Os primeiros grandes incendios da primavera queiman máis de 300 hectáreas en Galicia

Labores de extinción no incendio de Marcelle, en Monforte © ATBRIF

O incendio en Folgoso do Courel queimou máis de 100 hectáreas e obrigou a activar a situación 2 pola proximidade do lume ás casas

Máis de 300 hectáreas arderon nas últimas horas en Galicia. As altas temperaturas e o tempo seco facilitaron a expansión de varios incendios, entre os que destaca o rexistrado no concello de Folgoso do Courel, na parroquia de Meiraos, que obrigou a activar a sitaución 2 --xa anulada-- pola proximidade do lume ás casas do lugar de Portela, na parroquia de Gundriz do municipio limítrofe de Samos. 

O incendio, segundo informa a Xunta, iniciouse perto da medianoite pasada e permanece aínda activo nas primeiras horas deste xoves logo de queimar sobre 200 hectáreas. Na súa extinción traballan dous axentes, oito brigadas, catro motobombas e unha pa, aínda que as malas condicións meteorolóxicas están imposibilitando os traballos aéreos. 

Labores de extinción no incendio de Monforte © Brif Laza

Dous incendios en Cerdedo-Cotobade e Rodeiro queimaron 50 e 90 hectáreas respectivamente

Ademais, permanece activo un incendio en Cerdedo-Cotobade, na parroquia de San Xurxo de Sacos, que se inicio tamén sobre a media noite pasada e que xa supera as 0 hectáreas queimadas. 

Tamén está activo o incendio rexistrado na parroquia de Pedroso, no concello de Rodeiro, que como nos dous casos anteriores tamén se iniciou perto das 12 da noite pasada e que rolda as 90 hectáreas queimadas. 

Estes tres incendios están aínda sen controlar, ao contrario que o rexistrado en Monforte de Lemos,  na parroquia de Marcelle, que permanece activo desde as dúas da tarde do pasado mércores e que xa queimou unhas 38 hectáreas, das cales 30 son arboradas e 8 de monte raso. 

Por outra banda, quedou extinguido outro incendio en Calvos de Randín rexistrado na pasada noite logo de queimar perto dunha hectárea dentro do Parque Natural da Baixa Limia-Serra do Xurés. Ademais, nos últimos días arderon tamén máis de 17 hectáreas nun fogo en Viana do Bolo e case 30 noutro rexistrado no Courel

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.