Dende hai meses veñen organizándose en case todas as comarcas galegas plataformas veciñais que loitan contra proxectos de instalación de parques eólicos agresivos, que ocupan espazos de gran valor ambiental ou que son impulsados por grandes empresas que están a pagar cantidades moi reducidas pola adquisición dos terreos. De Monfero a Celanova, da Mariña ao Baixo Miño ou Bergantiños, a súa pelexa aseméllase moitas veces a unha loita de David contra Goliat: pequenos grupos de persoas que se enfrontan a grandes empresas que tomaron a dianteira e contan coa vantaxe dunha lexislación que puxo unha alfombra vermella para a instalación de macroparques en case calquera lugar e case de calquera maneira.
De Monfero a Celanova, da Mariña ao Baixo Miño ou Bergantiños, a súa pelexa aseméllase moitas veces a unha loita de David contra Goliat
O pasado domingo 5 de setembro o Mosteiro de Caaveiro foi o escenario do encontro de varias destas plataformas, que compartiron experiencias, coñecemento e comezaron a dar forma a unha estrutura de traballo conxunto, un paraugas común baixo o que operar e que cooperar. Naceu o lema “Aldeas Libres de Macroeólicos”, que en breve funcionará tamén como páxina web (aldeaslibresdemacroeolicos.com) que actuará como repositorio documental no que compartir recursos e información.
Aldeas Libres de Macroeólicos non é, cando menos de momento, unha plataforma de plataformas. Non ten unha estrutura estable e, polo de agora, fica nun "nome común", unha web e un espazo de colaboración e intercambio de recursos
Dende hai semanas é cada vez máis habitual ver en distintos lugares do país faixas e carteis o lema de “Aldeas Libres de Macroeólicos”, un nome común que busca poñer de relevo o prexuízo que para a Galicia rural, para as aldeas, supón a instalación destes parques que, a diferenza do que sucede noutros países, non deixan tampouco nas terras nas que se asentan un beneficio económico relevante. Unha "distribución asimétrica dos beneficios e dos custos absolutamente inxusta", como denunciaba nesta entrevista Xavier Simón, director do Observatorio Eólico de Galicia.
Aldeas Libres de Macroeólicos non é, cando menos de momento, unha plataforma de plataformas. Non ten unha estrutura estable e, polo de agora, fica nun "nome común", unha web e un espazo de colaboración e intercambio de recursos, explica Aranza González, da Plataforma Aire Limpo nas Mariñas-Mandeo, unha das entidades que a impulsa, xunto con outras de Monfero, Ordes, Paderne ou Oza e Cesuras, que levan tempo traballando conxuntamente. Con todo, a idea é que nos vindeiros meses máis plataformas e entidades ecloxistas e sociais de todo tipo se incorporen tamén.
"Ignoran o rural como se non houbese nada aquí, pero si que hai: hai núcleos, vivimos persoas, hai empresas, explotacións agrogandeiras..."
"A unión fai a forza", di, de aí a necesidade de compartir recursos e coñecemento. "Algo que xa se vén facendo nos últimos meses, porque hai moi bo ambiente de colaboración entre as plataformas, pero seguramente de xeito máis desorganizado, por iso é importante contar cun repositorio estable", engade.
Nesta loita de David contra Goliat, Aranza González denuncia o xeito en que se está a ignorar ás persoas que viven e traballan no rural: "ignoran o rural como se non houbese nada aquí, pero si que hai: hai núcleos, vivimos persoas, hai empresas, explotacións agrogandeiras...". "Á xente do rural atácannos porque somos pequenos, pero somos moitos pequenos e por iso temos que unirnos", engade.
"Á xente do rural atácannos porque somos pequenos, pero somos moitos pequenos e por iso temos que nos unir"
O Manifesto de Caaveiro denunciaba as "prácticas de moi dubidosa legalidade, por parte das empresas, para acadar da veciñanza acordos ou a sinatura que precisan para avanzar no seu propósito". E tamén os "atrancos que atopamos para defender os nosos dereitos a nivel municipal". "Uns concellos carecen de información; outros que a si a teñen ocúltana ou negan o acceso a ela con trabas e arteiradas de todo tipo. Buscan que os veciños non poidamos informarnos, organizarnos e defender os nosos dereitos, chegando incluso á manipulación dos movementos veciñais para minimizar a oposición ao proxecto e o impacto social e político", engadían, subliñando que "a complicidade cruzada de empresas e partidos é palpable".
"Os das eólicas chegan ás aldeas coma os malos de Pinocho, ofrecendo caramelos aos nenos para que non vaian á escola. Dinche que che van pagar moi ben polas terras, pero ao final o que che dan son migallas"
Aranza aclara que non están contra a enerxía eólica ("non queremos volver ao candil nin ás zocas") e subliña que "necesitamos enerxía e podemos asumir un certo dano ao medio, pero ese dano aceptámolo se é o menor posible e se os beneficios recaen nas zonas rurais, non en grandes empresas". Nese senso critica os prezos baixísimos que se están a ofrecer polas terras que ocupan os novos parques: "Os das eólicas chegan ás aldeas coma os malos de Pinocho, ofrecendo caramelos aos nenos para que non vaian á escola. Dinche que che van pagar moi ben polas terras, pero ao final o que che dan son migallas", di, poñendo como exemplo que "están a dar 9.000 euros por terras polas que en Dinamarca ofrecen máis dun millón de euros".
"Habería que buscar a forma de que causasen o menor dano posible, e sempre é mellor repotenciar os parques xa existentes en lugar de ocupar máis terras"
Lamenta, ademais, que non se estea a falar da "repontenciación" dos aeroxeradores, unha alternativa que semella ficar esquecida ante a opción de instalar novos parques. "Habería que buscar a forma de que causasen o menor dano posible, e sempre é mellor repotenciar os parques xa existentes en lugar de ocupar máis terras", di. O mesmo que salientaba hai unhas semanas Manifesto de Caaveiro, que lembraba que "hai parques eólicos ao limite da súa vida útil" e que "non é preciso estragar máis territorio cando podemos cambiar as instalacións obsoletas por outras máis eficientes e rendibles". "É necesario reciclar, e isto inclúe tamén os eólicos. Calquera goberno con conciencia ecolóxica debería contemplar esta opción", engadía.
"Agora todos son green: Greenpower, Greenalia..., e resulta que os que nos opoñemos á instalación destes macroparques somos os que estamos en contra do medio ambiente", denuncia
Outra das críticas refírese á pátina "verde" e mesmo ambientalista da que se están a rodear moitos proxectos eólicos e as empresas que os impulsan, que contan ademais con importante financiamento de fondos europeos destinados á protección do medio ambiente. "Agora todos son green: Greenpower, Greenalia..., e resulta que os que nos opoñemos á instalación destes macroparques somos os que estamos en contra do medio ambiente", denuncia. "Cando en realidade nós somos os que vivimos nestas zonas e somos os que escollemos vivir no rural de forma realmente sustentable. O meu proxecto de vida é criar as miñas fillas no rural de verdade e non no rural de vir de visita", subliña. E sobre a posta a disposición de fondos Next Generation, lamenta que constitúe "un dobre dano", pois "destrúen o medio e á vez acaparan o diñeiro que tiña que vir para outras cousas". "O que non poden é cargarse o medio ambiente en nome do medio ambiente", resume.
"O meu proxecto de vida é criar as miñas fillas no rural de verdade e non no rural de vir de visita", subliña
Entre as propostas que figuraban no Manifesto de Caaveiro para desenvolver de forma sustentable as enerxías renovables en Galicia esta a a aposta polo autoconsumo eléctrico a través da instalación de placas solares ou aeroxeradores de uso individual, algo que tamén reclama Aranza González: "non se conta que hai explotacións gandeiras que pasaron de pagar facturas eléctricas de 1.000 euros ao mes a pagar facturas de 50 euros ou menos despois de poñer placas solares. Estas son o tipo de cousas que non se contan, porque aquí non hai negocio para estas empresas".
O 16 de outubro plataformas veciñais de todo o Estado manifestaranse en Madrid contra os abusos das grandes empresas no proceso de impulso das enerxías renovables
Unha das primeiras mobilizacións que levaran a cabo estas plataformas unidas baixo o lema común de 'Aldeas Libres de Macroeólicos' será a marcha a Madrid convocada para o vindeiro 16 de outubro e na que participarán entidades veciñais de toda España. A marcha está convocada pola Alianza Enerxía e Territorio (Aliente), que agrupa a máis de 150 organizacións de todo o Estado, e que baixo o lema "Renovables si, pero non así", manifestaranse na Porta do Sol dentro de tres semanas, reclamando que "outra transición ecolóxica é posible". Máis adiante levarase a cabo outra marcha semellante en Compostela, que dará continuidade á mobilización que xa o pasado mes de xuño pediu un cambio no modelo eólico.