A pasada semana, entre o 12 e o 18 de setembro, a provincia de Ourense volveu arder. Foron, en total, máis de 8.000 hectáreas, sobre todo no sur da provincia (Cualedro, A Mezquita ou Lobios, na serra do Xurés) e tamén no Macizo Central Ourensán, en concellos como Vilariño de Conso, Manzaneda, Chandrexa de Queixa, Montederramo, Laza ou Pobra de Trives. Moitos destes concellos figuran entre os termos municipais que máis incendios sufriron nas últimas dúas décadas, de xeito que con frecuencia está a arder onde xa ardera recentemente.
O Macizo Central Ourensán é unha das zonas nas que máis se constata esta repetición nos lugares do lume
En concreto, o Macizo Central Ourensán é un dos espazos nos que máis se constata esta repetición nos lugares do lume. Fernando Rodríguez Jiménez, que vén de graduarse en Enxeñaría Forestal pola Universidade de Vigo, realizou o seu Traballo de Fin de Grao sobre a caracterización e análise dos lumes no distrito forestal XIII entre os anos 2001 e 2015. No seu estudo afondou ademais nos datos do Macizo Central Ourensán, que se estende polos concellos Viana do Bolo, Manzaneda, Chandrexa de Queixa, Vilariño de Conso, Laza, O Bolo, Pobra de Trives, Montederramo, Larouco e Petín. Ourensán, Rodríguez ten a súa aldea en Trives, de onde son os seus avós e o seu pai.
O número de lumes vai en notable descenso dende o comezo de século, pero non así as hectáreas queimadas, "que se manteñen, e en certos anos concretos (2011, 2017 e agora 2020) supoñen un pico elevado de hectáreas"
Na súa investigación partiu dos datos que Civio fixo públicos hai uns anos, corrixindo algúns erros na xeolocalización dos distintos focos e afondando na análise parroquia a parroquia "engadíndolle certos valores para achar as posibles causas, coma datos socioeconómicos, demográficos ou topográficos". En total, analizou 2.286 lumes xeolocalizados nese período de tempo nesa zona.
Na súa análise destaca que no Macizo Central Ourensán "o número de lumes vai en notable descenso dende o comezo de século", pero non así as hectáreas queimadas, "que se manteñen, e en certos anos concretos (2011, 2017 e agora 2020) supoñen un pico elevado de hectáreas". Esta é unha tendencia que tamén se observa nos datos xerais galegos. Os concellos máis afectados son o de Manzaneda, Chandrexa de Queixa e Vilariño de Conso. No caso de Viana do Bolo os seus elevados datos repártense entre a zona oriental do Macizo Central e a zona de Pena Trevinca limítrofe con León. Mentres, o concello de Laza ten unha superficie queimada moi elevada para número de incendios reducido, debido a que ten lumes de gran tamaño.
"Parroquias críticas", ardido sobre ardido
Fernando Rodríguez salienta un grupo de parroquias "críticas" que acumularon no período analizado un maior número de incendios e unha superficie queimada máis importante
Fernando Rodríguez salienta, ademais, un grupo de parroquias "críticas" que acumularon no período analizado un maior número de incendios e unha superficie queimada máis importante. Cernado (Manzaneda), Cesuris (Manzaneda), Paradela (Manzaneda), Placín (Manzaneda), San Miguel de Bidueira (Manzaneda), Soutipedre (Manzaneda), Requeixo-San Bartolomeu (Manzaneda), Queixa (Chandrexa de Queixa), Requeixo-Sta María Madalena (Chandrexa de Queixa), Camba (Laza), Sabuguido (Vilariño de Conso), San Mamede de Hedrada (Vilariño de Conso) e Grixoa (Viana do Bolo). Tan só en Cernado arderon máis de catro mil hectáreas en 26 incendios, e en Camba a superficie arrasada superou as tres mil hectáreas en 63 lumes. Requeixo achegouse igualmente a esas tres mil hectáreas e Paradela, Queixa e San Mamede de Hedrada tamén superaron amplamente as 1.000 hectáreas arrasadas.
A pasada semana na parroquia de Queixa (Chandrexa) arderon outras 850 hectáreas, en Sabuguido (Vilariño de Conso) 817 máis, en Cernado (Manzaneda) ao redor de 800, en Paradela (Manzaneda) unhas 404 e en Camba (Laza) unhas 49.
No Pladiga ano 2020 saíron da clasificación parroquias tan importantes coma Cesuris, Queixa e Grixoa. E tampouco están Paradela, Requeixo (Manzaneda), Placín ou San Mamede de Hedrada
Fernando Rodríguez considera que estas parroquias máis afectadas "nunca deberían perder a categoría de Parroquias de alta actividade incendiaria do Pladiga, posto que nunha serie de 15 anos mostráronse moi activas". Porén, "no Pladiga ano 2020 saíron da clasificación parroquias tan importantes coma Cesuris, Queixa e Grixoa". No Pladiga 2020 tampouco están Paradela, Requeixo (Manzaneda), Placín ou San Mamede de Hedrada, parroquias afectadas polo lume de forma continuada e repetida nos últimos anos, o mesmo que outras parroquias de elevada actividade incendiaria, como A Xironda (Cualedro).
Críticas pola repetición dos incendios nas mesmas zonas
"Non queremos volver ver o Macizo Central, o Xurés e outras zonas converterse en páramos debido aos incendios reiterados", di Adega
Unha vez apagados os incendios dos últimos días, resoaron as críticas a xestión realizada polo Goberno galego, facendo fincapé, sobre todo, no feito de que determinados lugares, especialmente no Macizo Central Ourensán, ardan cada poucos anos. Así, ADEGA-Monterrei publicou un artigo, titulado "Arde sobre ardido", no que destaca que "non queremos volver ver o Macizo Central, o Xurés e outras zonas converterse en páramos debido aos incendios reiterados, non queremos máis lavados de fronte. O rural galego necesita e esixe políticas de altura que este goberno da Xunta non pode ou non quere poñer en marcha".
De igual xeito, Pedro Alonso Iglesias vén de publicar en Praza.gal un texto no que alerta de que "nos lumes de Sabuguido (Vilariño de Conso), Cernado e Paradela (Manzaneda), Queixa (Chandrexa), Gabín (Montederramo), Camba (Laza) e Rebordechau (Vilar de Barrio) existe moi probabelmente coincidencia de intereses e un conxunto de persoas ou interesados que comparten insensibilidade e falta de escrúpulos". Pedro Alonso Iglesias engade que "pegar lume ao monte escollendo os lugares á mantenta, tratando de que coa súa propagación se queimase a serra toda ou porcións enormes dela, asumindo a posta en perigo de aldeas, persoas e propiedades para lograr un lucro a curto prazo ou para demostrar que quen manda na serra está lonxe dos despachos oficiais, debe ser tomado moi en serio".
Fernández-Couto afirmou que “xa se prevía unha forte actividade incendiaria” na segunda semana de setembro no Macizo Central Ourensán, área na que os lumes son recorrentes e especialmente virulentos en días previos ás chuvias
Así mesmo, unha trintena de entidades ecoloxistas, comunidades de montes e sindicatos labregos asinaron un comunicado conxunto no que esixiron a dimisión do director xeral de Montes da Xunta de Galicia, Tomás Fernández-Couto, e un "cambio radical" nas políticas de prevención, sobre todo no Parque Natural Baixa Limia-Serra do Xurés e no Macizo Central Ourensán. En declaracións á TVG Fernández-Couto afirmou que “xa se prevía unha forte actividade incendiaria” na segunda semana de setembro, nomeadamente no Macizo Central Ourensán, área na que os lumes son recorrentes e especialmente virulentos en días previos ás chuvias.