A mediados deste mes de maio, en Galicia rexistrábanse uns 60 ingresos novos ao día de pacientes coa COVID-19 en unidades de hospitalización convencional e un ou dous na UCI. Un ano antes roldaban a vintena. Daquela, arredor do 1,7% das camas convencionais dos hospitais galegos estaban ocupadas por persoas con test positivo desta enfermidade e sucedía o propio con en torno ao 5% das prazas de coidados intensivos. Doce meses despois, a mediados de maio de 2022 arredor do 8% das camas convencionais atendían pacientes coa COVID e as UCI apenas superaban o 2%.
Sen contexto, as cifras de hospitalización de pacientes coa COVID poden levar a pensar que a pandemia están un escenario semellante ao de hai un ano, en plena vacinación e con múltiples restricións. Dende os hospitais subliñan que "non ten nada que ver" coas vagas previas
Sen contexto, cifras de hospitalización coma estes, tirados das bases de datos do Instituto de Salud Carlos III -dependente dos ministerios de Sanidade e Ciencia- poden levar a pensar que as circunstancias da pandemia son semellantes ás de hai un ano, en pleno proceso de vacinación e aínda con múltiples restricións vixentes. Pero desde os hospitais apuntan que a situación "non ten nada que ver" coas vagas previas. A xefa do servizo de Medicina Preventiva do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (Chuac), María José Pereira, sinala que "seguimos mantendo niveis de hospitalización importantes en relación coa COVID", pero incide en que o momento actual é moi distinto ao de hai un ano tanto "na gravidade dos doentes" como no propio funcionamento do hospital.
"Cada vez máis estamos traballando de forma similar á de antes da pandemia. Cunha carga de traballo importante, pero entendendo, vendo e incorporando os casos COVID dentro do manexo doutras patoloxías infecciosas no hospital. É certo que seguimos con illamentos, pero da mesma maneira que pode pasar coa gripe", debulla. Todo, nun contexto no que indicadores que foron de uso habitual para o conxunto da poboación durante caso dous anos, coma os casos novos diarios ou a incidencia acumulada, xa teñen un valor máis relativo por mor dos novos protocolos que limitan o control mediante probas e o illamento á poboación e contornas "vulnerables", como centros sanitarios ou residencias da terceira idade.
"Con" COVID ou "por" COVID?
Para trazar o perfil do doente que ingresa hoxe hai que distinguir entre dúas situacións: os ingresos 'por' COVID ou os 'con' COVID, que se suman a efectos estatísticos, mais só no primeiro dos casos a hospitalización está directamente vinculada ás consecuencias que a COVID está a provocar nesa persoa. A desagregación de ambas circunstancias nos datos públicos é, precisamente, unha das materias pendentes.
"Un paciente que hoxe ingresa por COVID é maior que noutras ondas, e o seu cadro non é o dunha pneumonía bilateral, que era o que tiñamos cos non vacinados, senón que ao enfrontarse a unha infección o seu organismo reséntese e descompensa enfermidades crónicas de base"
"Un paciente que ingresa hoxe por COVID é maior, en canto á idade, que noutras ondas, e está vacinado pero o seu tempo coa vacina xa é máis prolongado e xa pasaron catro, cinco ou seis meses desde a última dose. O seu cadro COVID que presenta non é tanto como o dunha pneumonía bilateral, que era o que antes tiñamos cos non vacinados; senón que coa súa comorbilidade, o feito de enfrontarse a unha infección máis ou menos grave, fai que o seu organismo se resinta e descompense o conxunto de enfermidades crónicas que pode ter de base”, explica María José Pereira.
Por outra banda, a doutora Pereira describe que "as persoas que ingresan con COVID habitualmente teñen que ver con doentes clinicamente asintomáticos desde a perspectiva COVID, pero se lle fai unha PCR previa a unha proba invasiva ou un procedemento cirúrxico, e aparece un resultado positivo. O paciente non está perfectamente, porque senón non estaría hospitalizado, pero a súa situación de enfermidade é outra, que tampouco se descompensou coa COVID". A preventivista detaca que doentes coma este son os que ocupan máis porcentaxe nas hospitalizacións relacionadas coa COVID agora.
Ante a ausencia de datos públicos sistematizados, a Consellería de Sanidade vén sinalando en diferentes declaracións públicas que eses pacientes "con" COVID que non ingresan "por" COVID adoitan ser algo máis da metade. Daquela, dentro dos arredor de 60 ingresos diarios que se rexistraban a mediados de maio, os pacientes hospitalizados a causa do virus como motivo principal serían algo menos dunha trintena. A mesma lóxica habería que aplicar á foto fixa da hospitalización que o Sergas segue ofrecendo e que este sábado, por exemplo, amosaba 444 persoas en planta e 21 nas UCI.
O "cambio de contexto": vacinas, variantes e máis coñecemento do virus
"Vemos maior porcentaxe de persoas que volven contaxiarse, pero con pouca repercusión clínica. Neste 2022 non tivemos profesionais ingresados por COVID, que é significativo en relación á menor gravidade", subliña a xefa de Microbioloxía do CHUS
A xefa do servizo de Microbioloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (Chus), María Luisa Pérez del Molino, asegura que aínda que as cifras poidan ser similares "cambiamos o contexto". "Cando o coronavirus entrou nas nosas vidas ningún de nós coñecía o virus nin o recoñecía inmunoloxicamente, por iso tivemos esas taxas de mortalidade. Pero vacinámonos e a nosa poboación é distinta á de hai dous anos. O coronavirus adaptouse, esta última variante está máis adaptada a nós e estamos vendo moitos contaxiados asintomáticos, pero xa houbo moitos ao principio da pandemia. O que pasa é que agora xa non nos sorprende, temos moita máis información sobre o comportamento do coronavirus", salienta.
María José Pereira tamén indica que "parece que existen máis reinfeccións coa variante ómicron, incluso en xente vacinada". É pronto para ter datos, di, pero esa é a "sensación" que teñen seguindo moi de preto, sobre todo, aos propios profesionais sanitarios. "Son reinfeccións moi relacionadas co tracto respiratorio superior, cun catarro, cansazo e dor de gorxa máis que cun cadro de síntomas máis xeneralizado. Pero si que estamos a ver unha porcentaxe maior de persoas que volven contaxiarse da COVID. Iso si, con pouca repercusión clínica. De feito, neste ano 2022 non tivemos profesionais ingresados por COVID, o que xa é un feito significativo en relación á menor gravidade da enfermidade", aclara.
Mostra desa menor gravidade é tamén a clara mudanza nos datos de ocupación hospitalaria. Como amosan os gráficos que acompañan esta información, a serie de datos consolidados -que comeza no verán de 2020, tras a primeira vaga- amosa que a tónica habitual ata principios de 2022 foi que a porcentaxe de ocupación de camas con pacientes COVID fose sempre superior nas UCI que nas unidades de hospitalización convencional. Esa correlación inverteuse e tende a consolidarse dende principios da primavera.
Todas as circunstancias que apuntan as expertas á hora de analizar os datos de hospitalización tamén operan, en boa medida, ao achegármonos aos datos de falecementos de persoas coa COVID (3.491 a 27 de maio, segundo datos do Sergas). Tras acadar un pico dunha media a sete días de arredor de 8 falecementos por xornada, a tendencia das últimas xornadas é claramente descendente e está na contorna dos 4.
A clave da vacinación e perspectivas a curto e medio prazo
"Con persoas sas e vacinadas podes estar máis tranquilo, pero se un ten arredor persoas con determinados tratamentos de cancro ou reumatolóxicos, ou inmunodeprimidas, hai que seguir protexéndoas"
Con todo este pano de fondo, ambas profesionais sanitarias dos hopsitais da Coruña e Santiago non dubidan de que o actual contexto é, en boa medida, froito da ampla cobertura da vacinación. E precisamente por iso poñen o foco na poboación que, pola súa avanzada idade ou outros problemas de saúde aínda están en maior risco.
"As vacinas están axudando a diminuír a mortalidade e a gravidade das novas variantes da COVID", asegura María José Pereira. As dúas avanzan que existe unha discreta diminución do número de diagnósticos de COVID positivo nestes momentos, que se poderán confirmar nas vindeiras semanas. Non fan predicións do que sucederá no camiño ao verán, pero inciden en que as persoas en situación de vulnerabilidade e as que están ao seu arredor non deberían baixar a garda.
"Temos que coidar ás nosas persoas vulnerables. Todas os contornas non son iguais. Se estás con persoas que están sas e vacinadas podes estar máis tranquilo, pero se un ten no seu arredor a persoas que están con determinados tratamentos de cancro ou reumatolóxicos, ou que están inmunodeprimidas, hai que sensibilizarse. Hai xente á que hai que seguir protexendo. Se o facemos ben, podemos saír ben desta pandemia, que é o que queremos todos; pero eu creo que hai que saír con prudencia", asevera María Luisa Pérez del Molino.