O Goberno galego demora de 15 a 30 días a exposición ao público de parques por 450 millóns de euros en 30 concellos tras a sentenza do TSXG que anulou a aprobación dun en Corme por reducir ilegalmente ese prazo. Di facelo “con base no principio de seguridade xurídica e por un criterio de precaución”.
En xaneiro o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) anulou a aprobación por parte da Xunta da repotenciación do parque eólico de Corme porque o Goberno galego acelerou de xeito ilegal a súa exposición ao público. Amparándose nunha lei impulsada por el mesmo en 2017 para impulsar as instalacións que considere “de interese especial” para Galicia, o executivo de Feijóo reducira a 15 días esa información pública malia que a normativa europea fixa non menos de 30 días.
Tras aquela sentenza, que aínda non é firme á espera do que pase co recurso de casación que presentou contra ela, a Xunta decidiu volver a expoñer ao público parques eólicos que xa o foran por 15 días pero ampliando agora o prazo a 30. Tamén estendeu os efectos da resolución xudicial a parques declarados de interese autonómico que aínda non foran expostos ao público, que se están sometendo agora a información pública igualmente por un prazo de 30 días co argumento de que é unha precaución ante os efectos que poida ter a sentenza do TSXG.
Ata o momento xa son un total de 20 os parques eólicos que a propia Xunta declarou expresamente no DOG nas últimas semanas como afectados pola denominada sentenza 18/2022 do TSXG. As súas instalacións afectan a 30 concellos distintos por toda Galicia, suman 533 MW de potencia en 128 aeroxeradores e suporían un investimento de 450 millóns de euros.
Na lista de instalacións eólicas que a propia Xunta incluíu ata agora baixo o efecto da sentenza do TSXG e polo tanto está a demorar a súa exposición pública danse diversas situacións. En 16 casos son parques eólicos que xa se expuxeron ao público en meses anteriores durante 15 días e que a Xunta decidiu volver a someter a información pública agora por 30 días. Noutro caso é unha liña de conexión eléctrica a que vén de expoñerse novamente por 30 días tras selo previamente por 15.
Pero tamén hai outros tres parques eólicos afectados (o de Lamas de Feás, en Baltar e Os Blancos, directamente, e os de Cunca e Rodeiro, en Silleda e Lalín, pola súa conexión eléctrica compartida) non porque xa houbese unha exposición pública senón porque agora a Xunta decide someter a información por primeira vez os seus respectivos trámites cun prazo de 30 días argumentando expresamente que o fai por mor da sentenza do TSXG e “con base no principio de seguridade xurídica e por un criterio de precaución”.
A Xunta tramita unha nova modificación da lexislación eólica mentres Feijóo acusa a Sánchez dunha transición enerxética "improvisada"
A sentenza do TSXG que fixo ver á Xunta que as présas son contraproducentes chegou apenas unha semana despois de que o propio presidente Feijóo anunciase un novo incentivo para priorizar a tramitación dalgúns parques eólicos. Unha medida que anunciou que introduciría na nova lei de áreas empresariais que nada ía ter que ver co sector eólico, segundo o borrador de articulado que xa se coñecía daquela. Ese proxecto de lei xa foi aprobado polo Consello da Xunta o pasado xoves 28 de abril, un día antes de que o Goberno galego entrase en funcións pola dimisión do presidente Feijóo, pero aínda non entrou formalmente no Parlamento. A nova norma que volverá mudar o sector eólico en Galicia chega mentres Feijóo acusa ao Goberno central de Pedro Sánchez dunha transición enerxéctica "improvisada".