O Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde aproba a retirada das máscaras en interiores a partir do 20 de abril, pero seguirán presentes nos centros hospitalarios, nas residencias de maiores e no transporte
A ministra de Sanidade, Carolina Darias, confirmou este mércores que deixa de ser obrigatorio o uso de máscaras de protección para a COVID-19 a partir do vindeiro 20 de abril. Unha norma que leva en vigor desde o 20 de maio de 2020 e que queda sen efecto case dous anos despois "de acordo coa recomendacións dos técnicos da ponencia de alertas”.
Despois da reunión do Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde, celebrada en Toledo, a ministras detallou as exepcións desta medida, que chegará despois da Semana Santa. Pois está previsto que se aprobe vía real decreto o 19 de abril no Consello de Ministras e que entre en vigor coa publicación no BOE ao día seguinte. As máscaras seguirán presentes nos centros hospitalarios, nas residencias de maiores e nos medios de transporte.
Darias asegurou que a medida se toma "desde a gradualidade e a prudencia” e que supón "un paso agardado pola cidadanía, que ten actuado de maneira responsable todo este tempo”. Polo tanto, as máscaras de protección seguirán sendo obrigatorias no interior dos centros sanitarios, tanto para traballadores como para as persoas visitantes, incluso para os doentes ingresados que comparten cuarto ou se moven por espazos comúns.
Tamén seguirán sendo de obrigado uso nos centros sociosanitarios. Igual que ata agora, non será necesario que as leven as persoas residentes. Si terán que levala as persoas traballadoras e as visitas. A ministra engadiu que tamén haberá que levar a máscara nos medios de trasporte, sen maiores distincións ata que se publique o real decreto no BOE. Haberá que agardar á publicación para coñecer se hai excepcións na hostalaría, que non foi mencionada pola ministra na súa comparecencia.
Ao remate da xuntanza, o conselleiro de Sanidade da Xunta, Julio García Comesaña, mostrouse “satisfeito” co procedemento do Goberno de España para adoptar esta medida despois de “retirar os illamentos preventivos”. Comesaña sostivo que a retirada das máscaras en interiores foi “en xeral, unánime” entre os responsables autonómicos.
Por outra banda, Carolina Darias referiuse a unha serie de supostos nos que se vai “aconsellar un uso responsable” das máscaras a partir do día 20. A toda a poboación vulnerable se lle recomenda que manteña o uso da máscara, como tamén se aconsella nos encontros no ámbito familiar e nos "espazos pechados de uso público” como os "centros comerciais".
No eido laboral, a ministra deixou claro que o real decreto só se centra nas obrigas, polo que serán "os servizos de prevención de cada un dos distintos ámbitos de traballo os que establezan como será o seu uso, ou non, en cada lugar de traballo”.
No ámbito escolar, “en ningún caso” se recomenda a máscara, en palabras da ministra, que estableceu a excepción nas aulas "para os profesores con factores de vulnerabilidade”. “Que os nosos nenos e nenas deixen de empregar a máscara nas aulas –xa non a empregaban nos recreos– contou co apoio da práctica unanimidade dos membros do Consello interterritorial”, aseverou.
"Punto de inflexión"
Carolina Darias avanzou que estamos ante "un punto de inflexión” na pandemia da COVID e que por este motivo se modificou a maneira de medir os casos positivos en coronavirus. “Un cambio motivado pola situación epidemiolóxica, debido á alta cobertura vacinal no Estado e gracias ás características que está a presentar a variante ómicron”, sinalou.
“Cambiamos a maneira de medir pero seguimos monitorizando a COVID-19 e facémolo co foco nos colectivos vulnerables: persoas maiores de 60 anos, persoas inmunodeprimidas, mulleres embarazadas e persoas que se atopen en ámbitos nos que haxa certa vulnerabiliade, como poden ser os centros de saúde ou sociosanitarios”, detallou.
A ministra incidiu en que a situación no Estado a este respecto é de "estabilidade con tendencia á baixa nalgúns indicadores”. A incidencia acumulada a 14 días en persoas de máis de 60 anos está en 426 por 100.000 habitantes, e en 178 por 100.000 a sete días. Cifras do último informe do Centro de coordinación de alertas e emerxencias sanitarias.