O Sergas recorreu en setembro a 28 millóns do fondo de imprevistos para "cubrir desaxustes" en contratacións de persoal

O presidente da Xunta e o conselleiro de Sanidade, con outros cargos nunha visita a instalacións da UCI do Clínico de Santiago o pasado xullo CC-BY-SA David Cabezón / Xunta

"Mediante modificacións orzamentarias fináncianse gastos para a cobertura de necesidades con
consignacións insuficientes pero que eran coñecidas no momento da aprobación do orzamento". O Consello de Contas, órgano fiscalizador das finanzas da Xunta, vén reiterando anualmente ao Goberno galego a necesidade de confeccionar o orzamento do Servizo Galego de Saúde con fondos suficientes para atender os compromisos que sabe que vai ter no canto de modificalo reiteradamente ao longo do ano.

Así volveu suceder no seu informe ao respecto máis recente, coñecido o pasado verán e relativo ano ano 2020. Tratábase do primeiro ano afectado pola pandemia, pero Contas xa advertía de que nin de lonxe todas elas eran atribuíbles á COVID, toda vez que sumaban 446 millóns de euros dos que o 32% se deberon ao impacto do coronavirus. Á espera de coñecer as vindeiras análises do organismo fiscalizador, esta dinámica continúa no Sergas. Mostra disto é, por exemplo, a inxección de algo máis de 28 millóns de euros procedentes dos fondos de continxencia -o destinado a imprevistos- á que tivo que recorrer o pasado setembro para gastos de persoal.

A principios de novembro, a Xunta realizou o preceptivo rexistro no Parlamento das modificacións orzamentarias de setembro. Entre elas figura un suplemento de crédito de 28,36 millóns de euros integramente destinados a gastos de persoal do Sergas. Dentro deles, 24,97 son para persoal de hospitais e os restantes 3,39, para Atención Primaria.

O Sergas indica que inxectou 25 millóns en atención hospitalaria e 3 na primaria en setembro pola "variabilidade da actividade asistencial asociada ás circunstancias estacionais" e por contratos para substitucións

O xeito en que se tramitan estas modificacións, un formulario estándar que reflicte as cifras xunto cunha breve explicación, non permite coñecer moitos detalles da operación do pasado setembro. Pero a descrición é dabondo como para deducir que se trata dun dos episodios reiteradamente reprochados polo Consello de Contas.

Así, sinala que o Sergas deu en retirar 22,8 millóns do fondo de continxencia de atención hospitalaria e 5,58 do de primaria para "cubrir os desaxustes orzamentarios no capítulo I do Servizo Galego de Saúde", isto é, no dos gastos de persoal. Eses desaxustes, agrega, "derivan da propia variabilidade da actividade asistencial asociada ás circunstancias estacionais" -tramitouse en setembro- e tamén á "contratación de persoal" para "substitucións por vacacións, incapacidade temporal e días de libre disposición", é dicir, para cubrir ausencias por diversos motivos.

Centro de saúde en Buño (Malpica) CC-BY-SA Conchi Paz / Xunta

Estes fondos agréganse aos inicialmente orzamentados para o persoal de cada área sanitaria. Como amosa o gráfico que acompaña esta información, nas áreas máis poboadas (A Coruña-Cee, Santiago-Barbanza e Vigo) trátase de partidas que superan os 300 millóns de euros anuais, que nese 2022 estaban na contorna dos 260 nas dúas áreas do interior (Lugo e Ourense), arredor dos 200 en Pontevedra-O Salnés e un chisco por riba dos 100 na área ferrolá.

Os orzamentos do Sergas para 2023 prevén subas de arredor do 6% no orzamento inicial para persoal de atención primaria e na contorna do 5% na atención hospitalaria. O persoal de primaria pasa de 534 a 568 millóns e o dos hospitais, de 1.290 a 1.356.

O Consello de Contas vén reprochando "de forma recorrente" a Sanidade que comece cada ano con orzamentos que sabe que non vai cubrir todo o que vai ter que gastar, tendo que recorrer a fórmulas extraordinarias para "gastos que teñen carácter previsible"

Todo apunta, dados os precedentes, que eses incrementos non serán dabondo para ter que prescindir das inxeccións extra durante o ano aínda que non aconteza ningún imprevisto ou episodio excepcional como foi a COVID. Isto é o que vén reiterando o Consello de Contas, que no devandito último informe sobre o Sergas -como nos anteriores-, describe un "desaxuste estrutural entre gastos e recursos" na sanidade pública galega.

Contas reiteraba que o Sergas vén recorrendo ás modificacións orzamentarias sistematicamente para gastos de persoal, mais tamén e "especialmente" para gasto farmacéutico ou atender xuros de débedas. "Como se vén sinalando de forma recorrente por esta institución", indicaba o pasado xullo, a propia constitución do fondo de continxencia nas contas do Sergas "supón un elemento distorsionador do orzamento ao aplicarse á cobertura de gastos que teñen carácter previsible", "fundamentalmente" para persoal. Cuestión diferente, apunta, é a "singularidade" do ano 2020, cando ese fondo tamén se empregou para "o gasto corrente polo impacto da COVID".

Neste contexto, o organismo fiscalizador repetía a recomendación de "reducir" as modificacións orzamentarias no Sergas. Deben ser, conclúen, só as "estritamente necesarias para non desvirtuar o seu carácter excepcional".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.