Representantes de diversas formacións políticas e entidades civís de Baiona, Nigrán, Gondomar, Tui, A Guarda, Tomiño, O Rosal e Oia escenifican o rexeitamento social
Baiona acolleu este xoves un acto de balance das mobilizacións contra os varios parques eólicos que se están a tramitar na serra da Groba, entre o Val Miñor e o Baixo Miño, a última gran serra litoral galega sen aeroxeradores e con hábitats que a Xunta leva unha década evitando protexer malia as peticións da UE. Representantes de diversas formacións políticas e entidades civís de Baiona, Nigrán, Gondomar, Tui, A Guarda, Tomiño, O Rosal e Oia escenificaron o rexeitamento social e anunciaron que as alegacións presentadas contra o primeiro dos parques eólicos a exposición pública, denominado Albariño I, contan co aval de cen mil sinaturas recollidas nas últimas xornadas.
As mobilizacións contra os eólicos na serra da Groba están a ser impulsadas polo Instituto de Estudos Miñoráns e a plataforma SOS Groba que agrupa a todo tipo de colectivos sociais. No caso dos parque eólico coa tramitación máis avanzada, cuxos promotores veñen de facer públicas recreacións nas que os aeroxeradores se poden ver desde algúns dos lugares máis emblemáticos do Val Miñor, o rexeitamento vén avalado tamén polos oito concellos que conforman as dúas comarcas, con gobernos locais encabezados por PSdeG (Baiona, Nigrán, Gondomar, Tui, A Guarda), BNG (Tomiño e O Rosal) e mesmo o PP, no caso de Oia, que habilitou un espazo específico na súa web municipal.
A exposición pública que agora remata do primeiro parque eólico, o máis avanzado na súa tramitación dos varios que diversas empresas propoñen á Xunta instalar na Groba e que suman máis de 40 turbinas, permitiu saber que o Goberno galego decidiu o pasado 29 de xullo declaralo iniciativa empresarial prioritaria. Unha catalogación que acelera os prazos de tramitación dese tipo de iniciativas e que o Consello da Xunta aprobou en segredo, sen comunicalo nin o presidente Feijóo na rolda de prensa posterior, como si fai con outros proxectos, nin incluíla no listado de asuntos aprobados que posteriormente divulgan os servizos de comunicación do Goberno galego. Agora, tras estudar as alegacións, a Xunta decidirá se autoriza ou non o parque.