Dende o verán de 2009, as restricións informativas da Xunta impide coñecer con precisión onde se producen todos os incendios forestais e, daquela, estimar canto e arde o monte mentres está a suceder. Así, cada ano cómpre agardar aos balances provisionais do Ministerio de Agricultura ou á publicación do Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia (Pladiga) por parte da Xunta para coñecer as cifras de superficie ardida no ano anterior -que adoitan ser provisionais- e as revisións das cifras dos exercicios previos.
Tras a súa aprobación polo Consello da Xunta este 26 de maio, a Consellería do Medio Rural vén de publicar o Pladiga do 2021 coas cifras de 2020 e as revisións das dos anos anteriores -neste caso, con variacións de escasa relevancia dende o ano 2013-. Segundo este documento, durante o pasado ano arderon en Galicia 14.837,90 hectáreas en incendios forestais. Delas, algo menos de 2.000 eran superficie arborizada e case 13.000, monte raso.
Como amosa o gráfico sobre estas liñas, aínda que a superficie ardida en 2020 é maior á que ardeu en 2018 e 2019, as rexistradas seguen sendo cifras moi inferiores ás doutros exercicios con maior impacto do lume no monte. Foi o caso do 2017, con máis de 62.000 hectáreas ardidas (delas, unhas 50.000 en apenas tres días de outubro), das máis de 40.000 ardidas en 2011 ou das 95.000 do ano 2006.
En 2020, a concentración das hectáreas ardidas non se produce en tan poucos días como na vaga de 2017, pero tampouco en moitos máis. Non en van, en apenas unha semana de setembro arderan unhas 9.000 hectáreas de monte na provincia de Ourense, segundo as estimacións divulgadas por Medio Rural daquela.
En apenas unha semana de setembro de 2020 arderan unhas 9.000 hectáreas na provincia de Ourense, que o propio Pladiga destaca por sufrir "a metade dos grandes incendios forestais dos últimos 30 anos"
Ata sete dos focos daquela vaga acadaran a consideración de gran incendio forestal, por superaren as 500 hectáreas de superficie ardida. Entre os concellos afectados repetíranse vellas coñecidas da toponimia ourensá do lume, tales como Río Caldo (Lobios), con 2.000 hectáreas ardidas, Cualedro (case 1.400), Chandrexa de Queixa (850) Vilariño de Conso (817), Manzaneda (800) ou Rebordechau, en Vilar de Barrio (550).
O propio Pladiga sinala a especial incidencia dos grandes incendios forestais na provincia de Ourense. "Destacan principalmente os datos relativos á provincia de Ourense, onde se producen a metade dos GIF dos últimos 30 anos, e conta tamén con case a metade da superficie queimada total (49%) por mor destes incendios", subliña o documento.
Menos incendios, máis virulentos
O 2020 foi o cuarto ano dos últimos dez con menos de 2.000 incendios forestais en Galicia, o terceiro consecutivo
Xunto coa evolución da superficie ardida e a distinción entre monte arborado ou raso, o Pladiga detense cada ano tamén no número de incendios forestais que sofre Galicia dende que hai datos -a serie comeza na década dos 70 do século pasado-. Nesta liña, dende principios de século o número total de incendios tende a diminuír e faino especialmente dende 2011.
Os rexistrados en 2020 (1.538) supoñen que o pasado ano é o cuarto en menos dunha década con menos de dous mil incendios forestais nun ano en Galicia e ademais, o terceiro consecutivo. Na banda contraria á melloría deste indicador segue situándose o feito de que nos últimos anos con crises incendiarias de maior relevancia (2011 ou 2017), a tendencia é que uns poucos incendios concentren grandes cantidades de superficie ardida.
Parroquias de "alta actividade incendiaria" para 2021
27 das 35 parroquias consideradas como de "alta actividade incendiaria" en 2021 están na provincia de Ourense
Xunto aos datos dos incendios acontecidos, o Pladiga inclúe tamén os detalles do dispositivo de vixilancia e extinción para 2021 e, dentro del, as áreas do país con control específico por seren, atendendo aos antecedentes, especialmente susceptibles de sufriren incendios forestais. Son as denominadas Parroquias de Alta Actividade Incendiaria (PAAI), incluídas en concellos de alto risco -segundo os criterios definidos polo Goberno de coalición PSdeG-BNG en 2007- que, dentro delas, destacan "polo número de incendios forestais reiterados ou pola súa gran virulencia".
Para definir esta listaxe, Medio Rural ten en conta as parroquias que tivesen unha media de 7 ou máis incendios forestais nos últimos cinco anos ou as que padecesen dous ou máis, pero maiores de 200 hectáreas. Abandonan a relación cando, durante dous anos, sofren un número de incendios igual ou inferior á media galega ou nelas arden, de media, menos de 3 hectáreas anuais, respectivamente.
Aplicando estes criterios, abandonan a consideración de PAAI nove parroquias de San Cristovo de Cea, Melón, Piñor, Manzaneda, Oímbra, A Mezquita, A Gudiña, A Cañiza e O Porriño e entran no listado ata 16 parroquias. En total, como amosa o mapa sobre estas liñas, en 2021 considéranse como parroquias de alta actividade incendiaria un total de 35 situadas en 26 concellos. Delas, unha ampla maioría (27 das 35) están situadas na provincia de Ourense.
Esta é parte da planificación para unha campaña de incendios cunha novidade especialmente salientable dende o punto de vista da dirección política do dispositivo contra o lume. É a primeira que non terá á fronte a Tomás Fernández-Couto, alto cargo de Medio Rural con responsabilidade directa neste eido durante as últimas dúas décadas, tanto con Fraga como con Feijóo, coa única paréntese do Goberno de PSdeG e BNG. Fernández-Couto foi destituído a finais de 2020.