15 gráficos para entender a situación da sanidade galega

Gráfico sobre a comparativa da porcentaxe de gasto sanitario en Atención Primaria no Estado, sobre unha imaxe dunha manifestación de SOS Sanidade Pública CC-BY-NC-SA Foto: EM | Montaxe e gráfico: Praza.gal

A plataforma SOS Sanidade Pública convoca á cidadanía a manifestarse este domingo ao mediodía en Compostela en defensa da sanidade pública, nunha marcha que conta co apoio das forzas políticas da oposición, dos sindicatos e entidades sanitarias profesionais e mesmo de deputacións provinciais e concellos. Nos últimos meses reprodúcense en distintos lugares do país, tanto en zonas urbanas coma rurais, denuncias e mobilizacións cidadás que demandan mellorar no funcionamento do sistema sanitario, que presenta eivas de funcionamento e falta de recursos humanos en practicamente todos os ámbitos, especialmente no da Atención Primaria.

Galicia é unha das comunidades autónomas que menor proporción do seu gasto sanitario se dirixe ao financiamento da Atención Primaria, apenas un 12%, só por diante de Asturias, Baleares e Madrid e por debaixo da media española (14,2%)

Repasamos aquí algúns indicadores oficiais sobre a situación do sistema sanitario en Galicia, datos procedentes do Ministerio de Sanidade e da Consellaría de Sanidade na súa maior parte, que serven como radiografía dun servizo público esencial que presenta importantes problemas estruturais.

Unha das principais críticas de sindicatos, entidades profesionais e usuarios e usuarias diríxese á situación da Atencion Primaria, porta de entrada do sistema e garantía dunha atención ao paciente continuada e próxima. Galicia é unha das comunidades autónomas que menor proporción do seu gasto sanitario se dirixe ao financiamento da Atención Primaria, apenas un 12%, só por diante de Asturias, Baleares e Madrid e por debaixo da media española (14,2%), segundo os últimos datos comparables, correspondentes ao ano 2019. 

No gasto per cápita destinado á Atención Primaria Galicia (188 euros por habitante) sitúase de novo nos últimos lugares do Estado, só por diante de Baleares e Madrid

No ano 2022 o dato galego ascendera ata o 13,18%, seguindo unha lenta tendencia de ascenso que tamén rexistran o resto dos territorios do Estado. A Federación de Asociacións para a Defensa da Sanidade Pública sinalaba neste senso no seu recente informe A Atención Primaria nas Comunidades Autónomas que "a AP continúa sen ser unha prioridade no sistema sanitario". 

O mesmo ocorre se se considera o gasto per cápita destinado á Atención Primaria, un indicador no que de novo Galicia (188 euros por habitante) se sitúa nos últimos lugares do Estado, só por diante de Baleares e Madrid e moi lonxe de comunidades como Castela e León, Euskadi, Estremadura e Navarra.

No ano 2019 o 41% dos pacientes tiveron que agardar máis de dous días para seren atendidos no seu centro de saúde. A FADSP sinala que "as demoras nas citas aumentaron durante a pandemia, aínda que non hai datos oficiais ao respecto".

Máis aló do financiamento, os indicadores de funcionamento da Atención Primaria en Galicia amosan que xa no ano 2019 o 41% dos pacientes tiveron que agardar máis de dous días para seren atendidos no seu centro de saúde, unha porcentaxe semellante á media española (41,5%). O 19% tivo que agardar máis dunha semana para acadar unha cita, unha porcentaxe que neste caso si mellora moito a media do Estado (34%). Cómpre salientar, iso si, que a situación galega nese ano era moito mellor da que presentaban ese ano a Comunidade Valenciana ou Cataluña.

A FADSP sinala que "as demoras nas citas aumentaron durante a pandemia, aínda que non hai datos oficiais ao respecto". Ademais, critica que España foi o país da UE "onde houbo unha maior porcentaxe de consultas telefónicas durante a pandemia".

Un indicador no que Gailcia si mellora claramente os datos do conxunto do Estado español é o do número de tarxetas sanitarias asignadas a cada médico de familia, cunha media de 1.242, fronte ao dato xeral de 1.345, con máximos en Baleares e Madrid. Cómpre ter en conta, iso si, que o carácter envellecido da poboación galega incrementa a carga de traballo asociada a cada tarxeta sanitaria.

En 2019 un 20% dos pacientes galegos tiña que agardar máis dunha hora para seren atendidos en Urxencias

En canto á atención hospitalaria, os mesmos datos correpondentes ao ano 2019 amosan que o tempo de espera en Urxencias é inferior en Galicia que no conxunto do Estado. Mesmo así, un 20% dos pacientes tivo que agardar máis dunha hora para ser atendido nestes dispositivos (27,7% no conxunto de España), nunha estatística que acada o seu máximo en Madrid, que roldaba ese ano case un 40%.

Outro indicador do que se vén falando nos últimos anos é o das camas hospitalarias en funcionamento, un parámetro con tendencia a descender. Aínda que a cifra de camas instaladas permanece estable, a de camas en funcionamento baixou máis de 200 dende o 2015.

A pandemia provocou un aumento das listas de espera cirúrxicas e tamén do tempo de espera

A pandemia de COVID provocou un aumento das listas de espera cirúrxicas e tamén do tempo que cada paciente debe agardar. A espera media, que no ano 2019 estaba situada nos 54,5 días (e que no 2020 chegou aos 100 días), sitúase hoxe por riba dos 77 días, a cifra máis alta dende hai case unha década.

Neste momento hai máis de 40.000 persoas agardando por unha operación en Galicia. A maior parte teñen que agardar menos de tres meses, pero a espera para máis de nove mil sitúase entre 3 e 6 meses e para máis de tres mil persoas este tempo supera o semestre.

O 24,5% dos médicos e médicas colexiadas en Galicia teñen 65 anos ou máis e outro 26,2% ten entre 55 e 64 anos

Na sanidade pública galega hai un problema, sobre todo, de falta de persoal, derivado de factores diversos. A realidade é que os cadros de persoal, sobre todo do persoal médico, están moi envellecidos, cunha porcentaxe importante de profesionais a piques que chegar á idade de xubilación, o que nos vindeiros anos agravará os problemas actuais. 

En concreto, o 24,5% dos médicos e médicas colexiadas en Galicia teñen 65 anos ou máis e outro 26,2% ten entre 55 e 64 anos, sumando un 50,7% de profesionais que ou ben xa superaron a idade legal de xubilación ou que se achegan a ela. Dez anos antes estas porcentaxes eran moi inferiores, cun 10,6% de profesionais por riba de 65 anos e outro 23,8% entre 55 e 64, sumando en conxunto un 34,4% por riba de 55 anos. 

Só a metade dos médicos de familia que remataron a súa residencia nos últimos cinco anos quedaron na Atención Primaria

Galicia é o cuarto territorio con máis médicos e médicas colexiadas por riba dos 65 anos, só por detras de Castela e León, Asturias e Aragón. A porcentaxe galega sitúase tres puntos por riba da media españoña. Pero o dato que deixa en peor lugar a xestión realizada pola Xunta na última década é a comparación coas cifas de hai dez anos: no ano 2011 a porcentaxe de médicos colexiados por riba de 55 anos (34,5%) era 1,8 puntos superior á media española, mentres que na actualidade a diferenza é de 5,8 puntos.

A situación aínda é máis alarmante na Atención Primaria, polas dificultades que está atopando para incorporar profesionais novos, que optan polos centros hospitalarios, con mellores condicións laborais. En concreto, só a metade dos médicos de familia que remataron a súa residencia nos últimos cinco anos quedaron na Atención Primaria. De máis de 400 médicos de familia que remataron a residencia nos últimos cinco anos, apenas 214 están na Atención Primaria; arredor dun cento traballan en Urxencias e uns 15 no 061.

O 76,6% de galegos e galegas elixirían a sanidade pública sobre a privada no caso de que puidesen escoller unha ou outra; tan só o 19% optaría pola privada

A falta de recursos humanos na Atención Primaria son maiores en determinadas especialidades, como a Pediatría, onde o número total de médicos descendeu na última década en Galicia. A consecuencia é que cada vez son máis os concellos que carecen de pediatra, lugares onde a poboación ten que desprazarse máis lonxe para ter cita de Pediatría na Atención Primaria. Nas zonas urbanas, con máis poboación infantil, os problemas son semellantes, neste caso con esperas moi grandes para os e as pacientes e axendas cheas para os e as profesionais.

 

Aposta pola pública a pesar da presión da privada

Mesmo así, a poboación galega (e a do resto do Estado) segue a apostar pola sanidade pública, que continúa a ofrecer un servizo moi superior ao da privada. Os datos do Barómetro Sanitario de 2019 amosan que o 76,6% de galegos e galegas elixirían a sanidade pública sobre a privada no caso de que puidesen escoller unha ou outra; tan só o 19% optaría pola privada.

446 mil persoas dispoñen en Galicia dun seguro privado de saúde, case cen mil máis que no 2015

A sanidade privada en Galicia non está tan estendida como en Cataluña ou Madrid. Mesmo así, é un sector en claro crecemento, que xa opera 19 hospitais, con máis de dúas mil camas en funcionamento. 

Os datos de 2018 indicaban que case o 30% dos gasto sanitario en Galicia xa se dirixía á sanidade privada (incluíndo nesta cifra os concertos co sistema público).

Outro dato clave que indica o crecemento destas empresas no sector da sanidade e a presión que exercen sobre o sistema público é o progresivo aumento do número de persoas que en Galicia dispoñen dun seguro privado de saúde, unha cifra que o pasado ano superou as 446 mil, case cen mil máis que no 2015.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.