Máis facilidades ao persoal médico que vai á privada e menos centros de saúde, opcións da Xunta para frear a protesta sanitaria

Rueda e Comesaña, este martes en San Caetano na reunión co Consello Galego de Colexios Médicos CC-BY-SA David Cabezón / Xunta

A de sanidade é unha das competencias que a poboación, en xeral, máis directamente identifica co Goberno galego. Se cadra, a que máis. Tamén é a principal área do autogoberno e así o evidencian cada ano os Orzamentos Xerais da Xunta. Con independencia da cor política do Executivo e das subas e baixadas de cada ano, a principal partida das contas públicas é sempre, sen excepción, a sanitaria.

Na véspera doutra xornada de mobilizacións de SOS Sanidade Pública, o Sergas comprométese a "flexibilizar" as incompatibilidades para facultativos que traballan na pública e na privada

Este pano de fondo é inseparable da nova xeira de protestas en múltiples localidades do país por carencias na sanidade pública, especialmente polas deficiencias na Atención Primaria, agudizadas tras o shock da pandemia da COVID-19. Así volve reflectirse este 30 de novembro, cunha trintena de convocatorias coas que a plataforma SOS Sanidade Pública aposta por agrupar as diversas problemáticas locais e, ao tempo, dar azos á iniciativa lexislativa popular que vai trasladar ao Parlamento para procurar manter as súas demandas en primeira liña política.

Manifestación na defensa da sanidade pública e para reclamar máis recursos na Atención Primaria, o pasado outubro en Vilagarcía © M. González

Na véspera destas convocatorias, a Xunta recibiu en San Caetano unha delegación do Consello Galego de Colexios Médicos (ente que agrupa os catro colexios provinciais) para unha reunión ao máis alto nivel, encabezada polo presidente Alfonso Rueda xunto ao conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, e a xerente do Sergas, Estrella López-Pardo. Dáse a circunstancia de que o actual presidente do Consello, Isidro Lago, éo tamén do Colexio Médico de Pontevedra, que hai escasos días daba por "rotas" as súas relacións coa Consellería de Sanidade por vela "instalada nunha realidade falsa e fantasiosa".

O Goberno galego comprométese a estudar a "reestruturación territorial da Atención Primaria" e reitera que é unha proposta do Consello Galego de Colexios Médicos, a cuxa directiva recibiu en San Caetano

A reunión, inseparable do cadro xeral de protestas e de vésperas dun intenso ciclo electoral -primeira parada, nas municipais do vindeiro maio- durou unhas tres horas e dela saíron dúas conclusións. Dúas opcións coas que, potencialmente, a Xunta pode aspirar a temperar o conflito. Cando menos, pola banda do persoal médico ou de parte del.

A primeira destas opcións, segundo manifestaron ambas partes tras a xuntanza e reflectiu a propia Xunta nun comunicado posterior, é dar máis facilidades ao persoal médico que traballa na sanidade pública e ao mesmo tempo, na privada. "Está sobre a mesa unha interpretación máis flexible" do que o Goberno denomina "compatibilidade da práctica profesional" e o "compromiso" do gabinete de Rueda é facelo "antes do remate do ano". A aspiración última do Consello de Colexios é a fin do actual sistema, polo que o persoal médico que traballa exclusivamente no Sergas cobra un plus duns 800 euros, se ben comezan por reclamar aspectos como menos atrancos cando o centro privado no que traballan ten concertos co propio Sergas.

Concentracións e recollidas de sinaturas convocadas por SOS Sanidade Pública para este 30 de novembro nunha trintena de localidades

A segunda opción que, segundo a propia Xunta, se compromete a "estudar" é a "reestruturación territorial da Atención Primaria", iniciativa que Sanidade destaca que partiu "dos representantes dos facultativos". Esa reestruturación implicaría o que no sector leva ecoando meses ou mesmo anos: paliar as carencias de persoal médico mediante peches ou fusións de centros de saúde ou a través da centralización de determinados servizos, como a pediatría, nun único centro para a poboación de referencia de varios. Nesta liña, o pasado outubro a xerente do Sergas sinalaba nunha entrevista con La Voz de Galicia que a poboación debe "entender que non poderá haber pediatra en cada centro de saúde".

Sanidade di "coincidir" cos colexios médicos no "diagnósticos obre as principais dificultades" do sistema, "fundamentalmente a falta de médicos"

"O Consello foi o que fixo a proposta", reiterou Comesaña ao termo dunha xuntanza na que, insiste a Xunta, "ambas partes coincidiron durante a reunión no diagnóstico sobre as principais dificultades que afronta o sistema sanitario, fundamentalmente a falta de médicos". O conselleiro reiterou, ademais, en que "o 90% dos profesionais" que rematan a súa formación na especialidade de medicina de familia "quedan traballando no Servizo Galego de Saúde", se ben na última media década máis da metade do persoal desta área que rematou o MIR en Galicia desde 2017 rexeitou traballar na Atención Primaria.

Con este pano de fondo, as mobilizacións de SOS Sanidade Pública volven outra volta a rúas e prazas e así continuarán nos vindeiros meses. Non en van, a plataforma xa traballa na celebración dunha mobilización unitaria en Santiago para o vindeiro febreiro.

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.