Isidro Lago, que seguirá como presidente do Colexio Médico de Pontevedra, manifesta que mantén rota "todo tipo de relación" coa Consellería de Sanidade e busca a interlocución co presidente da Xunta. Por este motivo, considera "incongruente" representar ao órgano que agrupa aos Colexios Médicos das catro provincias
O presidente co Colexio Médico de Pontevedra e presidente do Consello Galego de Colexios Médicos, Isidro Lago, dimite do seu cargo no órgano de representación das catro entidades médicas provinciais ao considerar unha “incongruencia” seguir reuníndose –como fixo este mesmo martes– co conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, despois de anunciar a ruptura "de todo tipo de relación" coa Consellería por parte do Colexio Médico da provincia de Pontevedra o pasado mes de novembro, tras acusar a Sanidade de estar “instalada nunha realidade falsa e fantasiosa”.
“Os presidentes no Consello solicitáronme de forma insistente que continúe no cargo, no que de momento teño que seguir en funcións, como mandan os estatutos, na espera de facelo efectivo na próxima reunión do Consello Galego”, explicou Lago. “É contraditorio que eu teña unha posición desde a presidencia do Colexio de Pontevedra e que, á vez, teña que falar co conselleiro si ou si polo Consello Galego. Non podo disociarme en dúas persoas”, incidiu.
Isidro Lago responsabilizou directamente ao conselleiro de Sanidade do “fracaso” da xuntanza do Consello Galego de Colexios Médicos coa Xunta, pois quixo salientar a boa disposición do presidente Alfonso Rueda, quen lles propuxo –na xuntanza mantida hai agora un mes– reunirse “cada cinco meses”. “O fracaso foi, para nós, a actitude do conselleiro”, afirmou Lago, quen cualifica de “poucas e pobres” as achegas que Comesaña realizou na reunión, ademais de acusalo de “deslealdade” polas declaracións posteriores nas que trasladou que unha das medidas propostas foi darlle “máis facilidades” aos médicos e médicas para compaxinar o traballo na sanidade pública e na privada e o peche de centros de saúde.
“Vemos que desde a Consellería hai moi pouca claridade co tema das competencias médicas”, sostivo este mércores Isidro Lago, para explicar que o feito de “adxudicar a farmacéuticos ou enfermaría competencias que son propiamente médicas” sempre vai atopar ao Colexio Médico de Pontevedra enfronte. Ademais, manifestou a súa desconformidade co programa Xide do Sergas para a xestión de pacientes nos centros de saúde. En xeral, medidas que cualifica de “ineficaces e ineficientes” e que achaca de novo ao conselleiro de Sanidade. “Para nós existen dúas realidades, a que vive a Consellería co seu equipo e a que vivimos nós cos nosos pacientes, como xa llo fixen chegar persoalmente ao conselleiro”, aseverou.
"O fracaso foi, para nós, a actitude do conselleiro", afirma Lago, para incidir en que non levaron á reunión na Xunta "o peche dos PAC"
“Irían vostedes seguros nun avión que pilota unha azafata?”, preguntou Isidro Lago aos xornalistas presentes este mércores na súa rolda de prensa. “Pois os PAC teñen que estar coa súa dotación. Haberá que reorganizalos, pero iso xa non o pode formular o Consello Galego, iso ten que expresalo a Consellería”, agregou, para detallar que o Colexio indicou “que teñen que ser os profesionais en cada zona os que determinen as necesidades e a mellor asistencia pola seguridade do paciente”. “Nós non levamos á reunión o peche dos PAC”, insistiu Lago sobre a xuntanza mantida ao máis alto nivel co presidente Rueda, o conselleiro de Sanidade e a xerente do Sergas, Estrella López-Pardo, a finais de novembro.
“Estaremos dispostos a retomar todos os mecanismos de comunicación ao noso alcance. E sempre estaremos dispostos a falar coa presidencia da Xunta polo interese mostrado para solucionar os problemas sanitarios”, defendeu Isidro Lago na súa comparecencia, deixando claro que a súa interlocución predilecta xa non está na Consellería, senón na Presidencia do Goberno galego.