O Gaiás acolle do 10 ao 12 de xuño o Serán 03’, un macroencontro de baile e música tradicional dirixido por Quique Peón dedicado ás pandeireteiras e cun festival con algúns dos máis importantes grupos folclóricos do país e un gran foliadón
“Galicia é un dos países de Europa que ten o folclore máis vivo. Arredor de 40.000 persoas, desde nenas e nenos ata maiores forman parte de grupos folclóricos galegos, dentro e fóra de Galicia”. Celebrar a relevancia do folclore galego e, sobre todo, dar a coñecer esta parte fundamental do noso patrimonio inmaterial son algúns dos obxectivos do Serán 03’ ou III Encontro Galego de Cultura Popular. Baile e Música Tradicional: Pandeireteiras, que acolle a Cidade da Cultura do 10 ao 12 de xuño.
“Hoxe vas a calquera concerto de folk e todo o mundo baila. Iso non pasaba antes e foi algo que conseguimos entre todos. Folcloristas a nivel europeo que veñen a festivais aquí ven que temos unha movida que non hai en ningún outro lado. E tamén a nivel español, no que estamos na vangarda e diante de todo”, comenta o director artístico do Serán 03’, Quique Peón. Pois, engade, se ben a tradición folclórica do país non sempre gozou da vitalidade que mostra na actualidade, “houbo unha recuperación extraordinaria do folclore a nivel estético e conceptual. Non nos fixeron falta coreografías creadas por coreógrafos, senón facer recollas polas aldeas. Ademais, en Galicia temos unhas danzas de divertimento extraordinarias. E unha características do baile á a importancia da improvisación, o cal o fixo medrar moito a nivel expresivo”.
“Houbo unha recuperación extraordinaria do folclore a nivel estético e conceptual. Non nos fixeron falta coreografías creadas por coreógrafos, senón facer recollas polas aldeas”
Este ano, na súa terceira edición, o Serán estará adicado especialmente ás pandeireteiras. “A pandeireta é un instrumento interpretado de forma maioritaria por mulleres: era empregada acompañando os seus cantos nas ruadas e festas tradicionais, pero foi quedando pouco a pouco en desuso tras a Guerra Civil. Tras a aparición das Pandeireteiras de Mens nos anos 70, produciuse unha progresiva incorporación de grupos de pandeireteiras nas agrupacións folclóricas. Estas xogaron un papel clave na reconstrución musical e estética deste instrumento”, explica o dossier do Serán.
“Nos anos 80 produciuse a revolución das pandereteiras. O que está a pasar agora coas Tanxugueiras é unha consecuencia de todo o que veu antes. Hoxe fas un concurso e poderían virche un cento de grupos. Pero iso é posible pola recuperación que se fixo. Porque antes había foliadas e a xente bailaba coa música dos gaiteiros. Pero comezamos a ir polas aldeas e a ver a realidade da importancia das pandeireteiras, polo que a partir de aí produciuse un cambio de mentalidade”, indica Quique Peón.
“Nos anos 80 produciuse a revolución das pandereteiras. O que está a pasar agora coas Tanxugueiras é unha consecuencia de todo o que veu antes”
As primeiras recollas non foron, porén, doadas. “Recibíante coa folla da arriba” (da porta) “nos dentes”, lembra Peón. “Naqueles tempos non había costume de que uns rapaces novos entrasen nas casas para preguntar aos veciños se sabían tocar e bailar. Había moita sabedoría, pero moi agochada. E por unha banda estaba a tendencia dos galegos á desconfianza de primeiras e polo outro ese complexo que temos co noso. Ao principio era moi complicado, pero buscabas a maneira: falabas co cura, co alcalde… Nós tamén eramos moi novos. Eu empecei con 16 anos. Despois todo cambiou moito”, sinala.
A “revolución das pandeireteiras” dos anos 80 á que se refire Quique Peón foi descrita por Mercedes Peón nunha entrevista en Praza desta maneira: “Cando falo da revolución das pandeireteiras refírome ao contexto da incursión nas aldeas dos grupos folclóricos que viñan da man de Coros y Danzas e da Sección Femenina, que pretendían ser o máis fieis posible ao que eu chamo “creación colectiva en microhábitats”. Este proceso o que fai é traer á tona algo que fora eliminado de calquera tipo de representación musical en Galicia, as pandeireteiras. Isto aconteceu grazas aos grupos folclóricos, a persoas ilusionadas que se botaron á aldea e atopáronse con algo que lles ía dar o elemento diferenciador co que se fixera anteriormente. Desde mediados do XIX ata os 80 houbera unha omisión do que fora maioritariamente a música na nosa terra, ou a única música para moitos lugares. Máis dun século da expresión musical maioritaria en Galicia: a das pandeireteiras”.
Mais pouco antes, nos 70, houbera xa algunhas descubertas. “Había unhas cátedras, durante a ditadura, que ían polas aldeas para ensinar a coser ou cociñar. Así foron descubertas as Pandeireteiras de Mens, pero había máis, en realidade. Un folclorista da Coruña, Manuel Cajaraville, que tiña o grupo Aturuxo, contratábaas e levábaas con el. Foi cando empezamos a darnos conta de que faltaba algo”, subliña Quique Peón.
Pero tamén se discute como se fixeron esas imprescindibles recollas para a recuperación da tradición das pandeireteiras. Segundo o historiador Xosé Manuel Núñez Seixas, autor do ensaio Imperios de Danzas. As Españas plurais do franquismo (Galaxia), a Sección Feminina realizou a través dos Coros y Danzas de España “unha codificación moi clara do papel da muller como garda do fogar. Na propia escenificación outorgóuselle un papel subordinado. As mulleres tiñan que bailar sempre con manga e saia longa, con refaixo, e eran as que bailaban pero non as que tocaban instrumentos. En xeral está claro que a identidade local se feminiza porque se quere subordinar. Porque se consideraba que a linguaxe dos sentimentos primarios era feminina e que os sentimentos máis elevados, que corresponderían á nación e o Estado, eran masculinos”.
En confluencia con Seixas e Mercedes Peón, a antropóloga Beatriz Busto, autora de Um país a la gallega (Através), sinalou tamén unha certa manipulación da música e do baile tradicionais por parte da Sección Feminina
Na mesma liña, Mercedes Peón comentara na entrevista en Praza que “a deturpación acontece cando nun lugar onde hai acordos distintos, onde os roles non se exercen con violencia e todo muta, recóllese e represéntase en base a subxectividades das persoas que chegamos á aldea desde fóra. Eu teño unhas 2.000 cintas gravadas e nelas as mulleres sacan puntos, non están en segundo plano, non levantan máis os brazos os homes… Galicia non foi allea ás influencias que veñen do século XVIII e do XIX, do romanticismo relacionado coa construción nacional: por exemplo, a imaxe do gaiteiro viril… E con iso viña un elitismo: considerábase que o gaiteiro era o que “sabía música” e que as que cantaban e tocaban a pandeireta “non sabían música”. Grazas ás persoas do folclore quedou plasmada unha linguaxe, unha fala que chega hoxe ata nós, polo que eu teño que falar deles e delas con todo o cariño. Mais gustaríame que as representacións sociais que se fan non estivesen guiadas pola fantasía androcéntrica, por fantasías que aceptamos sen cuestionamento”.
En confluencia con Seixas e Mercedes Peón, a antropóloga Beatriz Busto, autora de Um país a la gallega (Através), sinalou tamén unha certa manipulación da música e do baile tradicionais por parte da Sección Feminina. O baile, expliciu Beatriz Busto nunha entrevista en Sermos Galiza, foi “politicamente lexitimador para Franco, para Fraga e para outros persoeiros do réxime”. A danza formaba parte “dun folclore moi tipista que non mostraba para nada o patrimonio galego, que non era veraz, senón unha distorsión derivada en folclorismo”. A Sección Feminina chegou, segundo Busto, a inventar partes do traxe tradicional como os pololos.
No franquismo, engade Busto, “bailaron mulleres con mulleres durante décadas, ata o ano 1961, no que tamén empezaron a bailar homes, cando ese folclore inventado coas súas fórmulas machistas, coas mulleres sen poder tomar a iniciativa e bailando elegantemente en horizontal, comezou a clamar un pouco ao ceo. Mais, a pesar da distorsión producida por Coros y Danzas, deses roles binarios, non existía a dicotomía corporal que pode verse hoxe nalgúns palcos. Porque esa marcialidade disciplinaria non é que non fose así na aldea. É que non estaba nin no réxime.
Porque esas mulleres abaixadas, dominadas, en tensión, eran representadas en realidade por mulleres atléticas, corpos deportivizados e masculinos de mulleres da Sección Feminina que contrastaban, de facto, co ideal feminino que esta mesma predicaba. A teorización era unha cousa e outra a práctica, que hoxe en día chega a ser moito máis dicotómica que no franquismo, o cal ten moito que ver co escenario, coa espectacularización do baile. A espectacularización leva á disciplina, esta á marcialidade, esta aos extremos e estes ás dicotomías”, subliña Busto.
O sábado ás 21:30 horas empezará o Gran Foliadón, que reunirá nunha grande foliada, ao longo de cinco horas, a centos de artistas xunto con informantes -as veciñas e veciños das aldeas que eran as fontes das recollas-
O mesmo sábado ás 21:30 horas empezará o Gran Foliadón, que reunirá nunha grande foliada, ao longo de cinco horas, a centos de artistas xunto con informantes -as veciñas e veciños das aldeas que eran as fontes das recollas-. “A idea é facer un grandísimo baile que xunte os artistas de Galicia e os do Festival Portas do Camiño coas veciñas e veciños das aldeas que nos transmitiron o seu saber. Ademais este ano parece que vamos ter bo tempo, que o primeiro ano fora terrible”, salienta Quique Peón. Esta súper foliada contará coa participación de nomes como Óscar Ibáñez, Fransy González, Davide Salvado, Faltriqueira ou Livia Giaffreda.
A opinión de Quique Peón ao respecto é, porén, diferente da de Beatriz Busto. “Eu non creo que houbese manipulación. Co dos pololos, por exemplo, non estou de acordo. Porque os atopamos en moitas aldeas, sobre todo na comarca das Mariñas, e habíaos de varios tipos. O que pasa é que nos anos 70 non había os medios que hai hoxe. Ías polas aldeas tentar recoller algo e non había nin cintas de casete. Ías cunha libretiña, como cando comecei eu. Era moi difícil e facían o que podían. Xa bastante fixeron. Non creo que se poida falar dunha manipulación por parte da Sección Feminina. É parte da nosa historia escénica e non creo que teñamos que renegar de nada”.
Beatriz Busto é, precisamente, unha das conferenciantes da completa programación do Serán 03’, que inclúe un festival folclórico o venres 10 ás 21:00 horas que reunirá algúns dos grupos folclóricos máis destacados de Galicia: A Ponte Vella (Teo), Donaire (A Coruña), Rebulir (Ourense), Etnográfico das Mariñas (Ferrol), Trébede (Cangas), Alxibeira (Narón), Ultreia (Santiago). “Están algúns dos máis importantes, estiveron outros na primeira e na segunda edición e estarán outros nas seguintes. Non caberiamos todos á vez”, sinala Quique Peón.
O sábado ás 18:30 comezará o Festival Portas do Camiño, novidade desta edición. “Desde a Xunta propuxéronme facer algo relacionado co Camiño e eu pensei en chamar grupos folclóricos do cinto que rodea Galicia. Grupos de pandeireteiras de Portugal, Asturias, etc. Que é unha tradición non só nosa, pois hai pandeiretas na Península, na India…, etc.”, explica o director artístico do Serán, que traerá, así, á Cidade da Cultura a Xeitu (Asturies), Seronda (León), Denise e Bea (O Bierzo), Adufeiras de Monsanto (Portugal) e Pandereras de Salamanca, con repertorio de Peñaparda.
Xa o domingo ás 17:30 haberá un concerto de coros históricos: Cantigas e Agarimos (Santiago) e Cántigas da Terra (A Coruña). Ambos pecharán o Serán’03 interpretando xuntos o himno galego con máis de 80 voces sobre o escenario. O domingo tamén se celebrará o desfile do traxe, coa asociación Sete Espadelas, que se centrará na comparación do traxe vilego co traxe aldeán. A programación complétase con masterclasses profesionais impartidas por mestres e mestras tanto de Galicia como de fóra: Fransy González, Pau Santirso, María Xosé Martínez, Belén Mato, Vanesa Muela, Carmen Rey ou Livia Giaffreda e cunha feira sectorial con perto de 30 stands de todo o sector vinculado á cultura popular: artesáns do tecido, da confección, do calzado, da ourivería, artesáns de instrumentos tradicionais, asociacións e federacións, organización de festivais, empresas prestadoras de servizos, etc.
“A idea é xuntar todo o que rodea este mundo, que tamén move diñeiro e ten profesionais detrás e non só amateurs”
“A idea é xuntar todo o que rodea este mundo, que tamén move diñeiro e ten profesionais detrás e non só amateurs. Os traxes, por exemplo, son caros. E hai empresas especializadas, espectáculos potentes con luz e son, etc. A artesanía de tecidos, xoias, zapatos, etc, está en voga e non só para bailar, senón para usar no día a día”, lembra Quique Peón, que destaca tamén a programación infantil, con obradoiros familiares, cun concerto de Cé Orquestra Pantasma e con foliadiñas infantís. “Nos nenos e nenas está o xermolo, pois son o futuro”, a continuidade, subliña. Tampouco haberá que preocuparse moito da intendencia, pois haberá postos de polbo e churrasco.
Nas edicións anteriores o Serán xuntou unhas 8.000 persoas, o cal está moi ben xa que, como indica Quique Peón, “se fose nunha cidade en lugar de na Cidade da Cultura habería maior afluencia de público, porque á Cidade da Cultura hai que ir adrede”. O Serán comezou porque “non había en Galicia un encontro que xuntase todo o sector do mundo tradicional. Eu fixen un proxecto e presenteino á Consellería de Cultura, e gustoulles. O primeiro dedicámolo ao baile e o segundo propuxéronme eles facer algo máis popular, entón dedicámolo ás bandas de música. Despois viñeron dous anos de parón pola pandemia e agora volvemos coas pandeireteiras, nas que xa pensaramos antes”, resume. En cada unha das edicións houbo tamén unha exposición dunha peza antiga, que este ano será o pano rameado.