A pandemia da COVID-19, o seu impacto socioeconómico, sobre a saúde pública e individual e sobre o sistema sanitario provocou que, nos últimos tres anos, a vixilancia da gripe tivese unha menor presenza no debate pública. En boa medida, tamén, porque as medidas non farmacolóxicas para frear o coronavirus -coma os confinamentos, as restricións de capacidade en espazos pechados ou o uso de máscaras- contribuíron tamén a que estoutro virus afectase a menos poboación.
A actividade gripal aínda é baixa, pero con tendencia crecente especialmente entre a poboación máis moza
A retirada da práctica totalidade destas medidas e o retorno da vida social e económica á práctica normalidade prepandémica, entre outros factores, contribúen a que a gripe retorne e volva ser, dalgún xeito, coma antes. Os primeiros informes de vixilancia da gripe do Servizo Galego de Saúde confirman que, nos últimos días de outubro, a actividade gripal no país aínda é de intensidade baixa, pero a súa difusión xa é "espallada" e a tendencia, crecente.
Unha das variables que mide o Sergas é a taxa de consultas por gripe, medida como número de casos entre o número de profesionais que as rexistraron. Esta taxa "practicamente se duplicou" nunha semana, di o informe máis recente da Dirección Xeral de Saúde Pública, a correspondente á semana 42 (a rematada o 23 de outubro), e permite concluír que Galicia está xa na contorna dos 42 casos de gripe por cada cen mil habitantes.
Polo momento, Sanidade detecta máis consultas por gripe nas provincias da Coruña e Lugo que nas de Ourense e Pontevedra e maiores taxas nos grupos de idade máis mozos, tanto na infancia como na mocidade menor de 19 anos, que está arredor dos 150 casos por cada cen mil persoas. Nas persoas de idade máis avanzada, as maiores de 65, está na trintena de casos detectados.
Entre as novidades da campaña de vacinación contra a gripe, que principiou o 10 de outubro, está a inclusión da infancia de 6 a 59 meses
No que atinxe ao impacto hospitalario, nesa semana o Sergas rexistrou 81 ingresos de persoas "con gripe confirmada", un 31% máis que na semana anterior. As maiores taxas de ingreso, como é habitual, prodúcense entre persoas maiores de 65 (8,2 por cada cen mil). Dende o pasado 3 de outubro, cando comezou a temporada de gripe a efectos epidemiolóxicos, foron ingresadas en Galicia 185 persoas coa gripe e 15 delas tiveron que ser ingresadas. Seis faleceron, unha delas "considérase que por gripe", conclúe o Sergas.
O inicio da temporada de gripe coincide coa campaña de vacinación. Principiou o 10 de outubro orientada ao persoal sanitario e ao persoal e residentes en centros da terceira idade, así como para persoas maiores de 85 anos ou a infancia de 6 a 59 meses. Dende o 17 e outubro está aberta á poboación de 80 a 84 anos e o día 31 será a quenda para quen teñan de 70 a 79. As persoas de 60 a 69 anos, con "patoloxías de risco", mulleres embazadas e "outros grupos específicos" poderán vacinarse dende o 7 de novembro e a partir do día 14 do mesmo mes, "conviventes de persoas de risco" e a continuación, o resto da poboación. [Pódese obter máis información nesta ligazón]