Agora, si. Dous anos despois do confinamento polo estourido da pandemia da COVID-19 e as súas consecuencias na saúde das persoas, no sistema de sanitario e na economía, os gobernos veñen de decidir que comeza a "transición" para abordala como unha enfermidade máis. Na liña do acordado entre o Goberno de España e as comunidades autónomas, dende este 28 de marzo o Servizo Galego de Saúde centrará o control de illamento de casos COVID unicamente nos denominados grupos e ámbitos vulnerables.
Os "grupos vulnerables" son persoas de 60 ou máis anos, poboación con enfermidades "de alto risco" ou mulleres embarazadas. Os ámbitos "vulnerables" son instalacións como centros sanitarios e residencias
Os "grupos vulnerables" son persoas de 60 ou máis anos, persoas con "condicións de alto risco" pola súa saúde (por exemplo, persoas inmunodeprimidas, pacientes a tratamento oncohematolóxico ou que recibiron un transplante) e mulleres embarazadas. Os "ámbitos vulnerables" son os centros sanitarios como hospitais ou áreas de diálise, centros sociosanitarios como as residencias da terceira idade e mais os cárceres.
Sobre esta clasificación clave, a Dirección Xeral de Saúde Pública elaborou un novo protocolo que distingue dous tipos de casos do coronavirus: sospeitosos e confirmados. Será un caso "sospeitoso" calquera persoa con síntomas compatibles coa COVID ou que dea positivo nun autotest de antíxeno, isto é, a gran maioría.
Estes casos sospeitosos xa non entrarán nunha obriga de illamento -recomendado en caso de síntomas alén dos leves- e o Sergas simplemente recomendan que se limiten a actividades "esenciais" por "precaución" e sexan especialmente coidadosos na observancia de medidas coma o uso da máscara. Ademais, como xa viña sucedendo, estes casos non serán obxecto de rastrexo de contactos. A mesmas normas, subliña a Xunta, aplícanse á poboación escolar, onde tampouco se aplicarán illamentos nin corentenas, agás nos casos de nenas, nenos ou persoal dos centros encadrados nos devanditos grupos vulnerables.
Cuestión diferente son as persoas que pertenzan a grupos vulnerables. No seu caso, o novo protocolo si segue contemplando unha proba diagnóstica de infección activa (PDIA) de confirmación, isto é, unha PCR ou un test de antíxeno realizado por persoal sanitario. Tamén terán proba os casos sospeitosos que requiran hospitalización e as persoas con síntomas ou test de antíxeno positivo que cheguen dunha parte do mundo onde circulen variantes distintas ás que predominan en Galicia.
Os casos pasan a distinguirse entre "sospeitosos" e "confirmados" e o illamento tras o positivo só será prescrito a quen viva ou traballe en ámbitos vulnerables
Así e todo, o illamento tampouco será prescrito a toda a poboación considerada vulnerable, senón só á que teña vinculación cun dos devanditos "ámbitos vulnerables". Así, as persoas que residan en centros da terceira idade si terán que gardar un illamento de 7 días tras daren positivo. Tamén se aplicará un illamento da mesma duración aos casos hospitalizados, que pasarían a telo de 14 días "en caso de inmunodeprimidos ou clínica grave". No caso do persoal que traballa nestes centros con atención directa ás persoas usuarias, o protocolo pasa a ser de 5 días sen atención directa. Para as consideradas usuarias frecuentes (por exemplo, de centros de día), non poderán acudir durante 7 días dende o inicio de síntomas ou diagnóstico.
Todo isto, defende Sanidade, débese á alta porcentaxe de poboación vacinada e tamén á relativamente escara repercusión hospitalaria que ten o virus, mesmo en épocas de alta incidencia. Deste xeito, de agora en diante desaparecerán os datos da COVID-19 tal e como os coñeciamos dende hai dous anos e a enfermidade pasará a ser controlada mediante "redes centinela" e informes epidemiolóxicos con especial atención ao xurdimento de novas variantes. Tamén servirán como "termómetro", ilustran, as cifras de casos graves e de falecementos coa COVID-19 nun contexto no que a mostra máis visible da pandemia -e practicamente a única- segue sendo, de momento, a obriga xeral de uso da máscara en espazos interiores abertos ao público.
As últimas cifras
O cómputo de casos que agora finaliza marca unha incidencia lixeiramente á alza, cuns 1.000 casos novos por cada cen mil habitantes a 14 días incluíndo autotest
No caso galego, este cambio transcendental na abordaxe da COVID-19 chega nun momento de incidencia acumulada lixeiramente ascendente a partir do Entroido, con algo menos de 1.000 casos novos por cada cen mil habitantes a 14 días e un chisco por riba dos 500 a 7 días. Neste sentido, Sanidade subliña que os datos galegos son dificilmente comparables coas medias estatais, toda vez que o cómputo de Galicia segue incluíndo os autotest feitos na casa mentres que varios servizos de saúde doutras comunidades autónomas non os teñen en conta.
Os principais "termómetros" pasan a ser a hospitalización e os falecementos
Si son máis comparables as cifras de hospitalización. Este indicador traza tamén unha lixeira liña á alza nos últimos días: ás seis da tarde do mércores eran 448 as persoas hospitalizadas con test positivo, 72 máis que unha semana antes. O crecemento intersemanal vénse rexistrando dende mediados de mes e sucede en maior medida en hospitalización convencional que na UCI, onde o pasado mércores había apenas unha vintena de persoas con test positivo desta doenza.
No que atinxe aos falecementos de persoas coa COVID-19, dende o comezo da pandemia contabilizáronse xa en Galicia un total de 3.190, segundo datos do Sergas. Nos últimos sete días vénse rexistrando unha media de arredor de tres ao día, sempre tendo en conta que non en todos os casos o virus é a causa principal do falecemento. Por idades, sete de cada dez persoas falecidas coa COVID-19 en Galicia tiñan máis de 80 anos e pouco máis do 3%, menos de 60.
As altas coberturas da vacinación, insiste o Sergas, son clave para aplicar uns novos protocolos que ademais, subliñan, contribuirán á "normalización da asistencia sanitaria" para outras patoloxías. No caso de Galicia, algo máis do 90% da poboación xeral do país ten a pauta completa da vacina e, ademais, todos os grupos maiores de 40 anos de idade superan o 90% na cobertura de doses de reforzo. No que atinxe ao grupo pediátrico (de 5 a 11 anos), o último en ser incorporado á vacinación, a administración de pautas completas xa superou o 50%.