SOS Sanidade Pública incrementa as mobilizacións polos problemas nos centros de saúde e nos PAC de todo o país

Cabeceira da mobilización de SOS Sanidade Pública o 14 de novembro de 2021 en Santiago CC-BY-SA Praza.gal

SOS Sanidade Pública acusa o Sergas de ser "incapaz" de "planificar e xestionar" a atención primaria e prepara unha gran mobilización para o mes de febreiro de 2023. O 30 de novembro convoca concentracións en toda Galicia para apoiar as medidas que levarán ao Parlamento

SOS Sanidade Pública prepara unha gran mobilización en defensa do sistema sanitario público galego, centrada na necesidade de tomar medidas para garantir a asistencia na atención primaria, para o mes de febreiro de 2023. Unha marcha que coincidirá coa chegada ao Parlamento da Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) que pide "fortalecer" a atención primaria, para a que están a recoller sinaturas por todo o país desde o mes de agosto. 

Co agravamento da situación nos centros de saúde, cunha dificultade de acceso áos médicos de Familia para toda a poboación e unha saturación das consultas de Pediatría, ademais dos problemas que o propio Sergas recoñece para cubrir as urxencias non hospitalarias, os PAC, pola falta de profesionais dispoñibles, SOS decide convoca concentracións por todo o país para o mércores 30 de novembro "para salvar e fortalecer a atención primaria e a todo o sistema sanitario público galego, ameazado polas políticas de recortes e desmantelamento da Xunta e a Consellería de Sanidade".

Cartaz da concentración en Vigo para acadar apoios á ILP que levarán ao Parlamento CC-BY-SA SOS Sanidade Pública

SOS di que a Xunta está a "limitar o acceso á asistencia sanitaria" e lembra que os profesionais están "sometidos a unha situación de presión inadmisible"

O portavoz de SOS Sanidade Pública, Manuel Martín, lembra que a Consellería de Sanidade leva anos recortando na atención primaria, así como no eido sanitario no seu conxunto, co obxectivo de "reducir gasto, desmantelar o sistema sanitario público e favorecer ao privado". Así mesmo, acusa o Sergas de ser "incapaz" de "planificar e xestionar" a atención primaria, "poñendo en risco a continuidade do sistema".

Nun contexto no que consideran que desde a Xunta se está a "limitar o acceso á asistencia sanitaria" e a "crear listas de espera inaceptables", desde a plataforma denuncian que esta situación ten provocado a "desaparición, na maioría dos centros, da promoción, prevención, rehabilitación, participación e o traballo comunitario, mentres que o persoal ademais de estar sometido a unha situación de presión inadmisible, padece unhas condicións laborais inestables e precarias incompatibles cunha atención de calidade".

O 30 de novembro convocan concentracións en toda Galicia para apoiar a ILP que levarán ao Parlamento para "fortalecer" a atención primaria

Na ILP, que xa superou as 18.000 sinaturas, demandan "incrementar e dimensionar o persoal", "priorizar a atención presencial", "reabrir os centros de saúde e PAC pechados", "dar participación á poboación e ao persoal na planificación e xestión dos centros" e "acabar coa precariedade laboral", entre outras cuestións que pretenden que entren na lexislación galega.

Con esta iniciativa abriron un "debate social" sobre a situación da atención primaria, "esencial para a saúde da poboación", que continuará coas concentracións do 30 de novembro: ás 20.00 horas na Praza Roxa de Santiago, ás 19h diante do MARCO en Vigo, ás 20h no Obelisco da Coruña, ás 20h diante do centro de saúde de Tui, ás 19h na Praza Bugallal de Ponteareas e noutros municipios que aínda non están convocados.

"Desde SOS Sanidade Pública convocamos á cidadanía a que demostre o seu rexeitamento ao desmantelamento do sistema sanitario público e en apoio da Iniciativa Lexislativa Popular na que propoñemos que o Parlamento debata e aprobe unha serie de medidas necesarias para por en valor a nosa atención primaria. Só a mobilización social, en alianza co persoal da sanidade pública, pode frear o deterioro da atención primaria", destacan nun chamado á participación o día 30 nas concentracións convocadas polas plataformas locais en defensa da sanidade.

A plataforma SOS Sanidade Pública, que ten convocado as manifestacións máis numerosas da historia recente do país, está integrada por asociacións de pacientes e usuarios da sanidade, asociacións de profesionais sanitarios, o movemento veciñal, os sindicatos CIG, CCOO e UGT, e partidos políticos entre os que figuran os dous na oposición no Parlamento, BNG e PSdeG.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.