Dende esta semana, o Ministerio de Sanidade pasa a publicar as súas actualizacións de datos sobre a evolución da COVID-19 dous días á semana e non de luns a venres, como ata agora, e actualizará as cifras de vacinación unha vez por semana. Cadrando coa entrada en vigor desta decisión, consensuada coas comunidades autónomas -que son as que fornecen os datos-, a Xunta deixa de ofrecer os seus partes os domingos e festivos, nun primeiro paso máis devagar cara a unha decisión final semellante.
En ningún dos dous casos se perderá información pública sobre os principais indicadores de impacto do virus a medio prazo. O Estado segue divulgando as súas bases de datos de casos novos, hospitalizacións ou falecementos a través do Instituto de Salud Carlos III e, ao contrario que nos primeiros meses da pandemia, o Goberno galego segue facendo o propio con algunhas das cifras máis destacadas tamén en formatos abertos.
Con esta mudanza na política de xestión dos datos non se perderá información para o dominio público en última instancia, pero si diminuirá o seu impacto diario nos medios de comunicación. Ou, o que é o mesmo, as cabeceiras de ámbito estatal xa non contarán cunha última hora diaria sobre uns datos que agora son dificilmente comparables entre comunidades autónomas -entre outras razóns, porque non todas contabilizan os positivos mediante autotest, cómputo que Galicia si realiza-. No caso galego, ese dato diario seguirá existindo polo momento, pero xa non o haberá os domingos nin os días festivos.
A redución dos 'partes' de datos prodúcese mentres as autoridades abordan o xeito en que flexibilizarán o uso da máscara en espazos interiores abertos ao público
Estas decisións comezan a ser efectivas dous anos despois de que o Goberno de España decretase o primeiro Estado de Alarma para facer fronte á pandemia e dese paso ao confinamento xeral. Tamén chegan ás portas de mudanzas de maior profundidade na vixilancia do virus e mentres, no caso de Galicia e a súa contorna xeográfica, a combinación da alta cobertura da vacina e das características da variante do virus que predomina -segundo vén sinalando a Consellería de Sanidade- permite seguir avanzando na relaxación xeral fronte ao virus. Non en van, os gobernos xa valoran na actualidade cando e como comezarán a flexibilizar a obriga do uso da máscara en espazos interiores abertos ao público.
Novo freo da incidencia tras a lixeira suba do Entroido
Galicia rexistra algo máis de 800 casos novos por cada cen mil habitantes a 14 días e as persoas ingresadas co virus eran o domingo 381, medio cento menos que unha semana antes
Con este pano de fondo, en Galicia véñense detectando unha media algo superior aos 1.700 casos novos ao día na media das últimas sete xornadas, o que dá lugar a unha incidencia acumuladas na contorna dos 830 casos novos por cada cen mil habitantes a 14 días e arredor dos 440 a sete días. Como amosan os gráficos sobre estas liñas, o indicador máis inmediato -a sete días- xa retomou a senda descendente tras a lixeira suba da pasada semana, reflectindo un incremento de casos que o Sergas atribuíu aos encontros do Entroido e agarda que sexa puntual.
En calquera caso, as cifras de casos novos e as consecuentes incidencias acumuladas seguen tendo importancia relativa para as autoridades sanitarias, que continúan a ollar con máis atención á ocupación hospitalaria. Ás seis da tarde deste domingo, 13 de marzo, as persoas ingresadas con test positivo da COVID-19 nos hospitais galegos eran 381, medio cento menos que unha semana antes. Dentro do total, os pacientes na UCI eran 27, sete menos que o mesmo día da semana anterior.
No que atinxe aos falecementos de persoas con test positivo do coronavirus, a media a sete días rolda na actualidade os 4 pasamentos por xornada e o total sitúase en 3.153 persoas que morreron coa COVID dende o comezo da pandemia. Cómpre ter en conta, non obstante, que non todos estes falecementos teñen o virus como causa directa. Na que foi segunda vaga invernal da COVID-19, a media diaria de falecementos chegou a un pico duns 8 por xornada, máis de tres veces menos que na vaga invernal 2020-21, cando aínda apenas principiara a vacinación.
A vacinación, precisamente, está a piques de finalizar na súa vertente masiva. Nestes días adminístranse en Galicia o groso das segundas doses para a poboación pediátrica (de 5 a 11 anos) e o Sergas clausura os grandes recintos de vacinación, con independencia de que siga administrando doses a persoas que, de xeito puntual, aínda non a recibisen. Con datos do día 11, algo máis do 40% da poboación pediátrica xa contaba con pauta completa.
Segundo os datos do Ministerio de Sanidade, máis do 90% da poboación galega está vacinada coa pauta completa e ademais, un bo número ten a dose de reforzo. Esas terceiras doses superan tamén o 90% entre a poboación de máis de 40 anos e están por riba do 60% entre os 20 e os 39 anos.