeral de avaliación ambiental “na medida en que así o determine” un denominado procedemento e informe “de determinación de afección ambiental”, con prazos máis curtos e que en todo caso ditarán condicionantes e medidas preventivas e correctivas. Fóra desta posibilidade de eludir as avaliacións ambientais máis complexas quedan os proxectos que se instalen no mar, como a eólica mariña, pero os novos mecanismos si facilitarán a instalación de proxectos solares nas masas de auga das centrais hidroeléctricas.

As novas medidas contrastan coa reforma que o Ministerio para a Transición Ecolóxica puxo en marcha hai medio ano, antes da actual crise, para facer “máis esixente” a avaliación ambiental de todo tipo de proxectos

Esta medida agora aprobada polo Goberno central contrasta coa reforma que puxo en marcha hai medio ano, antes da actual crise, coa intención declarada de facer “máis esixente” a avaliación ambiental de todo tipo de proxectos. Unha reforma que pretendía facer máis estritos os límites de dimensións dos proxectos e da que o propio executivo dicía que ía “aumentar o número de proxectos con necesidade de avaliación do impacto ambiental”, procedemento que á súa vez xa podía ser ordinario ou simplificado en función das características dos proxectos e do seu emprazamento. 

Un parque eólico en Mondoñedo © Norvento

Agora, ademais de primar para a súa autorización ambiental os proxectos en función da nova zonificación elaborada polo ministerio, tamén se acumulan para determinados tipos deles nunha mesma tramitación a información pública ou os informes sectoriais de posibles administracións afectadas.

En Galicia a Xunta xa viña adoptando diversas medidas para axilizar a tramitación dalgúns parques eólicos

En Galicia a Xunta xa viña adoptando diversas medidas para axilizar a tramitación dalgúns parques eólicos -da súa competencia son os de menos de 50 MW, e os de máis ou que afecten a varias comunidades son de competencia estatal-, mesmo no marco da moratoria aprobada por ela mesma que non lle impide seguir tramitando os que considere, mesmo aínda que os seus emprazamentos non estivesen previstos no seu propio plan para o sector. En materia ambiental o Goberno galego introduciu a posibilidade de que empresas privadas avalíen as alegacións da cidadanía contra proxectos con impacto ambiental ou habilitouse para autorizar usos non previstos en espazos protexidos para facilitar “novas estratexias de produción”.

A nivel estatal tamén está pendente de que se aproben os documentos definitivos de ordenación marítima que sinalen as zonas previstas para a enerxía eólica, despois de que inicialmente o ministerio propuxese varias zonas en Galicia que recibiron o rexeitamento de pescadores ou que poderían afectar tamén a Portugal.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.