SOS Sanidade Pública fai confluír as protestas pola "grave situación" do Sergas noutra mobilización unitaria

Manifestación de SOS Sanidade Pública en novembro de 2021, na compostelá praza da Quintana CC-BY-SA Praza.gal

Son múltiples as localidades galegas que, nos últimos meses -e mesmo anos-, veñen acollendo mobilizacións na defensa da sanidade pública para sinalar eivas e perdas de servizos ou reclamar outros novos, especialmente no eido da Atención Primaria. "A xente está farta e o malestar é cada vez maior", resumían o pasado outono membros destes colectivos mentres recollían sinaturas para a iniciativa lexislativa popular coa que a plataforma SOS Sanidade Pública reclama diversas "medidas urxentes" na Primaria do Servizo Galego de Saúde.

A cita será desta volta o vindeiro 12 de febreiro e o punto final de confluencia, a compostelá praza do Obradoiro

Con este pano de fondo, o colectivo que agrupa a boa parte das plataformas locais de defensa da sanidade pública -así como a diversas organizacións sociais, sindicatos e oposición parlamentaria- lanza unha nova convocatoria de manifestación unitaria na que procura facer confluír todas estas reivindicacións. A cita será desta volta o vindeiro 12 de febreiro e o punto final de confluencia, a compostelá praza do Obradoiro.

Cabeceira da manifestación de SOS Sanidade Pública en novembro de 2021 CC-BY-SA Praza.gal

A intención, avanzan, é lograr unha "gran manifestación" que poña de manifesto a "grave situación que atravesa a Atención Primaria e o conxunto do sistema sanitario público galego". Pretenden que sexa, di, a "cuminación da recollida de sinaturas" a prol da ILP e das propias mobilizacións locais. Entre as denuncias seguen primando "a falta de persoal, de orzamentos e de organización".

Tras meses de abondosas mobilizacións locais, a plataforma busca poñer o foco en aspectos como as listas de espera en Atención Primaria ou as "restricións ás consultas presenciais"

Esas carencias, acusan, "limitan o acceso da poboación aos centros de saúde e aos Puntos de Atención Continuada (PAC). Tamén sinalan a permanencia "das restricións ás consultas presenciais" e a "hexemonía das consultas telefónicas" ou que, en diversos centros de saúde, as listas de espera para acceder a unha consulta de medicina de familia "superen amplamente a semana". Asemade, agregan, cómpre lembrar "o abandono dos programas de atención a enfermos crónicos" ou "de actividades de promoción, prevención e rehabilitación da saúde".

Procuran, sintetizan, denunciar un "desmantelamento da Atención Primaria" que "está a repercutir sobre a saúde da poboación". Así queda acreditado, considera SOS Sanidade Pública, no "aumento da mortalidade, o colapso das urxencias dos hospitais e o incremento das listas de espera nos mesmos". Todo isto, din, presidirá unha mobilización con "carácter unitario" e non "partidista", xa que "o que une a toda a poboación galega é a necesidade dunha Atención Primaria pública, universal, equitativa e accesible".

Mobilización no Grove pola mellora da sanidade pública coincidindo co Foro La Toja, en outubro do pasado 2022 © M. González

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.