O propio estudo ambiental impulsado por Acciona inclúe infografías co impacto visual que tería a instalación, cuxa tramitación o Consello da Xunta decidiu acelerar en segredo o pasado xullo
Ata agora foran entidades da sociedade civil da zona, como o Instituto de Estudos Miñoráns ou SOS Groba, as que alertara con infografías propias do impacto visual que terían os parques eólicos que están a tramitarse na serra da Groba, a última gran serra litoral galega, entre o Val Miñor e o río Miño, que aínda non conta con aeroxeradores e na que a Xunta paralizou hai unha década a súa incorporación á Rede Natura 2000. Pero agora é a propia empresa promotora do parque que máis avanzada ten a súa tramitación, Acciona, a que entre a documentación que somete a información pública para a avaliación do seu impacto ambiental inclúe varias recreacións de como se verían as seis turbinas que quere instalar.
Na documentación de Acciona que este mércores a Xunta vén de someter a información pública durante 15 días inclúense infografías nas que as turbinas do denominado parque Albariño I son visibles desde o Parador de Baiona, a ponte coñecida como ‘romana’ -realmente románica- da Ramallosa entre Baiona e Nigrán, o miradoiro do Cortelliño situado sobre Baiona e desde o que se pode chegar a ver Fisterra, ou a praia de Santa Marta deste concello turístico.
A exposición pública que agora se inicia deste parque eólico, o máis avanzado na súa tramitación dos varios que diversas empresas propoñen á Xunta instalar na Groba e que suman máis de 40 turbinas, permite saber que o Goberno galego decidiu o pasado 29 de xullo declaralo iniciativa empresarial prioritaria. Unha catalogación que acelera os prazos de tramitación dese tipo de iniciativas e que o Consello da Xunta aprobou en segredo, sen comunicalo nin o presidente Feijóo na rolda de prensa posterior, como si fai con outros proxectos, nin incluíla no listado de asuntos aprobados que posteriormente divulgan os servizos de comunicación do Goberno galego.
A Xunta paralizou hai unha década a protección da serra da Groba como Rede Natural 2000
A decisión do Goberno galego de considerar agora “iniciativa empresarial prioritaria” este parque eólico contrasta coa consideración da propia Xunta do potencial económico que a través do turismo ten a serra da Groba. Hai dous anos a Xunta aprobaba a consideración de Baiona como municipio de grande afluencia turística por, entre outras cuestións, “a súa riqueza natural e paisaxística, en que destacan a Serra da Groba”, elemento que valoraba por diante da súa condición de municipio costeiro. Porén, hai unha década que a Xunta paralizou os trámites para incorporar a serra da Groba aos espazos protexidos en Galicia dentro da Rede Natura 2000.
A documentación agora a exposición pública asegura que os impactos que tería o parque son moderados e compatibles en todos os aspectos analizados. Entre as súas afeccións a varias comunidades de montes da zona hai tamén unha ao dereito mineiro que ten a empresa baionesa Agua Sana para explotar e embotellar auga minero natural que mana da serra da Groba. Agora terá que ser a Xunta, tras analizar as alegacións que se lle formulen, a que tome a decisión definitiva sobre se autoriza ou non o parque.