O estudo ambiental do primeiro parque eólico en tramitación na serra da Groba obviou especies protexidas

Serra da Groba nas proximidades do parque eólico Albariño I que Medio Ambiente vén de rexeitar © SOS Groba

A Xunta rexeita o proxecto polo seu forte impacto ecolóxico e paisaxístico e critica a “ausencia de consideracións ambientais no seu deseño” tras a forte contestación social no Val Miñor e Baixo Miño

A Consellería de Medio Ambiente fixo pública este xoves a declaración de impacto ambiental “desfavorable” do primeiro parque eólico en tramitación na serra da Groba, última gran serra litoral galega sen ese tipo de instalacións e onde se atopan hábitats que a UE esixe protexer mellor do que o fai a Xunta. O Goberno galego, que declarara prioritaria a tramitación do parque Albariño I, di agora que a documentación do estudo de impacto ambiental que lle presentou a empresa promotora, Ceólica Hispania SLU, do grupo Acciona, é “inadecuada” e rexéitao por, entre outras cuestións, a “ausencia de consideracións ambientais no deseño do proxecto” ou a presenza real no lugar de extensións de especies protexidas “maiores que as sinaladas no estudo de impacto ambiental”.

O parque eólico Albariño I foi o primeiro en comezar a súa tramitación ambiental das varias instalacións enerxéticas de todo tipo que diversos promotores impulsan na zona, que veñen recibindo unha importante contestación por parte da veciñanza e dos concellos de todas as cores das comarcas do Val Miñor e o Baixo Miño polas que se estende a serra da Groba.

Marcha contra os eólicos na serra da Groba en maio do pasado ano © SOS Groba

Segundo a declaración de impacto ambiental negativa feita pública este xoves pola Xunta, os principais impactos do parque serían nos eidos ambiental e paisaxístico. No primeiro, a Dirección Xeral de Patrimonio Natural analizou o estudo de impacto ambiental que lle presentou a empresa contrastándoo con observacións realizadas polo seu propio persoal nunha visita de campo. Así, detectou que as extensións na zona prevista para os aeroxeradores de uceiras húmidas atlánticas de Erica ciliaris e Erica tetralix, hábitat protexido pola UE, “son maiores que as sinaladas no estudo de impacto ambiental”. Tamén detectou seis charcas temporais, empregadas entre outras especies pola importante poboación de cabalos salvaxes existentes na serra.

Os técnicos de Patrimonio Natural tamén incluíron no seu informe “consideracións sobre as medidas protectoras e correctoras propostas no estudo de impacto ambiental, apuntando que carecen dunha definición precisa que permita a súa execución en termos precisos”.

Os técnicos de Patrimonio Natural da Xunta alertaron de "aspectos moi singulares e vulnerables que se poden ver afectados de maneira significativa", e a empresa non foi quen de darlles réplica

Ante ese informe, a Dirección Xeral de Patrimonio Natural concluíu que a documentación achegada pola empresa “pon de manifesto a ausencia das consideracións ambientais no deseño do proxecto, detectando aspectos moi singulares e vulnerables que se poden ver afectados de maneira significativa”. A empresa, indica a Xunta, non foi quen de contestar adecuadamente ás súas consideracións e centrouse en lembrar que outro proxecto similar de parque eólico xa obtivera unha declaración de impacto ambiental positiva hai unha década. Porén, a Xunta lembra que que aquela declaración caducou e que o proxecto só pode avaliarse segundo a normativa actualmente vixente.

Fragmento da declaración de impacto ambiental "desfavorable" no que se recollen as consideracións realizadas polos técnicos de Patrimonio Natural da Xunta CC-BY-SA Praza Pública

Canto ao impacto paisaxístico, o Instituto de Estudos do Territorio da Xunta critica que o estudo de impacto ambiental presentado pola empresa cualifícao como “moderado” pero que iso non se corresponde coa realidade. O departamento autonómico salienta que “os aeroxeradores sitúanse en ámbitos de visibilidade alta ou moi alta desde as zonas de maior potencial de vistas” e lembra que un dos miradoiros máis salientables da zona “atópase a escasos 80 metros dun dos aeroxeradores”. 

Malia que o Instituto de Estudos do Territorio da Xunta considerou "crítico" o impacto sobre a paisaxe, o departamento de Turismo valorou o efecto sobre a súa actividade, nunha comarca turística como o Val Miñor, como "reducido"

O Instituto de Estudos do Territorio concluíu que o impacto do parque eólico “resulta crítico toda vez que nesta zona do territorio os aeroxeradores constitúen elementos novos na paisaxe”. Tampouco neste eido a empresa soubo dar resposta ás consideracións dos técnicos.

Pola contra, malia as consideracións negativas sobre a paisaxe e a visibilidade do parque desde o Val Miñor, unha das comarcas máis turísticas de Galicia, un dos departamentos da Xunta que non puxo maiores obxeccións ao proxecto foi a Axencia Turismo de Galicia, para quen “o impacto do proxecto no turismo rural local e na súa contorna é reducido”. Outros departamentos autonómicos tamén se limitaron a ditar medidas correctoras ou de precaución, como fixo a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, que informou de xeito favorable condicionado a que se levasen a cabo medidas correctoras.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.