O máximo órgano representativo do persoal médico da provincia de Pontevedra fai responsable ao conselleiro Julio García Comesaña da situación "de gravísimo deterioro" na que se atopa a Atención Primaria
O pleno do Colexio de Médicos de Pontevedra acordou este mércores por unanimidade "romper todo tipo de relación" coa Consellaría de Sanidade "ata que cambie o equipo da mesma". O máximo órgano representativo do persoal médico da provincia de Pontevedra fai responsable ao conselleiro Julio García Comesaña da situación "de gravísimo deterioro" na que se atopa a Atención Primaria e denuncia a ausencia dunha "interlocución adecuada" do departamento.
Nunha declaración publicada no xornal Pontevedra Viva, o Colexio de Médicos denuncia que a xestión de Sanidade se vén caracterizando pola "ineficacia, a falta de seriedade, plans que non se cumpren e, en ocasións, respostas que parecen máis ocorrencias que solucións reais".
O Colexio de Médicos denuncia que a xestión de Sanidade se vén caracterizando pola "ineficacia, a falta de seriedade, plans que non se cumpren e, en ocasións, respostas que parecen máis ocorrencias que solucións reais"
Ademais, acusa ao Sergas de estar "permanentemente instalado nunha realidade falsa e fantasiosa" que contrasta cunha situación que "resulta evidente tanto para os profesionais como para os propios pacientes que sofren, día a día, o deterioro da súa asistencia". Neste senso, sinalan que existe unha "evidente discrepancia entre os datos que achegan dende a Consellería e os datos da realidade vivida, día a día, por profesionais e pacientes".
A pasada semana o Consello Galego de Colexios Médicos manifestou estar "atónito" ante a posibilidade de que PAC do Sergas fiquen só atendidos por persoal de enfermaría. Unha crítica na que incide o Colexio pontevedrés, que sinala que a Consellería de Sanidade ten xa "normalizadas" este tipo de situacións e subliña que "non entendemos unha Atención Primaria sen médicos".
"Non podemos continuar coa política de diminución do investimento en Atención Primaria dos últimos anos", di o Colexio
No texto aprobado polo pleno da Xunta do Colexio, acúsase á Consellaría de Sanidade de "mentir" e de "incumprir as súas propias propostas". Os médicos de Pontevedra conclúen que "as enormes deficiencias actuais non se poden solucionar sen unha dotación económica adecuada", que "non aparece nin nos orzamentos actuais nin nos do vindeiros ano" e engaden que "non podemos continuar coa política de diminución do investimento en Atención Primaria dos últimos anos".
No SERGAS "non existen as condicións laborais apropiadas" para cubrir as vacantes e evitar que máis de 400 médicos emigren todos os anos de Galicia ou que máis de 200 prazas de Medicina Familiar e Comunitaria fiquen desertas no MIR
Ademais, apunta que no SERGAS "non existen as condicións laborais apropiadas" para cubrir as vacantes e evitar que máis de 400 médicos emigren todos os anos de Galicia ou que máis de 200 prazas de Medicina Familiar e Comunitaria fiquen desertas no MIR. O Colexio afirma que dende o ano 2013 "existe un rexeitamento cada vez maior dos médicos MIR a dedicarse á Atención Primaria. Probablemente nesta decisión teña moito que ver o observar, durante o seu período de formación a frustración dos médicos de AP experimentados aos que se lles impide realizar o seu traballo en condicións dignas pola saturación de pacientes nas axendas e a carga burocrática á que se enfrontan no seu día a día".
A partir de agora, advirte, o Colexio de Médicos pontevedrés suspende calquera tipo de negociación coa Consellaría de Sanidade e recorrerá a outras instancias, "como as xudiciais" para protexer a saúde dos pacientes e as condicións laborais dos profesionais, que sofren "trato desconsiderado" e "maltrato".