Manuel Martín incide en que "temos que ir cara a un modelo comunitario onde a clave non sexa a enfermidade senón a prevención da mesma" e denuncia que os colapsos son o resultado de que "o sistema sanitario non responde aos problemas da poboación"
“Queremos que o 12 de febreiro sexa como a manifestación histórica do Nunca Máis, que haxa un antes e un despois e que a poboación acuda masivamente desde todos os lugares de Galicia”. Manuel Martín, voceiro de SOS Sanidade Pública e médico de Familia, chama á participación na manifestación unitaria que partirá da Alameda de Santiago para rematar na Praza do Obradoiro. A plataforma centra as súas reivindicacións de novo na Atención Primaria, onde sitúa a base dos problemas que se están a estender ao resto do sistema sanitario público do país. Con el debullamos os porqués desta acumulación de colapsos que xa chegan ás urxencias dos hospitais.
SOS Sanidade Pública prepara unha nova mobilización unitaria centrada na Atención Primaria mentres parece que os problemas se acumulan, cal é o problema de base?
O problema do Sergas e da Consellería de Sanidade é de xestión e ten un motivo fundamental: a maior parte dos cargos directivos de responsabilidade que ten non están escollidos polas súa habilidade ou coñecemento, senón en función da afinidade política. É dicir, que o principal mérito dos xestores que temos na nosa sanidade pública en Galicia é a vinculación ao Partido Popular. Polo tanto, seguen as directrices, que son aforrar e recortar, e facilitar pacientes á privada.
Nos últimos anos, quizá máis antes da pandemia, escoitamos a consigna do aforro. Porén, seguimos a ter exemplos de investimentos urbanísticos que non dan solución, como pode ser o caso do novo centro de saúde de Bouzas (Vigo), que non ten consulta de Pediatría.
En que se gasta o diñeiro da sanidade pública? Unha parte moi importante é o gasto farmacéutico, que supón moi por enriba do 30% do gasto sanitario xeral. Tamén temos unha desviación importante de gasto a aparatos tecnolóxicos para probas diagnósticas de elevado custe. Así, quedan moi poucos cartos para a promoción, prevención, rehabilitación e incluso para actividades relacionadas coa epidemioloxía e doutro tipo. Temos unha pirámide invertida, pois a Atención Primaria, que debera resolver máis do 80% dos problemas de saúde leva entre un 13% e un 14% do gasto sanitario, non parece lóxico... Isto é un problema que hai que solucionar, pois pode suceder que destinemos máis cartos públicos á sanidade, pero que non repercutan na mellora da atención sanitaria. O caso da Atención Primaria é paradigmático.
"Deberiamos ter un plan urxente de recuperación de médicos e médicas de Familia para a sanidade pública"
O que tamén semella un problema de xestión é a situación que atopamos na formación de médicos e médicas de Familia, como contamos en Praza.gal o sistema de docencia desde os centros de saúde está ao límite. E a Consellería insiste en que non hai médicos para contratar.
Se falamos da formación dos médicos e médicas de Atención Primaria o problema que temos é que as unidades docentes non están orientadas ao que debera ser a formación da Medicina de Familiar e Comunitaria. Priman temas de criterios clínicos, probas tecnolóxicas, farmacia... pero a parte máis importante, a da saúde comunitaria, a actuación sobre os determinantes da saúde –que moitas veces non ten que ver directamente con enfermidades e si cos hábitos que temos: que comemos, que hábitos temos...– apenas se pon en práctica porque os centros de saúde están destinados a clínica pura e dura.
Logo, ademais, hai unha falta de planificación, levamos anos denunciando que as prazas para Medicina de Familia non se corresponden coas necesidades reais. E isto, sumado aos recortes que puxo en marcha o PP en Galicia desde o ano 2008 coa escusa da crise e que había que reducir gasto público, deixounos con máis recortes porque máis do 30% do gasto público en Galicia está destinado á sanidade. E cal é o gasto máis importante dentro da Atención Primaria? O capítulo de persoal. Entón, foi moi cómodo reducir gasto a base de recortar persoal, non crear prazas suficientes para formación e ir precarizando as condicións laborais, á parte da ausencia de incentivos para premiar a dedicación exclusiva ao sistema sanitario público. Para rematar a faena, coa COVID todo o que tiña que ver coa atención comunitaria á que antes me refería practicamente desapareceu.
"Foi moi cómodo reducir gasto a base de recortar persoal, non crear prazas suficientes para formación e ir precarizando as condicións laborais"
A realidade é que moitas e moitos residentes non quedan en Galicia ou van ao sector hospitalario, porque hai prazas para os Mir de Medicina de Familia nas urxencias. Se unimos a precariedade á falta de estabilidade laboral –pois durante moitos anos non houbo concursos para que as prazas foran fixas– e a que desde outros países ofertan seguridade, estabilidade e uns salarios moitísimo máis importantes entendemos por que moitos dos nosos médicos e médicas de familia marchan fóra.
Sobre se hai ou non hai médicos o escurantismo é moi importante. Deberiamos ter un plan urxente de recuperación de médicos e médicas de Familia para a sanidade pública. Pero aquí non hai ningún esforzo deste tipo, se miramos os Orzamentos para este ano vemos que apenas se incrementou unhas décimas o gasto de Atención Primaria e que a política de persoal do Sergas só é pagar máis por ampliar horarios de traballo... Non hai un plan para atraer a quen estea traballando fóra. Que precisamos? Un esforzo económico.
Por outra banda, unha parte das demandas que masifican as consultas dos centros de saúde poderían ser atendidas por outros profesionais como é o caso dos psicólogos clínicos, traballadores sociais, logopedas ou fisioterapeutas. Uns profesionais que deberan estar integrados nos nosos centros de saúde.
En suma, habería que reter a quen se está a formar, recuperar a quen marchou e introducir novos perfís nos centros de saúde?
Claro, temos que mellorar as condicións laborais dos nosos profesionais para que poidan exercer. E temos que pór en marcha unha política de desmedicalización da Atención Primaria porque a xente o precisa. O modelo que temos na actualidade ten que mudar, temos que ir cara a un modelo comunitario onde a clave non sexa a enfermidade senón a prevención da mesma e o seu tratamento axeitado no lugar axeitado. Por iso temos unha crise tan grande: é unha cuestión de falta de recursos e de que temos un sistema obsoleto que non cumpre coas necesidades sociais.
Isto garda relación co abuso de antibióticos que se ten documentado no Estado español?
Somos os campións mundiais en consumo de antibióticos. Por que? Hai moitos problemas, por un lado está a presión da industria farmacéutica e por outro unha formación inadecuada do persoal médico que se cría en servizos que priman o uso dos antibióticos. Xa temos evidencias de resistencias aos antibióticos, hai que asumir a parte de responsabilidade do persoal sanitario e do Sergas –das Administracións públicas en xeral– que deberan facer un esforzo importantísimo para rematar con esta situación que reflexa que temos unha atención sanitaria tremendamente medicalizada.
"A nosa principal esperanza é conseguir, a través da mobilización social e en alianza cos traballadores e traballadoras da sanidade pública, un cambio na política sanitaria"
Asistimos nos últimos meses a un colapso das urxencias, que xa está a chegar aos hospitais e que garda relación coas dificultades para cubrir as quendas nos PAC.
Como a poboación ten grandes dificultades para acceder ás consultas de Atención Primaria porque deben esperar moitos días para contactar co seu médico ou médica de cabeceira, acoden ao PAC, nos que pasa o mesmo que nos centros de saúde porque non hai persoal. O que remata por levar o colapso ás urxencias dos hospitais porque temos á xente dun sitio a outro buscando que PAC está aberto. Ao final, o sumidoiro de todo isto son as urxencias dos hospitais como resultado de que o sistema sanitario non responde aos problemas da poboación.
Neste contexto, SOS Sanidade Pública segue a incorporar máis plataformas locais. A sociedade, ademais dos principais partidos políticos na oposición e de organizacións e sindicatos, mantén as reivindicacións que se volverán escoitar o día 12 de febreiro en Santiago.
Galicia tivo a mala fortuna de ser gobernada polo PP cunha maioría esmagadora e foi o laboratorio de medidas privatizadoras. SOS Sanidade Pública é unha alianza pioneira vertebrada entorno a un consenso bastante xeral sobre o que debera ser necesario para amañar a situación en Galicia. Antes da pandemia houbo unha análise sobre as mobilizacións sanitarias en todo o Estado que situaba en Galicia o 40% das mesmas. Afortunadamente ese consenso segue vixente con cada vez máis apoio dos concellos, que teñen un papel moi importante contra a privatización e o desmantelamento da Atención Primaria.
A nosa principal esperanza é conseguir, a través da mobilización social e en alianza cos traballadores e traballadoras da sanidade pública, un cambio na política sanitaria. Aínda que somos conscientes de que non pode existir ese cambio se non hai un Goberno diferente á hexemonía do PP.