Pouco máis de dous anos despois da detección do primeiro caso da COVID-19 en Galicia, o Servizo Galego de Saúde (Sergas) comeza a tratar a pacientes coas novas terapias farmacolóxicas contra este coronavirus. Será esta semana, logo de recibir este luns 677 unidades de Paxlovid para persoas con infección activa de risco e, por outra, con Evusheld, do que chegarán nos vindeiros días 1.772 doses, para xente con resposta insuficiente tras a vacina.
O Sergas recibiu 677 doses de Paxlovid para persoas con infección activa de risco e recibirá 1.772 de Evusheld, para xente con resposta insuficiente tras a vacina
Así o explicaron este luns o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña; xunto ao director xeral de Asistencia Sanitaria, Jorge Aboal, e a directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán, que compareceron xunto á subdirectora xeral de Farmacia, Silvia Reboredo.
Por unha banda, Aboal explicou que as doses de Paxlovid plicaranse a persoas con infección activa por ser de carácter posexposición á enfermidade. Este fármaco está indicado en pacientes con infección por SARS-Cov-2 que presenten enfermidade leve ou moderada, no primeiros cinco días de síntomas, que teñen un risco alto de progresar a COVID grave; así como en persoas non vacinadas maiores de 80 anos; non vacinados maior de 65 anos con polo menos un factor de risco; e inmunocomprometidos.
O fármaco tómase durante cinco días e será indicado polo facultativo de Atención Primaria ou de Atención Especializada que efectúa o diagnóstico, a través de receita electrónica. Ademais, requirirá informe médico para a súa validación de forma previa á súa entrega informada no domicilio do paciente. A dose axustarase segundo a función do renal do paciente, que se comprobará con análises previas.
O Paxlovid tómase durante cinco días e é indicado polo médico de Atención Primaria ou Especializada
O Paxlovid adminístrase vía oral e son comprimidos con dose de mañá e noite cun intervalo de 12 horas. Aboal explicou que o Sergas realizará un seguimento trimestral da súa efectividade que será remitido ao Ministerio de Sanidade. A previsión apuntada por Aboal sitúa en 3.000 unidades a entrega de doses no primeiro trimestre a Galicia; en 5.400 o segundo, 6.000 no terceiro e 6.240 no cuarto.
En canto ao Evusheld, administrarase a pacientes que poden ter resposta inmune insuficiente tras a dose de recordo, polo que quedarían sen estar protexidos fronte á enfermidade grave.
Este fármaco está indicado para un grupo minoritario de persoas con alerxia grave a algún dos compoñentes das vacinas fronte á COVID ou que tras a administración dunha dose previa presentasen unha reacción anafiláctica e nos que se contraindica a vacinación.
O Evusheld está indicato para as persoas con alerxia grave a compoñentes da vacina ou que a teñen contraindicada
Evusheld autorizouse por incluír anticorpos monoclonais e adminístrase vía intramuscular con dúas inxeccións. Os candidatos a recibilo son adultos de 18 anos ou máis con condicións de rego que cursan con inmunosupresión nos que se demostra resposta inadecuada á vacinación e aqueles aos que se contraindica a vacinación e teñen moi alto risco de enfermidade grave por COVID.
Carmen Durán comentou que este medicamento é similar a unha vacina e adminístrase ao paciente antes de manifestar os síntomas da COVID. Esta semana está prevista a chegada de 1.772 doses do fármaco que serán recibidas no servizo de Farmacia do Hospital Universitario A Coruña e administraranse vía intramuscular con dúas inxeccións. Ademais, puntualizou que aos candidatos fáiselles unha seroloxía para ver quen, dentro dos grupos de risco indicados, non ten suficientes anticorpos e require esta medicación.
Ademais, o delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, destacou que o antiviral Paxlovid se incorpora como "unha ferramenta máis" da que dispoñen os profesionais sanitarios na loita contra a pandemia ás vacinas e ao resto de medicamentos xa dispoñibles e "o seu valor reside na capacidade que demostrou para reducir as hospitalizacións e salvar vidas".
Lembrou tamén que o acordo asinado polo Ministerio coa farmacéutica Pfizer contempla a adquisición de 344.000 tratamentos de antiviral Paxlovid dos que 50.000 distribuiranse neste primeiro trimestre.
O Paxlovid foi autorizado pola Comisión Europea de forma condicional, o pasado 28 de xaneiro de 2022, para evitar a progresión a COVID-19 e mostrou unha eficacia do 89% na redución do risco relativo de hospitalización ou morte. "Esta eficacia é polo menos similar ou superior á mostrada polos medicamentos administrados por vía intravenosa e superior á mostrada pola outra alternativa oral", engadiu.
Tamén aclarou que os estudos dispoñibles determinaron que Paxlovid conserva a súa actividade fronte a variantes de interese como a Ómicron.
Por outra banda, o consellerio de Sanidade, Julio García Comesaña, aclarou que en Galicia o 95% da poboación maior de 70 anos xa conta coa dose de reforzo contra a COVID; o 96,8 dos que teñen 60 e 69 anos; o 93,3% dos de 50 a 59 anos; o 88,2% dos de 40 a 49 anos; o 75% dos de 30 a 39 anos e o 65,2% de 18 a 29. En canto aos nenos, destacou o conselleiro que o 87 por cento dos menores de cinco a 11 anos ten polo menos unha dose e o 65%, a pauta completa.