Non hai médicos. Ou, concretamente, non hai médicas e médicos dabondo para atender con normalidade o primeiro elo do sistema sanitario, o que se deu en chamar a porta de entrada. Os ambulatorios, os centros de saúde, a Atención Primaria do Sergas.
O diagnóstico compárteno todas as partes implicadas, dende o persoal sanitario ata a propia Xunta, pasando polos sindicatos ou a oposición parlamentaria galega. No que difiren é nas causas. O Goberno galego pon o foco fundamentalmente no Goberno de España, argumentando que se o Estado habilitase máis prazas de formación para medicina de familia o problema poderíase paliar. Pero o certo é que nesta última volta xa nin sequera se cubriron todas as prazas MIR dispoñibles en Atención Primaria.
Neste novo episodio do Fálase, o podcast informativo de Praza.gal conducido por David Lombao, trazamos o mapa desa falta de médicos, buscando o diagnóstico da situación e tamén as posibles solucións. Con Miguel Pardo debullamos os datos da última convocatoria de formación en Atención Primaria e as prazas que quedaron baleiras nun momento clave, toda vez que a propia Xunta recoñece o problema que vén enriba pola xubilación masiva de médicos de familia nos vindeiros anos, á que se engade a saturación e sobrecarga que xa hai nos centros de saúde, agravada coa pandemia.
Abordamos, tamén, como o feito de que estas prazas se cubran non é garantía de que o persoal que realiza o MIR nos centros de saúde do Sergas continúe posteriormente a traballar neles. Non en van, máis da metade dos médicos e médicas de familia que remataron o MIR en Galicia nos últimos anos non continuaron traballando en Atención Primaria do Sergas. Nesta liña, repasamos o que nos contou para Praza.gal a médica compostelá Erika Brenlla, que está facendo a súa residencia en Euskadi e que ademais é a presidenta da Asociación Mir España. Ela, como moitos outros profesionais, sinala que as condicións laborais, dende a inestabilidade ás remuneracións, son unha causa clave nesta falta de persoal.
Olladas á Coruña Queer c'O Novo Normal en VINTE
Neste episodio do Fálase paramos tamén en VINTE coa súa directora, María Yáñez. Facémolo no inicio do mes do orgullo LGBTIQ+. Esa proximidade, mais tamén a do primeiro aniversario do asasinato de Samuel Luiz, por unha banda, e a efervescente actividade cultural e reivindicativa do Corufest, por outra, son o marco no que chega unha peza titulada A Coruña queer. Historias da mocidade LGTBI no primeiro ano sen Samuel.
É un traballo de imaxe e texto que supón tamén a primeira colaboración en VINTE d'O Novo Normal. Unha colaboración que promete traer consigo cousas ben interesantes a VINTE.
Estes son, ademais, días de moito cinema en VINTE, que un ano máis montou o seu particular galpón do Festival de Cans para ver as curtas da sección Novas Camadas. Xunto ao cinema, a música de Clo Plas, o novo proxecto musical de Xiana Arias e Berio Molina que se presentou en Santiago cun concerto no que o director de fotografía e cineasta documental Juan Meseguer gravou un plano-fixo-secuencia ben poderoso.
Todos os episodios de Fálase chegan primeiro ás socias e socios de Praza.gal e, a continuación, están dispoñibles para o resto da audiencia. Podes escoitalos tanto en Praza.gal como en Ivoox, Spotify, Google Podcast, Apple Podcast e mais en Podgalego.