Canto cobra unha médica dun centro de saúde do Sergas? Cal é o salario do teu médico de atención primaria? Está ben ou mal pago o seu traballo? Hai que compensalos se teñen que asumir pacientes que non son seus porque non hai persoal dabondo para atendelos? Algunhas destas preguntas poden ter respostas abertas, vagas, mesmo susceptibles de opinión. Pero outras, non. Os salarios do persoal da sanidade pública son públicos, están nos orzamentos do Sergas para cada ano e mesmo publicados en internet para a súa libre consulta.
Non obstante, nas últimas semanas esta cuestión situouse no debate público porque o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, veu dicir que unha médica ou médico de familia cobra uns 65.000 euros anuais nada máis comezar a exercer ese traballo. A afirmación indignou a boa parte deste persoal, sindicatos, asociacións en defensa da sanidade pública.
Neste vixésimo primeiro episodio do Fálase, o podcast informativo de Praza.gal conducido por David Lombao -que é tamén o da fin da primeira temporada- quixemos dar contexto á afirmación, buscar o dato e comprobalo. E o certo é que, en xeral, a realidade contradí a afirmación do presidente. Con Miguel Pardo escoitamos o que dixo Rueda sobre os soldo do persoal médico e contrastámolo co que din as táboas retributivas do propio Sergas e mais co que nos contaron varios profesionais que mesmo amosraon as súas nóminas.
Ademais, escoitamos o que nos contou Manuel González Moreira, secretaro nacional da CIG-Saúde. El asegura tr claro que a cantidade á que apuntou Rueda non se corresponde coa realidade e tamén está seguro de que o presidente sabe que non é certo. Moreira fala dun deterioro progresivo da Atención Primaria e esa, di, é unha das causas clave para que o persoal médico que remata a formación, os MIR, despois non queden traballando nos centros de saúde, opten por outras especialidades ou marchen de Galicia.
Músicas para o verán con VINTE
A temporada do Fálase despedímola tamén da man de VINTE coa súa directora, María Yáñez. Con ela escoitamos algo do novo disco de Boyanka Kostova Ranaeira, e repasamos o que os seus compoñentes, Chicho e Cibrán, contaron na súa entrevista con VINTE.
O certo é que nestes días houbo moitas músicas en VINTE, por exemplo, as do Serán 3 no Gaiás, con retratos e historias dese encontro en torno á música tradicional, este ano centrado na pandeireta. Tamén son moitas as músicas da lista de reprodución Vinte no San Xoán, con 20 cancións para volver saltar as cacharelas que nos poden servir tamén para moitas festas neste verán. É tanta a música que mesmo nos leva aos vieiros da intelixencia artificial con AI-LALELO, a última oportunidade do ano para gañar 'Eurovisión' cun tema galego.
Alén da música, con VINTE achegámonos tamén ao Delas Fest, o primeiro festival de arte urbana e contextual que se celebra en Europa con perspectiva de xénero e co que percorremos Dez murais para (re)pensar o espazo público. Ademais, coñecemos á tiktokeira burelá Paula Jorge, con maquillaxe (e outras cousas da vida) sen filtros, presentamos un novo grupo da Xeración Sónica de Pontevedra e sabemos algo dos plans para a vindeira temporada do Café Derby 21.
Todos os episodios de Fálase chegan primeiro ás socias e socios de Praza.gal e, a continuación, están dispoñibles para o resto da audiencia. Podes escoitalos tanto en Praza.gal como en Ivoox, Spotify, Google Podcast, Apple Podcast e mais en Podgalego.