O órgano financeiro da UE admitiu a trámite a queixa e estuda xa os intereses enfrontados sobre o impacto ambiental e social das actuacións que a enerxética quere acometer cun préstamo de 700 millóns de euros que lle concedeu
O Banco Europeo de Investimento (BEI), órgano financeiro da Unión Europea que concede préstamos para todo tipo de proxectos que contribúan aos obxectivos comunitarios, está a analizar unha reclamación formulada por colectivos e cidadanía galega polos efectos ambientais e sociais dos proxectos eólicos e solares que financia a Endesa.
O banco concedeu un préstamo marco de 700 millóns de euros á enerxética, controlada pola italiana Enel, para diversos investimentos en enerxías renovables que a empresa calcula en 1.400 millóns de euros. A entidade financeira, dentro dos seus procesos de participación cidadá e responsabilidade social, admitiu a trámite a queixa formulada desde Galicia e, nunha segunda fase, analiza agora os intereses enfrontados das partes.

Os 700 millóns de euros concedidos polo BEI a Endesa teñen por obxectivo desenvolver no período 2021-23 un investimento de 1.400 millóns de euros en 16 parques solares con 2.000 MW e 8 parques eólicos con 600 MW e “a posibilidade” dun sistema de almacenamento de enerxía, actuacións cuxo emprazamento non se detalla. Só na contorna das Pontes, onde está en proceso de desmantelar a central térmica, Endesa anunciou xa a súa intención de instalar varios parques eólicos en medio das protestas de diversos colectivos contra a proliferación e falta de planificación do sector. Nas Pontes a eléctrica tamén quere crear unha instalación de produción de hidróxeno como sistema de almacenamento enerxético.
Tras recibir o 12 de xullo a queixa contra os proxectos de Endesa que financia, o Banco Europeo de Investimento verificou que as alegacións tiñan relación coa súa decisión e non formaban parte da súa lista de queixas inadmisibles. E nunha segunda fase do seu proceso de responsabilidade social está agora avaliando a queixa “para aclarar as preocupacións formuladas polos denunciantes e para comprender mellor as alegacións das queixas, así como as opinións doutras partes interesadas pertinentes”.

O banco sinala que as actuacións “que teñan un impacto adverso significativo en calquera sitio de importancia para a conservación da natureza non serán elixibles [financiables] baixo esta operación”
No propio proceso de concesión do financiamento a Endesa o BEI tivo en conta e condicionou o seu préstamo a que a empresa cumpra coa normativa ambiental correspondente. A propia entidade financeira estableceu que a empresa deberá “proporcionar ao banco a confirmación escrita a tal efecto da autoridade competente” e que as actuacións “que teñan un impacto adverso significativo en calquera sitio de importancia para a conservación da natureza non serán elixibles [financiables] baixo esta operación”. O propio BEI comprométese a facer públicos os estudos de impacto ambiental e a supervisar os efectos ambientais e sociais dos investimentos que financie.
O banco non concreta o emprazamento das actuacións para as que Endesa solicitou o seu financiamento marco, pero si di que das 24 previstas “once xa obtiveron o seu consentimento ambiental, e espérase que as restantes obteñan o seu permiso a mediados de 2022”, engadindo que as que finalmente financie “avaliaranse en detalle antes da asignación dos fondos do BEI a estes programas”.