Medio Ambiente encarga un estudo sobre o estado de conservación dos queirogais, que desde 2004 a UE reclama protexer mellor coa Rede Natura, cuxo plan director aprobado en 2014 xa establecía a necesidade de mellorar o seu inventario
Cando ofrece o dato de superficie afectada por cada incendio forestal a Xunta diferencia entre monte arborado e monte raso, e é habitual que os seus responsables políticos relativicen a importancia do segundo a respecto do primeiro. Pero tras esas cifras hai queirogais ou toxeiras, formacións endémicas de Galicia das que agora a Consellería de Medio Ambiente quere mudar o que cualifica como “percepción xeralizada de que estas matogueiras son improdutivas e, o que é máis importante, que presentan un escaso valor para a conservación”.
Para iso, a través da subdirección xeral de Espazos Naturais, que agora encabeza quen durante dúas décadas foi o máximo responsable da loita contra incendios, Tomás Fernández-Couto, vén de sacar a concurso a realización dun estudo sobre o estado de conservación dos queirogais e matogueiras de Galicia, “hábitats exclusivos de especies de flora e fauna”.
“Débese realizar un esforzo de valorización destes hábitats, sobre todo se se ten en conta que Galicia alberga moi boas representacións dalgúns tipos, así como unha notable variedade das comunidades que a forman”, di a documentación coa que agora se encarga o estudo, que deberá incluír un sistema de seguimento e de establecemento de medidas de conservación e que non estará rematado ata 2023.
Será dúas décadas despois de que en 2004 a UE considerase que os espazos designados como Rede Natura 2000, aínda non ampliados, eran insuficientes e non protexían o suficiente especies ou tipos de hábitats como os queirogais húmidos atlánticos de zonas de zonas temperadas de Erica ciliaris e Erica tetralix. E case unha década despois de que en 2014 o Plan Director da Rede Natura 2000 aprobado pola Xunta establecese a necesidade de “mellorar e completar o inventario dos queirogais húmidos”, definir o estado de conservación e identificar os principais factores de ameaza, en particular para Erica ciliaris e Erica tetralix.
Incendios e parques eólicos son algunhas das ameazas para as matogueiras
Agora a documentación coa que Medio Ambiente encarga o estudo sobre as matogueiras pon o foco nos sete tipos de hábitats de interese comunitario (THIC) definidos pola UE presentes en Galicia (queirogais alpinos, secos atlánticos, húmidos ou oromediterráneos endémicos con toxos, entre outros) e en particular nas anteditas Erica ciliaris e Erica tetralix.
Medio Ambiente sinala que “en xeral, excepto as formacións de alta montaña, por enriba dos 1.700 metros (Os Ancares e Trevinca) recoñecidas como matogueiras maduras ou clímax e as formacións costeiras desenvolvidas en condicións climáticas extremas ou con solo limitado recoñecidas como comunidades permanentes, o resto trátase de matogueiras de substitución: substitúen desde moi antigo aos bosques caducifolios característicos destes territorios como resultado dunha progresiva antropización da paisaxe motivada polas prácticas agrogandeiras”.
Agora parte desa paixase modelada polo home debe ser protexida, segundo reclama a UE, porque contén hábitats ameazados. Uns queirogais que a UE reclama protexer e que non só están ameazados polos incendios forestais senón tamén pola instalación de parques eólicos. As zonas altas nas que se emprazan poden albergar tanto matogueiras como turbeiras, tamén cunha limitada protección. De feito, a ampliación da Rede Natura 2000 que a Xunta deseñara e paralizou hai unha década contemplaba novos espazos protexidos en lugares como a Serra da Groba nos que están presentes tantos queirogais como turbeiras que a UE pide preservar que pero a día de hoxe seguen baixo a ameaza dos muíños.
“O compromiso de manter unha determinada representación destes hábitats nun estado de conservación favorable esixe contar cun adecuado coñecemento", di agora a Xunta
Hai un mes, e tras unha década de bloqueo, o PP sumouse ás reclamacións da oposición para que a Xunta amplíe a Rede Natura. E agora a Xunta, na documentación coa que encarga o estudo das matogueiras e queirogais, di que “o compromiso de manter unha determinada representación destes hábitats nun estado de conservación favorable esixe contar cun adecuado coñecemento da distribución e extensión dos distintos tipos e subtipos destes hábitats”. E a continuación enuméraos: “carpaceiras e caramiñais, toxeiras-queirogais atlánticos, queirogais mediterráneos, toxeiras pulvinulares costeiras, queirogais hidrófilos, piorneiras de alta montaña xesteiras eurosiberianas e mediterráneas, matogueiras encespedadas de montañas calcáreas, cimbrais climácicos de alta montaña”. Matogueiras que son moito máis que toxos.