Hai tan só cinco meses, a Xunta confirmaba que non se tramitaría o parque eólico TV-20 previsto na Serra do Galiñeiro, poñéndose así o freo definitivo a un polémico proxecto contra o que levaba dez anos mobilizándose a sociedade civil do Val Miñor e da área metropolitana de Vigo.
Hai só cinco meses, a Xunta confirmou o punto final ao proxecto dun parque eólico na Serra do Galiñeiro logo de dez anos de loita cidadá
A Plataforma Pola Protección da Serra do Galiñeiro, que agrupa unha morea de colectivos e asociacións, liderou as protestas contra un parque que prevía 14 aeroxeradores na contorna de Vigo, con afectación nunha parte do territorio da cidade e mais de Gondomar, O Porriño e Tui. Terra do Vento, a sociedade promotora que tiña como principal accionista a Element Power, renunciou finalmente tras unha década de existencia pero inactividade.
Menos de medio ano despois, e logo dunha loita dunha década contra o anterior proxecto, outro parque prevé instalarse na entrada do Parque Natural Monte Aloia
Durante anos, e moito antes do xurdimento de tantas entidades en alerta ante proxectos eólicos que consideran que sobrepasan o impacto asumible en varias comarcas galegas, esta plataforma organizou andainas con ata 2.000 persoas no Galiñeiro, conseguiu apoio de persoeiros destacados e, sobre todo, pelexou por achegar todos os datos posibles á veciñanza e institucións afectadas. "Foi unha loita titánica contra a desinformación", dicía Jesús Rodríguez, voceiro dunha agrupación que, considera, puxo o seu "gran de area" para a fin do proxecto eólico, pouco ou moito, pero fundamental, precisamente, "pola información que se conseguiu achegar á xente e que a Xunta non dá".
Menos de medio ano despois, outro proxecto volve pór en alerta a plataforma. "Cando pensabamos que a serra quedaba libre de parques eólicos, aparece outro novo", advirte o colectivo, que fala dunha "nova ofensiva" tras a aparición a pasada semana no Rexistro Eólico de Galicia dunha instalación pendente de admisión prevista nos montes de Gondomar e Tui, mesmo na entrada do Parque Natural Monte Aloia.
Sitúase dentro do ámbito considerado da Serra do Galiñeiro, xusto entre esta e o Monte Aloia", explica Jesús Rodríguez sobre un parque de oito aeroxeradores, unha torre de medición e unha subestación, con catro dos muíños previstos na parroquia de Peitieiros, na mesma estrema con Morgadáns, e os outros en territorio de Tui próximo ao monte Paraguda.
A Plataforma Pola Protección da Serra do Galiñeiro considera "un despropósito" un proxecto ao pé dun parque natural que levan anos pedindo que se amplíe
"É un despropósito", asegura Rodríguez, sobre todo ao lembrar que, precisamente, outra das loitas eternas da plataforma é a ampliación a toda a Serra de Galiñeiro do Parque Natural Monte Aloia para aumentar a protección da zona. Agora, di, pretenden chantar un parque "xusto na fronteira do parque natural e na zona cara a onde miran parte dos seus miradores". "Nesta área unha infraestrutura así ten moita afectación", insiste quen aclara que as casas máis achegadas non distarían moito máis de 1 quilómetro dos eólicos.
Desde a plataforma denuncian as que consideran "artimañas" da Administración, movendo os parques dun polígono a outro "para confundir a poboación" ou expoñendo documentos unicamente quince días.
"O que conseguíramos era unha pequena vitoria, pero sabiamos ben que en calquera momento podía haber unha sorpresa... Só tivo que pasar o verán para que así acontecese", explica Rodríguez, que aclara que a plataforma levará a cabo agora unha campaña de información entre a veciñanza e as administracións locais afectadas e que aclara que xa teñen concertada unha reunión co alcalde de Gondomar e reunións previstas cos comuneiros dos terreos máis achegados ao parque. "Teremos que volver ás andainas, isto só acaba de comezar", remata.