"A máscara pode eliminarse de inmediato en aulas e oficinas, pero débese ser máis cauteloso noutros espazos como a hostalaría"

Estudantes nunha aula da Universidade de Vigo máscaras covid © UVigo

O 13 de marzo de 2020, hai dous anos, o Goberno central anunciou a declaración do estado de alarma para loitar contra a COVID-19, que a OMS caracterizara como pandemia dous días antes e que xa dende finais do mes de febreiro fora incrementando a súa incidencia. Foron dous anos moi duros, que deixaron máis de tres mil persoas falecidas en Galicia, máis de cen mil no conxunto do Estado español e máis de seis millóns no conxunto do planeta. 

"Pode haber novas ondas epidémicas, cun número grande de contaxios? Si, non podemos descartalas, como sucede todos os anos coa gripe. Pero a súa transcendencia en termos de ocupación hospitalaria será moi inferior"

Con todo, a efectividade das vacinas e o éxito na súa distribución no noso país, xusto coas características da variante ómicron hai tempo que converteron esta enfermidade nunha doenza con efectos negativos limitados. As restricións aplicadas durante meses comezan a ser suprimidas e nestes momentos o Estado español baralla mesmo eliminar a obriga do uso da máscara de protección nos espazos interiores. 

Rematou xa a pandemia? Haberá nalgún momento novas ondas? Saímos mellores ou, cando menos, máis preparados para unha hipotética repetición da situación vivida? De todo isto falamos con Francisco Caamaño Isorna, profesor titular de Medicina Preventiva e Saúde Pública da USC e director do Departamento de Psiquiatría, Radioloxía, Saúde Pública, Enfermaría e Medicina da universidade compostelá.

Máis aló de que a OMS faga oficial o remate da pandemia, podemos dicir que esta rematou ou, cando menos, a fase dos seus efectos máis intensos?

Si, penso que todos na comunidade científica partimos desa idea e temos indicios de que iso ten que ser así. Sobre todo porque imos construíndo unha inmunidade forte, debido á protección das vacinas e a que unha parte importante da cidadanía estivemos expostos ao virus nos últimos meses. Aínda que aparecesen novas variantes no futuro inmediato, o seu efecto non sería semellante ao que vivimos ata agora, sería moi distinto. Pode haber novas ondas epidémicas, cun número grande de contaxios? Si, non podemos descartalas, como sucede todos os anos coa gripe. Pero a súa transcendencia en termos de ocupación hospitalaria será moi inferior. Nada que ver co que vimos anteriormente.

Máscara de protección guindada nunha rúa do centro da Coruña nos primeiros días do confinamento, en marzo do ano 2020 CC-BY-SA Praza.gal

"Outra cousa é a posibilidade de que apareza un novo virus e unha nova pandemia. Pero aí xa estariamos falando doutro virus e doutra enfermidade, non da COVID-19"

En todo caso, si existe a posibilidade de que apareza un novo virus que dea lugar a unha nova pandemia, non si?

Si, por suposto, outra cousa é a posibilidade de que apareza un novo virus e unha nova pandemia a través, por exemplo, de mecanismo de zoonose, que é un risco que sempre vai estar aí e que é máis probable agora que hai uns anos, pola maior capacidade de transmisión instantánea duns países a outros, debido ás viaxes e intercambios comerciais dun lugar a outro do planeta. Pero aí xa estariamos falando doutro virus e doutra enfermidade, non da COVID-19.

"A máscara podería eliminarse de inmediato nas aulas dos centros de ensino e das oficinas. Pero creo que se debería ser máis cauteloso noutros espazos, como na hostalaría"

Cres que é conveniente eliminar a obriga de levar máscara de protección en interiores?

Por suposto, a máscara non é necesaria en exteriores, pero penso que tamén debemos comezar a retirala en interiores, cando menos en determinados espazos. Por exemplo, penso que a máscara podería eliminarse de inmediato nas aulas dos centros de ensino, sobre todo porque son lugares nos que existe ventilación, unha certa distancia entre as mesas e, ademais, non fala toda a xente ao mesmo tempo. Tamén se podería eliminar a súa obriga en oficinas e ámbitos semellantes. 

Pero creo que se debería ser máis cauteloso noutros espazos, como na hostalaría e sobre todo nas discotecas e en xeral naqueles lugares nos que a xente está máis pegada e fala máis alto e ao mesmo tempo. E, igualmente, naqueles espazos interiores e situacións nas que se produza unha grande aglomeración de xente e por un tempo prolongado. Pero aquí penso que o criterio debe ter máis que ver coas características de cada espazo: se ten unha ventilación axeitada, que capacidade ten, se hai distancia entre as persoas...

Indicador dun punto de vacinación contra a COVID e de realización de test de antíxenos no hospital da Barbanza. Imaxe tomada o 17 de xaneiro de 2022 CC-BY-NC-SA Praza.gal

"En febreiro de 2020 todo isto pillounos desprevidos, sen equipos de protección e mesmo sen a capacidade para producilos. Algo melloramos, pero seguimos aínda sendo moi dependentes de produtos que non fabricamos aquí"

Cando en febreiro e marzo de 2020 a COVID-19 chega ao continente, Europa amosou que non estaba preparada para facer fronte a unha pandemia deste tipo, carecendo mesmo de máscaras e equipos de protección e ventiladores suficientes. Estamos agora mellor preparados para unha nova pandemia, no caso de producirse?

Estamos mellor, pero non tanto mellor, queda bastante por facer. En febreiro de 2020 todo isto pillounos desprevidos, sen equipos de protección e outros elementos esenciais para loitar contra a enfermidade e mesmo sen a capacidade para producilos. Algo melloramos, pero seguimos aínda sendo moi dependentes de produtos que non fabricamos aquí. Por exemplo, seguimos sen ser capaces de producir vacinas, somos aínda moi deficitarios nese aspecto. O comercio internacional é moi enriquecedor, pero os Estados deben contar coa soberanía necesaria para poder enfrontarse a este tipo de situacións. 

"Unha das cousas que creo que deberíamos aprender sería o normalizar a utilización da mascarilla para protexernos de enfermidades infecciosas"

Hai algún hábito, en materia de prevención, seguridade e hixiene, que esta pandemia nos aprendeu e que sería importante manter?

Unha das cousas que creo que deberíamos aprender sería o normalizar a utilización da máscara para protexernos de enfermidades infecciosas. Eu espero que este hábito non se perda, que se normalice. Non me refiro a que a leve toda a poboación, pero si as persoas que poidan ter gripe ou outra enfermidade de transmisión polo aire. Tamén o lavado de mans, a hixiene de mans, que é algo que tiñamos moi abandonado e que nestes dous anos recuperamos e que é moi útil para previr a transmisión de moitas infeccións. O lavado de mans é algo que hai algunhas décadas, cando a xente traballaba máis a terra, era máis usual, a xente tiña unha concepción de que a man era un elemento que o tocaba todo e polo tanto. 

Quizais tamén sería conveniente repensar algúns hábitos sobre a proximidade social que temos asumidos no sur de Europa, onde é moi habitual que nos abracemos, nos demos bicos, nos toquemos... Non falo, por suposto, de que deixemos de facelo cos nosos familiares e amizades, pero si de que poñamos algo de distancia co resto de persoas.

Francisco Caamaño Isorna © Cedida

"As medidas para distribuír as vacinas internacionalmente foron un fracaso. A sociedade non se atreveu a cuestionar a idea das patentes, a suspendelas temporalmente ou a dar capacidade de produción a determinados países"

A vacinación representou o maior éxito e o maior fracaso desta pandemia? Éxito pola rapidez coa que se conseguiron varias vacinas eficaces e fracaso pola incapacidade de levalas a todo o planeta, onde hai aínda miles de millóns de persoas sen protexer nos países empobrecidos...

Si, dende logo as medidas para distribuír as vacinas internacionalmente foron un fracaso, os mecanismos que se puxeron en marcha non lograron cubrir para nada as necesidades. A sociedade non se atreveu a cuestionar a idea das patentes, a suspendelas temporalmente ou a dar capacidade de produción a determinados países para poder garantir que as vacinas chegasen a toda a poboación do planeta. Ao final, a pesar da excepcionalidade da situación, seguímonos valendo das mesmas ferramentas para distribuír as vacinas, de xeito que quen a poida mercar mércaas e quen non pode mercalas queda sen acceso a elas. 

En canto á capacidade de crear estas vacinas, si, por suposto, foi todo un éxito. E demostrouse que a humanidade ten a capacidade de grandes fitos cando se inviste de verdade na ciencia e se lles dan aos investigadores as ferramentas e os medios necesarios.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.