A Xunta somete a información pública, novamente acelerada, o segundo dos varios parques con medio cento de xeradores que se están a tramitar na zona, visibles desde os seus principais puntos turísticos
Na serra da Groba, entre o Val Miñor e o Baixo Miño, a última gran serra litoral galega na que aínda non hai parques eólicos e con varios hábitats e especies para os que a UE vén reclamando protección, varias empresas están a tramitar varios parques eólicos que sumarían medio cento de aeroxeradores cun importante rexeitamento social e político. A finais de outubro a Xunta someteu a exposición pública o primeiro deles, Albariño I, con recreacións infográficas realizadas polos propios promotores que amosaban a visibilidade de varios dos seus seis xeradores desde os principais puntos turísticos do Val Miñor.
Agora chega ao mesmo proceso de exposición pública, anunciado no DOG do 23 de decembro, o segundo parque, Merendón, que xa se intentou tramitar sen éxito hai unha década, con cinco turbinas situadas máis ao sur, entre Oia e O Rosal, e novamente cun prazo acelerado de 15 días decidido en secreto polo Consello da Xunta o pasado 21 de outubro. E ao igual que co anterior, os seus propios promotores, Tiraventos SL, presentan recreacións de como se verían os aeroxeradores desde distintos puntos da comarca.
Os puntos elixidos para as infografías non amosan os principais miradoiros e puntos de interese da zona senón outros nas súas proximidades nos que o ángulo de visión cara aos aeroxeradores os oculta algo máis
Os puntos elixidos non amosan os principais miradoiros e puntos de interese da zona senón outros nas súas proximidades nos que o ángulo de visión cara aos aeroxeradores os oculta algo máis. Pero aínda así as imaxes reflicten que dúas das turbinas serían visibles desde o mosteiro de Oia, monumento nacional e principal atractivo turístico-patrimonial da zona.
A recreación da visión dos aeroxeradores situados ao sur do mosteiro desde o propio monumento non está feita sobre unha imaxe na que se vexa a construción, senón desde o seu aparcadoiro, no sur, de xeito que só se amosan as pas e evítase unha maior visión dos mesmos que se a infografía se fixese máis ao norte, na porta da igrexa, por exemplo.
Máis visibilidade teñen os aeroxeradores noutras recreacións, como unha feita sobre a estrada principal que comunica á beira do mar Baiona coa Guarda pasando por Oia. A imaxe, tirada a pouca distancia ao norte do mosteiro, pero sen que se vexan nin este nin o mar veciño, permite apreciar a visibilidade que os aeroxeradores terán en boa parte do litoral de Oia.
O mesmo ocorre noutra imaxe tirada desde a mesma estrada litoral pero máis ao sur do mosteiro, comos e amosa sobre estas liñas.
Noutro caso, o punto elixido para tirar a imaxe sobre a que facer a recreación dos aeroxeradores permite que un deles se sitúe xusto tras unha árbore que aparece en primeiro termo e que contribúe a tapalo.
A decisión do Goberno galego de considerar agora “iniciativa empresarial prioritaria” este parque eólico, como xa fixo co previo Albariño I, contrasta coa consideración da propia Xunta do potencial económico que a través do turismo ten a serra da Groba, con recursos protexidos tanto naturais como patrimoniais e arqueolóxicos. Hai dous anos a Xunta aprobaba a consideración de Baiona como municipio de grande afluencia turística por, entre outras cuestións, “a súa riqueza natural e paisaxística, en que destacan a Serra da Groba”, elemento que valoraba por diante da súa condición de municipio costeiro. Porén, hai unha década que a Xunta paralizou os trámites para incorporar a serra da Groba aos espazos protexidos en Galicia dentro da Rede Natura 2000.