O proxecto a exposición pública para obter a concesión de Costas prevé un depósito de 40 hectáreas a 400 metros de altura nun monte comunal
A Serra da Groba, na costa sur galega, entre Baiona e A Guarda, vén estando nos últimos anos no foco de diversos proxectos de parques eólicos que están a recibir unha importante contestación social polo seu posible impacto nunha zona aínda relativamente virxe. Agora súmase a proposta dunha centra hidroeléctrica reversible de 250 MW que se propón situar ao norte do concello de Oia, case no límite co de Baiona, e que bombearía auga do mar ata un depósito a 400 metros de altura que ocuparía 40 hectáreas de monte comunal desde o que a auga volvería soltarse para producir nese momento enerxía eléctrica. O proxecto está a exposición pública desde este martes para obter a concesión de Costas que precisa.
O proxecto agora proposto por Hidroeléctrica de Oia SL supón retomar outro que xa hai unha década iniciara a súa tramitación pero quedara paralizado. A central reversible consistiría na escavación dun depósito nas proximidades do alto do Facho, a uns 400 metros de altura, que ocuparía unha superficie de preto de 400.000 metros cadrados (40 hectáreas).
A ese depósito superior bombearíase auga do mar a través dunha tubaxe subterránea nos momentos en que o custo da electricidade sexa menor ou á empresa lle interese para, cando haxa máis demanda, empregar a auga almacenada para deixala caer, turbinala e producir electricidade. Segundo os documentos a exposición pública “as enerxías producidas e consumidas anualmente serán de 425.878 MWh e 609.252 MWh respectivamente”. O orzamento estimado do proxecto é duns 95 millóns de euros.
Xunto ao litoral instalaríase a central eléctrica, ocupando 2.800 metros cadrados de dominio público marítimo terrestre, pero a empresa di que estaría soterrada e só sería visible un "caseto"
Segundo a documentación do proxecto, o depósito superior ocuparía monte comunal, nas proximidades do curro de Mougás que serve de referencia para unha importante poboación de cabalos salvaxes. A tubaxe de conexión co mar discorrería subterránea ao longo de preto de dous quilómetros e xunto ao litoral instalaríase a central de produción eléctrica e a subestación, para o que se requiriría a ocupación duns 2.800 metros cadrados en dominio público marítimo terrestre e outros 4.100 metros en zona de servidume. Segundo a empresa, todas as instalacións estarían soterradas e na costa só sería visible un “caseto” de acceso ás mesmas.
O propio documento a exposición pública admite que parte dos terreos afectados polo proxecto da central reversible “están á súa vez incluídos en terreos previstos para o uso enerxético, concretamente nunha área de investigación eólica contemplada na modificación do Plan Sectorial Eólico” de 2002. É unha zona a moi poucos metros de onde o Concello de Baiona quería construír un campo de golf tamén en montes comunais, proxecto que foi aparcado hai tres anos.
Os diversos proxectos eólicos previstos para a mesma contorna veñen provocando unha importante contestación social na comarca
A posibilidade de que a serra da Groba albergue proxectos eólicos, con varios deles xa en tramitación, vén provocando unha importante contestación social polo impacto que poden ter sobre valores naturais e patrimoniais e sobre o turismo, un dos recursos económicos da zona. Malia contar con hábitats que a UE reclama protexer desde hai anos, a Xunta leva unha década evitándoo.