Unha multitudinaria marcha percorreu este sábado Santiago co gallo do Día do Medio Ambiente para reclamar un "novo modelo eólico" para Galicia e a "paralización" de "todos" os proxectos que se atopan en tramitación.
A marcha reclamou un "novo modelo eólico" para Galicia e a "paralización" de "todos" os proxectos que se atopan en tramitación
Baixo o lema Eólica, así non, os manifestantes corearon consignas como "o capital bótanos do rural" ou "Pacto Verde Europeo, futuro negro galego" nunha marcha convocada por máis de vinte entidades ás que se adheriron ducias de colectivos máis ata superar os 130 entre plataformas e entidades de todo tipo (ecoloxistas, veciñais, sociais, culturais, sindicais, políticas…). Entre as asistentes, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, o líder de Podemos Galicia, Antón Gómez-Reino, ou representantes de Anova, como Xosé Manuel Beiras.
Todas marcharon "contra a invasión eólica" de Galicia co obxectivo foi expresar o seu rexeitamento contra un modelo eólico que consideran "imposto e colonial" e que está a provocar unha avalancha de proxectos. Así, reclaman a "paralización urxente" dos, denuncian, "perto de 200 proxectos eólicos" que están en tramitación pola Xunta e o Estado e que se asentarían "dun xeito caótico e irracional" no territorio.
O PP defende o modelo eólico da Xunta fronte ao "ecoloxismo de propaganda do BNG e do PSOE"
Desde o Goberno galego, o seu vicepresidente e conselleiro de Economía, Francisco Conde, defendeu que a Xunta analiza "caso a caso" os proxectos eólicos para "cumprir" cos criterios ambientais. Ademais, o secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, defendeu o modelo da Administración autonómica fronte ao "ecoloxismo de propaganda do BNG e do PSOE". Así, criticou ao Executivo central por "autorizar parques mesmo onde a lexislación galega non o permite".
Na marcha, gardouse un minuto de silencio pola destrución que, segundo os convocantes, provoca a actual "avalancha" eólica en Galicia mentres soaba pola megafonía o ruído que emite un aeroxerador eólico.
No manifesto Eólica, así non, "por un novo modelo de desenvolvemento eólico para Galiza", lido ao final da marcha, convocantes e adherintes denunciaron o "modelo oportunista e fraudulento de proxectos eólicos fragmentados para esquivar a normativa legal". Centos de proxectos que, advirten, "devalúan as economías locais, prexudican a calidade de vida das persoas e degradan as comunidades que viven no rural", ademais de atentar á titularidade da terra e á explotación dos seus recursos, "deteriorando o medio natural, a paisaxe e o patrimonio".
As entidades convocantes e adheridas denuncian os "múltiples impactos" dun desenvolvemento eólico "masivo, sobredimensionado e sen planificar"
A marcha denunciou o desenvolvemento "masivo, sobredimensionado e sen planificar" duns parques eólicos que supoñen "múltiples impactos irreversíbeis", tanto en lugares próximos a vivendas como en zonas de interese agrogandeiro, espazos naturais protexidos e áreas de importante valor patrimonial.
Ademais, advirten dunha lexislación que "favorece o oligopolio enerxético" a través de normas, como as denominadas "leis de depredación", das que piden a súa derrogación, por axilizar a tramitación dos proxecos eólicos, reducindo a participación pública e favorecendo o parecer das empresas. Entre as posibilidades máis polémicas, a que permite á Xunta autorizar parques eólicos non previstos polo seu propio plan para o sector, eliminar trámites de información pública ou modificar instalacións.
Así, a marcha deste sábado reclamou a moratoria das instalacións eólicas en tramitación, o establecemento de data de caducidade para as concesións existentes e a paralización e prohibición dos muíños eólicos próximos a núcleos de poboación. Tamén un novo plan sectorial eólico sometido a avaliación ambiental estratéxica e a protección das zonas que "prestan biodiversidade e xeodiversidade", claves para aminorar os efectos do cambio climático.
Ademais, solicita a ampliación da superficie protexida de Galicia e que a Xunta cumpra o mandato da UE para aumentar a Rede Natura 2000, área na que se impediría a instalación de eólicos. Aposta por unha transición ecolóxica "ordenada, xusta e ao servizo do país" e o fomento do "aforro, a eficiencia e a autosuficiencia e soberanía enerxética" e que os propietarios das terras teñan "capacidade de decisión" ante as empresas enerxéticas.
"Esiximos unha normativa xusta para a sociedade, non a favor do lobby eólico", reclamaron os convocantes, que piden o cumprimento da normativa para a protección do medio ambiente e a esixencia de estudos de impacto ambiental "de calidade, independentes e non fraudulentos".
"É un novo proceso de colonización enerxética que no franquismo destruíu os ríos e agora vai polas terras e montes mentres hai moita xente na pobreza enerxética"
Os convocantes da marcha lembran que Galicia supera xa os cen concellos con parques eólicos e que hai máis de 4.000 aeroxeradores nos montes do país, que conta co 14% da potencia eólica instalada no Estado e ten o maior número de muíños por habitante e unha potencia instalada de 130Kw por quilómetro cadrado fronte aos 54 do conxunto de España.
"É un novo proceso de colonización enerxética que no franquismo destruíu os ríos e agora vai polas terras e montes mentres se mantén moita xente na pobreza enerxética", critican, tras reclamar que Galicia teña "soberanía sobre os seus recursos e capacidade para decidir o modelo de desenvolvemento a implantar para que este reverta na maioría social do país".
"Estamos a favor das enerxías renovábeis, pero sempre que sexan sustentábeis, non á costa da destrución do medio ambiente e comprometendo a calidade de vida das galegas e galegos", din.