A oficina do Parlamento Europeo en España inicia en Vigo as xornadas sobre os fondos NextGenerationEU. O eurodeputado socialista Nicolás García Casares, membro da Comisión de Industria, Investigación e Enerxía, pide actuar coas renovables sen "canibalizar" o territorio e apunta á gran marxe de crecemento da enerxía solar
A revisión da directiva de renovables da Unión Europea (UE) é moi salientable pois moitos dos problemas do Estado español no actual contexto internacional veñen da súa dependencia das enerxías fósiles. Aumentar a autonomía co emprego de enerxías renovables e sostibles (como a biomasa ou bio-enerxía) é o camiño que se marcan os países da UE para a década que vén.
Dentro do plan de recuperación da UE, o NextGenerationEU, a oficina do Parlamento Europeo en España organiza unha serie de sesións abertas con empresarios e asociacións para dar a coñecer os mecanismos de participación para acceder a estes fondos baixo o lema Europa invierte en mi región, que comezou o seu periplo en Vigo e onde participaron os europarlamentarios galegos Nicolás González Casares (da Alianza Progresista de Socialistas e Demócratas no Parlamento Europeo) e Francisco Millán Mon (do Partido Popular Europeo) así como o director adxunto da oficina do Parlamento Europeo en España, Juergen Foecking; a conselleira económica da Comisión Europea en España, María Canal Fontcuberta; e o conselleiro de Facenda da Xunta, Miguel Corgos, entre outras autoridades.
O eurodeputado Nicolás González Casares vincula os esforzos no uso das renovables coa fixación da industria no país
Nun encontro cos medios, Nicolás González Casares debullou que estes fondos teñen "moito parecido" coas "necesidades de Galicia". ″O que estaba previsto para o ano 2030 en Europa era arredor dun 37% de enerxías renovables no consumo final, e agora imos para o 45% nese mesmo ano. En 2020 estabamos no 20%, cumprindo o obxectivo que marcaba a directiva, e queremos máis que dobralo en dez anos. Polo tanto, o esforzo é importante e a inversión tamén. Temos que adaptarnos a este camiño″, sinalou Casares, que vinculou estes esforzos á fixación da industria no país. ″Se Alcoa volve producir aluminio primario en Lugo vai ser porque teña o megavatio por debaixo de 50 euros nun contrato bilateral con alguén que produza enerxía eólica″, exemplificou.
O europarlamentario do grupo da Alianza Progresista de Socialistas e Demócratas no Parlamento Europeoa salientou que a marxe de crecemento de Galicia –e do conxunto do Estado– no que se refire á enerxía solar é "moi ampla"; sobre todo fronte a países como Alemaña, á que xa non lle queda moita máis capacidade de expansión neste campo. ″Na transición enerxética e nas enerxías renovables non só temos que xerar, temos que producir os elementos que xeran. Galicia na eólica offshore flotante pode ser unha potencia, así como nalgúns campos da bio-enerxía e da enerxía solar″, explicou, para incidir na idea de que España debe facer un esforzo para producir os seus propios paneis solares, así como non perder de vista a formación de profesionais para a instalación destes paneis.
O Plan REPowerEU creouse para ″acelerar a transición ecolóxica e evitar que Rusia empregue eses ingresos como unha vía para financiar a guerra″
Con todo, o eurodeputado socialista destacou que estes cambios non poden pasar por ″canibalizar o territorio″ e que é preciso identificar onde instalar estes equipamentos. No Plan REPowerEU da Comisión Europea, creado para ″acelerar a transición ecolóxica e evitar que Rusia empregue eses ingresos como unha vía para financiar a guerra″ na Ucraína, iníciase un novo nivel de debate sobre as áreas de instalación –″sempre dentro de espazos que non teñan ningún tipo de protección″, indicou González Casares– e que os beneficios tamén revertan nese lugar.
″Ten que verse que hai un beneficio directo no territorio e hai que contar coa poboación afectada″, di, para engadir que lle ve moitas dificultades na práctica, sobre todo no contexto da Península Ibérica coas poboacións tan diseminadas. ″Tratarei de ter en mente de onde son á hora de redactar a directiva″, apostilou o de Lalín, que forma parte da Comisión de Industria, Investigación e Enerxía.
O Plan REPowerEU tamén ten en conta o gas –considerado unha inversión 'verde' para a UE, como a enerxía nuclear– e detalla que se garantirán os ″niveis de importación″ de gas natural licuado (GNL), promovendo as ″compras conxuntas″ de gas para ″aunar poder negociador″. Neste senso, González Casares desenvolveu a idea de que o Estado español pode ter unha vantaxe que explotar polo elevado número plantas de regasificación –como Reganosa– que alberga.