O 24,5% dos médicos e médicas colexiadas en Galicia teñen 65 anos ou máis e outro 26,2% ten entre 55 e 64 anos, sumando un 50,7% de profesionais que ou ben xa superaron a idade legal de xubilación ou que se achegan a ela
O INE publicou hai uns días os datos de colexiación médica correspondentes ao ano 2021, fornecidos polos propios Colexios Oficiais. A estatística confirma o proceso de envellecemento dos profesionais que se vén advertindo nos últimos anos e que vén sendo denunciado por sindicatos e organizacións médicas e de usuarios, chamando a atención sobre os problemas que xa están a producirse pola chegada á idade de xubilación dunha parte importante do actual persoal e a ausencia dun número equivalente de novos profesionais formados e acreditados.
En concreto, o 24,5% dos médicos e médicas colexiadas en Galicia teñen 65 anos ou máis e outro 26,2% ten entre 55 e 64 anos, sumando un 50,7% de profesionais que ou ben xa superaron a idade legal de xubilación ou que se achegan a ela. Dez anos antes estas porcentaxes eran moi inferiores, cun 10,6% de profesionais por riba de 65 anos e outro 23,8% entre 55 e 64, sumando en conxunto un 34,4% por riba de 55 anos.
Non se trata dun problema novo e leva anos sendo advertido dende distintos ámbitos, pero a ausencia de decisións políticas e de previsión, unida á falta de investimento en persoal e aos recortes introducidos a partir de 2010 levaron a unha situación na que faltan profesionais que substitúan aos que chegan á súa idade de xubilación e que nalgúns casos mesmo prorrogan a súa vida laboral varios anos despois dos 65.
"Se ti tes unha pirámide de poboación traballadora e ves que nos próximos anos vai haber unha xubilación masiva de profesionais e non solicitas que se repoñan o mesmo número de prazas MIR de médico e médica de familia para cubrilas, tes este resultado de falta de persoal", dicía María Xosé Abuín (CIG)
Hai anos que os sindicatos veñen reclamando máis investimento, sobre todo en persoal. "Levamos anos demandando que hai que facer un plan de ordenación de recursos humanos para identificar as necesidades de persoal e poñer solucións. Este problema que existe agora é a crónica dunha morte anunciada, nós levámolo denunciando dende o 2012", sinalaba hai uns meses María Xosé Abuín, secretaria xeral de CIG-Saúde nesta entrevista. "Se ti tes unha pirámide de poboación traballadora e ves que nos próximos anos vai haber unha xubilación masiva de profesionais e non solicitas que se repoñan o mesmo número de prazas MIR de médico e médica de familia para cubrilas, pois tes este resultado de falta de persoal. Pero parece que o obxectivo era facer máis con menos", engadía.
Galicia é o cuarto territorio con máis médicos e médicas colexiadas por riba dos 65 anos
A comparación con outras comunidades autónomas non deixa en bo lugar ao Goberno galego. Galicia é o cuarto territorio con máis médicos e médicas colexiadas por riba dos 65 anos, só por detras de Castela e León, Asturias e Aragón. A porcentaxe galega sitúase tres puntos por riba da media españoña. É, ademais, a quinta comunidade cunha menor porcentaxe de profesionais por debaixo de 45 anos (34,3%), catro puntos por debaixo da media estatal.
No ano 2011 a porcentaxe de médicos colexiados por riba de 55 anos (34,5%) era 1,8 puntos superior á media española, mentres que na actualidade a diferenza é de 5,8 puntos
Pero o dato que deixa en peor lugar a xestión realizada pola Xunta na última década é a comparación coas cifas de hai dez anos. No ano 2011 a porcentaxe de médicos colexiados por riba de 55 anos (34,5%) era 1,8 puntos superior á media española, mentres que na actualidade a diferenza é de 5,8 puntos. Nese momento o dato de Galicia era inferior ao de Euskadi (hoxe é 2,6 puntos superior) e situábase moi preto do de Andalucía ou a Comunidade Valenciana, que neste momento rexistran procentaxe de profesionais de máis de 55 anos moi inferiores ás galegas.
O pasado ano Xosé Mª Dios Diz preguntábase neste artigo "Por qué non temos Médicxs?". "Feijóo leva 12 anos xestionando unha sanidade que xa tiña moitos problemas no 2009: baixo orzamento, previsión de xubilacións de moitos profesionais, non facilitar a prolongación da vida laboral, desprestixio da profesión coa idea de fomentar os seguros privados...", escribía Dios Diz. "Calquera profesional que acade o título de Médico/a, Enfermeiro/a, Psicólogo/a... se non é considerado na sua profesión e non ten estabilidade, busca lugares onde si prestixen o seu traballo: Portugal, Gran Bretaña, Alemania, etc. captan traballadores sanitarios e non pagan un peso pola súa formación", engadía.
Nos datos xerais de médicos por habitante, Galicia tamén se sitúa por debaixo da media española (469 colexiados por cada 100.000 habitantes fronte a 499)
Nos datos xerais de médicos por habitante, Galicia tamén se sitúa por debaixo da media española (469 profesionais colexiados por cada 100.000 habitantes fronte a 499). As cifras galegas son as máis baixas de toda a cornixa cantábrica e son amplamente superadas polas de Madrid, Aragón, Euskadi, Navarra, Cantabria, Asturias, Castela-León, Cataluña e Estremadura.
Un dos problemas dos últimos anos é que o Sergas non dá cuberto todas as prazas de formación para medicina de familia
Un dos problemas dos últimos anos é que o Sergas non dá cuberto todas as prazas de formación para medicina de familia. Este ano das 142 dispoñibles, nove delas quedaron desertas, todas na área de Lugo, onde a oferta total era de 25. En parte, os problemas derivan das condicións ofrecidas e dunha carga de traballo altísima para os profesionais deste ámbito. Máis da metade dos médicos de familia que remataron o MIR en Galicia desde 2017 rexeitaron traballar na Atención Primaria.
Durante os últimos meses o SERGAS mesmo fixo un chamamento aos profesionais xa xubilados para que regresasen de forma temporal á actividade e tamén aumentou o cupo para os médicos extracomunitarios
Durante os últimos meses o SERGAS mesmo fixo un chamamento aos profesionais xa xubilados para que regresasen de forma temporal á actividade para realizar actividades complementarias (sobre todo administrativas) a un persoal que estaba sobrepasado pola carga de traballo. "Resulta paradoxal que os nosos médicos mozos residentes emigren, busquen a vida noutros territorios, noutros países ou noutras estruturas e non queiran ficar na Atención Primaria e que a única solución que teñamos sexa incorporar os xubilados", criticaba nese momento Jesús Sueiro, voceiro da Asociación Galega de Medicina Familiar e Comunitaria (AGAMFeC).
Outra das medidas que se puxo sobre a mesa para solucionar a falta de médicos foi o aumento do cupo para os médicos extracomunitarios para cubrir así as prazas MIR pendentes. Unha medida que foi cualificada de "parche" resultado "dun problema anterior de xestión", como sinalaba Erika Brenlla, presidenta da Asociación MIR España
En Galicia hai menos enfermeiras e enfermeiros por habitante que no conxunto de España e tamén menos fisioterapeutas e psicólogas e psicólogos
Os problemas de falta de persoal afectan máis, polo tanto a algúns ámbitos que a outros. Tamén a determinadas profesións, á vista dos datos de colexiación comparados entre Galicia e o resto do Estado. En Galicia hai menos enfermeiras e enfermeiros por habitante que no conxunto de España e tamén menos médicos e médicas.
Hai, igualmente, menos fisioterapeutas (119 fronte a 131 por cada 100.000 persoas) e menos psicólogos e psicólogas (57 fronte a 79 por cada 100.000 persoas). En cambio, en Galicia hai máis óptometristas, logopedas e pódólogos e podólogas.