Coa fin das últimas restricións na hostalería e a poucos días da retirada das máscaras, com norma xeral, mesmo nos interiores, a pandemia afronta outra nova fase. A chamada "gripalización" e a volta á case total normalidade fai agromar tamén análises sobre as consecuencias que, máis aló da saúde, está a provocar a COVID na cidadanía.
Antía Domínguez, investigadora e profesora no Departamento de Socioloxía e Ciencias da Comunicación da Universidade da Coruña, traballa agora en debullar o impacto social da pandemia logo de participar noutro traballo sobre o influxo do confinamento na infancia. Partindo de datos estatísticos e do CIS, a tamén membro do Grupo de Investigación en Determinantes Sociais da Saúde e Cambio Demográfico da Universidade do País Vasco analiza as mudanzas sociais que trouxo e traerá a COVID.
Por que esta investigación?
A investigación parte do meu día a día, do meu labor. É unha investigación en curso na que levo tempo traballando. O certo é que empeza a haber unha necesidade de ter máis coñecemento sobre o que acontece na sociedade máis aló do impacto sanitario, que está máis presente. Saber cal é o impacto social e, por exemplo, traballar sobre os medos que no están a xurdir a partir desta pandemia.
Medos? É esa a clave?
É unha das cousas que impacta e que máis destacaría: os medos que nos nacen como sociedade a raíz da COVID. Temos moi recente a crise de 2008, que impactou moi forte e cuxos temores aínda se manteñen: polo emprego, por non poder afrontar os gastos... Arredor do 50% da sociedade en España ten ese medo a perder o traballo. Pero estamos comprobando como a limitación do contacto físico, o confinamento ou o distanciamento están a provocar moita inquedanza. A incerteza e a preocupación de como nos imos relacionar coa xente, cos seres queridos... Máis do 70% da poboación manifesta estes temores.
"Agora temos máis medos sociais que económicos. Centramos a incerteza en como nos relacionaremos, en como será o futuro, moito máis que na economía"
Son medos diferentes aos anteriores?
Con iso de "volvemos á normalidade" estamos asumindo que houbo un cambio, como se o que estivésemos vivindo non fose real, como se tivésemos a vida en pausa. Ademais, esta é unha crise que nos afecta a todos, temos a impresión de que se nos parou todo. Por iso, ademais, case o 60% da cidadanía di ter medo a non recuperar a súa vida como era antes.
Hai máis medo ao futuro?
Si, hai maior medo ante o futuro, pode ser. Teríamos que analizar o dato de antes da pandemia, pero si creo que podemos traducir ou concluír que, ao contrario que noutras crises como a iniciada en 2008, agora temos máis medos sociais que económicos. Centramos a incerteza en como nos relacionaremos, en como será o futuro, moito máis que na economía.
E afecta a todos os sectores por igual?
É importante destacar que as mulleres teñen maior temor social e económico que os homes, tamén ante a perda de emprego, a non poder afrontar gastos e respecto do impacto que poida ter a limitación de contactos no futuro. Cando falamos agora destes cambios na forma de pensar, de vivir, de coidar a sáude ou de relacionarse, tamén adoita darse máis nas mulleres, aínda que a diferenza non sexa grande. Ocorre principalmente na forma de pensar: as mulleres declaran que cambiaron moito bastante máis do que o fan os homes.
"Hai un cambio na forma de vivir e de pensar, moita xente empeza a valorar cousas que antes non valoraba"
Que hai de certo naquilo de que "imos saír mellores" tras a pandemia?
Teremos que ver se saímos mellores ou non. O que si se evidencia é un cambio na forma de vivir e de pensar, moita xente que empeza a valorar cousas que antes non valoraba, que se enfoca máis no importante, en vivir o presente, a familia e a saúde. Os datos das enquisas dinnos que o 50% da cidadanía declara que mudou moito ou bastante o seu xeito de pensar, pero se afondas máis, hai unha importante porcentaxe que afirma que se vén de decatar do que é o importante, da fraxilidade da vida ou de vivir o momento.
Un carpe diem?
Vivir o aquí e o agora si que parece que foi unha máxima. Aprendemos a vivir na casa, a compartir, a desfrutar pero non sabemos aínda se iso será algo que nos quedará por tempo. É pronto aínda para sabelo porque a pandemia, aínda que de maneira moi diferente, segue aí. Irémolo vendo.
A pandemia fixo que a cidadanía tivese que pasar moito máis tempo na casa. Mudará os nosos hábitos?
É obvio que os mudou polo confinamento e as restricións, pero hai datos de finais do pasado ano, sen limitacións de movemento e apenas restricións agás a máscara ou o número de comensais, onde un 37% da poboación declara pasar fóra da casa entre 2-4 horas, que era a metade do que pasaba antes da pandemia. Ese poso quedou e, ademais do temor de moita xente ao virus, tamén houbo un cambio na forma de vivir e relacionarnos.
"Cambiamos a nosa percepción do ocio; estabamos afeitos a unha forma de divertirnos e tivemos que buscar alternativas"
Vivimos máis en internet e nas redes sociais?
O aumento do uso de pantallas durante o confinamento aumentou, é lóxico, e iso repercute na saúde da pobació. É algo que tamén ten as súas complicacións.
Asentarase o transvasamento de poboación a zonas menos densas, ao rural?
Observouse un movemento das cidades máis grandes a vilas máis pequenas ou limítrofes, tamén porque o teletraballo facilitou esta posibilidade que aínda se mantén en moitos casos. O que haberá que comprobar é se aquela tendencia se mantivo, aquela busca de tranquilidade, de espazos máis verdes e abertos... Cambiamos tamén a nosa percepción do ocio; estabamos afeitos a unha forma de divertirnos e tivemos que buscar alternativas, algo que tamén inflúe no feito de buscar o monte, o verde, a natureza... Veremos se foi un espellismo ou non.
Traballou tamén en investigar os efectos na saúde da infancia do confinamento...
Si, e no caso da rapazada, evidenciábanse moitas desigualdades sociais segundo os ingresos familiares ou o nivel de estudos dos proxenitores. O que hai que determinar agora sobre os impactos sociais ou na saúde é que se debe ao impacto do confinamento e que ao impacto global da pandemia, dos temores ou de medidas como o uso da máscara.
Tardaremos en saber o impacto social real da pandemia?
Parece que dous anos son moito tempo, pero en termos de impacto social é relativamente pouco. Algúns efectos vémolos xa agora, pero será fundamental analizar o 2021 ao completo e logo ver o que ocorre a partir de agora, cando case todo estea normalizado e sen apenas restricións.