Dúas médicas de Atención Primaria relatan como é o día a día na consulta con ata sesenta pacientes. Xornadas sobrecargadas que lles resulta imposible rematar dentro do seu horario. Unha realidade coñecida e ignorada polo Sergas
Hai menos dun mes, co verán xa iniciado, a Consellería de Sanidade informou dun pacto cos sindicatos para pór en marcha un aumento salarial de "ata 12.000 euros anuais" para as médicas e médicos de Familia que asuman incrementar o seu cupo nun "máximo de 300 cartillas" e prolongar a xornada ata "catro horas e media á semana". Unha medida que viña paliar a acusada falta de médicos na Atención Primaria.
O Sergas constataba no documento aprobado na Mesa Sectorial de Sanidade "a necesidade de adoptar unha serie de medidas de mellora das condicións de traballo, con impacto económico" para os profesionais, pero a realidade diaria nos centros de saúde galegos é que as médicas e médicos teñen que ampliar a súa xornada laboral para poder atender a todos os doentes que están anotados para unha consulta, e que o fan sen recibir ningún tipo de apoio nin prestación de económica extra.
"Todo isto apóiase na nosa hiperresponsabilidade, no noso compromiso, na nosa vocación e na nosa sensación de que sen nós nada se vai arranxar, cando realmente os xestores non están á altura", di Flora Miranda
″Levo 22 anos traballando e vendo como isto se perpetúa. Non é unha realidade de hai tres anos. Teño a perspectiva suficiente como para darme conta de que cando rematei a residencia non me ofreceron un contrato decente, ofrecéronme substitucións de 15 días. A xente, con iso, non quedaba na Atención Primaria. E agora a xente segue cobrando máis no hospital, segue tendo contratos máis longos e apetecibles en Urxencias e non veñen á Primaria. Por outra banda, din que hai déficit de médicos e eu creo que o que hai é un déficit de vontade para dignificar as súas condicións. Están poñendo parches sucesivos, cada ano sobrevivimos a un verán progresivamente peor... E así seguiremos. Un día chega a nova vaga epidémica, enferman compañeiros e temos que duplicar a nosa xornada. E eu non o fago voluntariamente, fágoo cando é unha situación de urxencia; e é que case atenta contra os meus principios dobrar quenda porque vexo que colaboro en perpetuar a situación. Todo isto apóiase na nosa hiperresponsabilidade, no noso compromiso, na nosa vocación e na nosa sensación de que sen nós nada se vai arranxar, cando realmente os xestores non están á altura″, debulla a médica de Familia do centro de saúde da Estrada Flora Miranda.
"Son a máis nova no meu centro de saúde, a maior parte dos meus compañeiros teñen entorno a 63 anos e a ningún deles lle fales de prolongar a xubilación", conta Alba Quiroga
A médica Alba Quiroga, que traballa no centro de saúde de Arteixo, corrobora coa súa testemuña os argumentos de Miranda, pois ve "complicado" que a Atención Primaria poida continuar como ata o momento. Hai dez anos que, cando rematou a residencia, escolleu a Medicina de Familia, e non ten claro que poida seguir así ata a xubilación. "Son a máis nova no meu centro de saúde, a maior parte dos meus compañeiros teñen entorno a 63 anos e a ningún deles lle fales de prolongar a xubilación. E enténdoo porque o día a día é complicado, non sei ata que punto podemos seguir mantendo a ilusión e a enerxía. A min, que me gusta o meu traballo, paréceme moi difícil continuar nesta situación ata que chegue a esa idade", conta.
Flora Miranda explica que unha mañá calquera comeza a consulta cuns trinta e tantos doentes citados, pero que ao longo da xornada, entre urxencias e pacientes doutros compañeiros que lle toca ver, achégase aos 50. Isto, sen contar os domicilios, que nun centro de saúde rural implican –a miúdo– desprazarse máis lonxe que nas cidades. "Non son quen de ver 40 pacientes na consulta e ir a un domicilio nunha aldea da Estrada no meu horario laboral, como sucedeu esta semana. O outro día, por exemplo, rematei a xornada ás 16.30 en Cuntis porque fun ver a unha paciente moi maior", salienta.
Farta desta situación prolongada no tempo, Miranda envioulle un escrito ao seu director médico no que lle traslada de vez a situación do exceso de horas fóra do seu horario laboral. Ao que este contestou que a ″autoprolongación″ non está contemplada nin se paga no Sergas. Esa semana ela fixera máis de catro horas a maiores da súa quenda no centro de saúde. "Non coñezo a ninguén que remate á hora, no meu centro iso non pasa", apunta.
Desde Arteixo a perspectiva é moi semellante, un centro de saúde que ten entre seis e sete médicos na quenda de mañá e no que esta semana houbo días nos que pasaron consulta só tres. "Cando tes unha xornada de 50 ou 60 pacientes ves que a Atención Primaria está en perigo de extinción, a situación límite está xa cronificada, pero é certo que a pandemia veu para sobredimensionar o problema", argumenta Alba Quiroga. Con todo, no que máis inciden estas profesionais é en que precisan tempo para atender á xente que vai ao centro ou chama para unha consulta.
"Vin 49 doentes pola mañá e 34 pola tarde, volvín para a casa coa sensación de pavor a ter cometido un erro nesas condicións", relata Miranda
"Se a Atención Primaria é onde se lle dá unha atención máis integral ao paciente, precisamos tempo para cada un. Se non, é moi difícil manter unha mínima calidade asistencial. E sei que é complicado establecer un tempo para cada paciente", describe Quiroga. Mentres que Miranda relata como a última vez que tivo que dobrar a súa xornada e consultar de mañá e de tarde experimentou unha situación límite: "Vin 49 doentes pola mañá e 34 pola tarde, volvín para a casa coa sensación de pavor a ter cometido un erro nesas condicións. Porque son humana, porque non son un robot, porque estou cansa e porque cando levas enriba 80 pacientes e levas toda a xornada con estrés laboral non podes diagnosticar. No meu escrito ao director médico trasladáballe parte da responsabilidade, eles verán a quen trasladarlla. Eu, desde logo, teño claro que se meto a pata despois de ver 80 pacientes unha parte da responsabilidade non é miña".
Alba Quiroga fala pola súa experiencia, e asegura que os médicos e médicas de Familia coas que está en contacto perciben que son "máis invisibles que nunca". "Sumamos altas cotas da síndrome do burn out [síndrome do traballador queimado] e vemos invisibilizado o noso labor, incluso o noso labor de contención da pandemia. Nun momento no que estamos alongando xornadas e intentando dar a mellor calidade asistencial aos nosos pacientes resulta que estamos máis invisibilizados que nunca", lamenta.
"Case todo en Atención Primaria pasa polo médico, as cargas están mal distribuídas" apunta Miranda
"Temos un sistema hospitalo-céntrico absorvendo recursos que, por outra parte, ten a Atención Primaria sobrecargada, pero médico-céntrica total. Case todo en Atención Primaria pasa polo médico, as cargas están mal distribuídas e proponse unha redistribución. Non estamos optimizando as enfermeiras e enfermeiros, moitas están moi ben formadas e non se están aproveitando esas cualidades. Temos fisioterapeutas, dentistas e traballadoras sociais que teñen que asumir a súa cota de responsabilidade; e farmacéuticas que poderían encargarse de renovar medicacións e así non sobrecargar a consulta con máis burocracia", propón Flora Miranda.
Neste contexto, non se pode esquecer que moitas e moitos dos profesionais sanitarios dos centros de saúde tamén son docentes. Unha docencia que non está pagada e pola que –en principio– teñen menos cartillas asociadas á súa consulta, o que na práctica supón que cobran menos salario, pois o seu cálculo segue vinculado ás cartillas (aínda que en cada cartilla pode haber máis dunha persoa beneficiaria). "Eu xa digo que os meus residentes están aprendendo por osmose. Porque non hai tempo para comentar os casos con eles. Iso si, polo menos non os utilizo como carga de traballo, como me pasou a min. Cando lles pido que fagan algo é baixo a miña supervisión e axuda", sinala Miranda, para apuntar que da última promoción MIR de Compostela só dúas persoas escolleron quedar en Atención Primaria.