No decreto lei aprobado co obxectivo de paliar as consecuencias económicas que está a provocar a guerra de Ucraína e a suba xeneralizada de prezos, o Goberno central vén de dar vía libre a que supermercados e tendas limiten o número de produtos que pode levar cada comprador.
Así, o decreto lei que entra en vigor este 31 de marzo -e que aproba o desconto de 20 céntimos o litro de combustible, varias axudas a diferentes sectores ou a suba do Ingreso Mínimo Vital- inclúe tamén esa posible limitación á compra. Aclara que será "excepcionalmente, cando existan circunstancias extraordinarias ou de forza maior que o xustifiquen". Nese caso, os establecementos comerciais "poderán suspender con carácter temporal a prohibición prevista" de limitar a cantidade de artigos que poden ser adquiridos por un comprador.
Esta medida supón a modificación da lei do comercio minorista, que ata agora establecía que os comercionates non podían limitar a cantidade de produtos a levar polo cliente e que aclaraba que, de non haber existencias dabondas, estas débense vender a aquel que chegue primeiro.
A limitación de produtos a comprar só poderá realizarse "excepcionalmente, cando existan circunstancias extraordinarias ou de forza maior que o xustifiquen"
No entanto, son moitas as tendas e supermercados que nalgunha temporada advirten en carteis dos límites ás cantidades que se poden comprar. Pasou nas últimas semanas co aceite de xirasol, ante as novas sobre unha posible escaseza e o acaparamento que do produto facían alguns clientes. En definitiva, o Goberno central torna agora legal unha práctica que xa era común en moitas tendas.
Con todo, e no caso de que os comercios decidan impor a limitación, o BOE aclara que calquera das medidas "deberán estar xustificadas e adoptaranse de maneira proporcionada cando sexa necesario para impedir o desabastecemento e garantir o acceso dos consumidores en condicións equitativas".