Adeus á máscara obrigatoria en interiores agás en centros sanitarios, residencias e transporte público

Un paquete de máscaras nos primeiros días da primavera de 2020 en que foi obrigatorio o seu uso xeral CC-BY-NC-SA Praza.gal

Este 20 de abril, practicamente dous anos despois, decae a obriga xeral de uso da máscara en espazos interiores abertos ao público para previr contaxios da COVID-19. O Boletín Oficial do Estado publica este mércores a reforma aprobada polo Consello de Ministros segundo a cal a obrigatoriedade desta medida de protección vira en excepción, esencialmente para tres ámbitos: centros e establecementos sanitarios, residencias da terceira idade e persoas con discapacidade e o transporte público, pero tamén con matices centro deles. 

No eido laboral, o mantemento da máscara queda nas mans de cada empresa

A desaparición desta medida excepcional toca de cheo tamén ao eido laboral. Nos postos de traballo, di o Real Decreto, a máscara deixa de ser "preceptiva" con "carácter xeral". Non obstante, deixa nas mans dos servizos de prevención de riscos laborais das empresas o seu mantemento nos postos de traballo ou en espazos concretos e fai o mesmo co resto de accións preventivas da COVID.

Centros, servizos e establecementos sanitarios

Unha norma do ano 2003 define cales son estes lugares e servizos. En síntese, trátase dos hospitais, centros de saúde, clínicas e centros semellantes. Tamén as farmacias, ópticas e ortopedias. O Ministerio de Sanidade explica que as mantén neles porque son ámbitos onde "pode haber unha maior concentración de persoas vulnerables", para as que o risco de enfermidade grave en caso de contaxio é maior. Ademais, "a probabilidade de transmisión é máis alta, porque son lugares onde pode haber maior número de persoas con infeccións respiratorias transmisibles", alén da propia COVID.

Nestes centros, servizos e establecementos, a obriga de portar máscara rexe para todo o persoal e tamén para as visitas. Igualmente, deberán levala as persoas usuarias, agás "cando permanezan no seu cuarto".

Atención a un paciente nun hospital galego durante a pandemia CC-BY-SA Xunta

Centros sociosanitarios

Nestes lugares, a máscara seguirá sendo obrigatoria para o persoal que traballa neles e mais para as visitas "cando estean en zonas compartidas". Trátase, indica o Ministerio, de "atender á situación específica" destes lugares, "particularmente das residencias de maiores", onde hai máis posibilidade de transmisión da doenza en caso dun surto e de que este teña "alto impacto" por viviren alí "persoas vulnerables".

Desbótase que as persoas residentes teñan que levala, porque os centros son "o seu domicilio" e "o uso permanente afectaría ao benestar" e "ademais, as persoas que se atopan dentro dunha institución pechada non son a fonte da infección", o cal si pode acontecer con persoal e visitantes, resalta.

Transporte público

A máscara obrigatoria tamén se mantén "nos medios de transporte aéreo, por ferrocarril ou cable e nos autobuses, así como nos transportes públicos de viaxeiros". Tamén en barcos "onde non sexa posible manter a distancia de 1,5 metros" entre non conviventes agás nos camarotes. Neste eido, a principal diferenza co que viña sucedendo, confirma o Ministerio, é que desaparece a obriga de levar máscara "nas plataformas e estacións de viaxeiros"

Distribución de máscaras nun autobús urbano de Vigo nos primeiros días da primavera de 2020 en que foi obrigatoria © Goberno de España

As recomendacións de "uso responsable"

Estes ámbitos e ningún outro serán, de agora en diante, os únicos nos que a lexislación estatal obrigue a portar máscara baixo teito. Non obstante, o Ministerio sinala un abano de "recomendacións" de "uso responsable" que deixa lugar a unha interpretación máis ou menos ampla. Entre elas, destacan:

  • Persoas vulnerables "en calquera situación de contacto prolongado" con outras persoas a menos de 1,5 metros
  • Eventos multitudinarios
  • Contornas familiares e reunións privadas "en función da vulnerabilidade dos participantes"
  • Outros espazos pechados de uso público "onde as persoas transiten ou permanezan un tempo prolongado"

Os centros de ensino

A nova regulamentación estatal exclúe as escolas e demais centros de ensino do uso obrigatorio da máscara, onde xa fora retirada dos espazos exteriores coma os patios de recreo. Non obstante, en días pasados a Xunta dixo preferir manter unha "recomendación" para o seu uso nas aulas e así o reiteraba este martes o conselleiro de Educación, Román Rodríguez, quen non obstante admitía que, dende este 20 de abril, se tratará dunha acción "voluntaria".

Estudantes na Universidade de Santiago, con máscara © USC/Santi Alvite

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.