O cadro de persoal médico do Servizo Galego de Saúde está formado por algo máis de 9.700 profesionais, segundo os datos máis recentes do Ministerio de Sanidade, unha ampla maioría dos algo máis de 15.000 colexiados en Galicia -case 17.000, contando persoal de psicoloxía-. En torno a 1.400 desas médicas e médicos do Sergas traballan tamén na sanidade privada, case un cento en virtude de compatibilidades concedidas pola Xunta, como informou recentemente Praza.gal.
No marco da actual crise sanitaria, marcada pola carencia de persoal facultativo en diversos eidos da sanidade pública -especialmente na Atención Primaria, pero non só-, a Xunta tentou frear as protestas con diversos anuncios e medidas. Entre elas, a promesa ao Consello Galego de Colexios Médicos de flexibilizar o réxime de incompatibilidades para as médicas e médicos que traballen simultaneamente na pública e na privada, cuestión na que a entidade pon o foco dende hai anos e na que fixa unha prioridade: que este persoal cobre o plus salarial ata agora reservado a quen traballa exclusivamente no Sergas.
Esa parte do salario é o denominado complemento específico e está dotado con algo máis de 800 euros ao mes. Esa é a cantidade que reclamaba o organismo Colexial e que agora esixen arredor duns 700 médicos e médicas a través dunha recollida de sinaturas impulsada polo sindicato gremial O'Mega. Os reclamantes, din, son "médicos especialistas dependentes do Sergas que constitúen un colectivo que simultanean ou poden simultanear nun futuro a súa actividade laboral no sanidade pública co exercicio profesional de forma privada".
Mediante unha recollida de sinaturas impulsada polo sindicato gremial O'Mega, este colectivo defende que "a non percepción" deste complemento salarial, duns 800 euros mensuais, é "unha marxinación económica" e aseguran que Feijóo lles prometera "solventar a situación" cando chegou á presidencia
O argumento deste colectivo é que "a non percepción do complemento específico" é "unha marxinación económica a respecto dos profesionais que non realizan actividade privada" porque "realizan as mesmas funcións e responsabilidades inherentes ao seu traballo". O texto que acompaña as sinaturas, dirixidas ao conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, e mais á directora de Recursos Humanos do Sergas, Ana Comesaña, indican que este persoal "leva anos denunciando esta situación" ata "o extremo de realizar mobilizacións e folgas", unha das cales no período electoral no que o señor Feijóo accedeu por primeira vez á presidencia" da Xunta.
Afirman dende O'Mega que aquela folga "se suspendeu a petición" do agora ex-presidente e líder estatal do PP "ante a súa promesa de solventar a situación unha vez consolidado na presidencia". "Non é necesario demostrar que non se fixo nada, xustificando o incumprimento na crise económica que se estaba xestando", reprochan, antes de censurar que "noutras comunidades autónomas xa se buscaron solucións" ao que consideran unha "discriminación" que, acusan, só se mantén en Galicia e Asturias.
Esta esixencia do devandito colectivo médico é abertamente rexeitada por organizacións na defensa da sanidade pública como as agrupadas en torno á Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública. Facilitar a compatibilidade público-privada e, nomeadamente, estender o complemento salarial a quen simultanean ambas actividades "non melloraría para nada a situación crítica da Atención Primaria", clave na actual vaga de protestas, e ao tempo "favorecería os hospitais privados, proporcionándolles profesionais do sistema públicos a baixo custo".