Que foi da COVID? A mellora da situación epidemiolóxica xeral, a amplísima cobertura da vacinación (con practicamente o 90% da poboación galega con pauta completa), os novos protocolos de vixilancia e a existencia doutros temas máis candentes na axenda informativa, caso da guerra na Ucraína, relegaron o coronavirus a un segundo plano nas preocupacións cidadás. A Organización Mundial da Saúde, non obstante, vén advertindo da necesidade de ter en conta que a pandemia non finalizou (especialmente, polo desigual acceso á vacinación a nivel global) e, na nosa contorna máis próxima, as autoridades sanitarias combinan as mensaxes de prudencia cunha tendencia ao optimismo.
O seguinte fito significativo na normalización da actividade social e económica a respecto da COVID chegará dentro dunha semana. O martes, 19 de abril, o Consello de Ministros aprobará o acordado entre o Ministerio de Sanidade e as comunidades autónomas sobre a fin da obriga xeral de portar máscara de protección en espazos interiores abertos ao público, obriga que quedará restrinxida ás visitas a hospitais e centros sociosanitarios como residencias da terceira idade, así como ao transporte colectivo.
Os hospitais galegos rexistran nos últimos días algo máis de 500 hospitalizacións simultáneas de persoas coa COVID-19, se ben Sanidade matiza que en torno á metade ingresaron por motivos diferentes ao virus
Isto sucederá menos dun mes despois da entrada en vigor do novo protocolo de vixilancia da enfermidade, que dende finais de marzo restrinxiu o control e illamento de casos COVID á poboación e centros "vulnerables". Un novo momento no que, como avanzou o Sergas, as principais variables sobre o virus que cómpre ter en conta no día a día son, esencialmente, o seu impacto nos ingresos hospitalarios e as cifras de mortalidade. Xunto a elas, indicadores como a incidencia quedan en segundo plano para a poboación xeral, dado que entre persoas menores de 60 anos sen patoloxías que as inclúan na condición de "vulnerable", a realización de test é unha excepción.
Como amosan os gráficos sobre estas liñas, nos últimos días os hospitais galegos rexistran algo máis de medio milleiro de persoas ingresadas con test positivo da COVID-19. A tendencia é lixeiramente ascendente, aínda que o total se mantén por baixo do pico do pasado febreiro e, ademais, a cifra de persoas ingresadas en unidades de coidados intensivos segue á baixa, situada arredor da quincena. Cómpre ter en conta, ademais, que non en todo os casos o motivo do ingreso é necesariamente a COVID. Neste sentido, o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, sinalaba este martes que arredor da metade do total destes pacientes ingresaron por un motivo diferente ao coronavirus, que lles foi detectado xa no hospital.
As actualizacións periódicas do Ministerio de Sanidade ofrecen máis datos significativos ao respecto. A máis recente (publicada este 12 de abril) indica que na última previa se rexistraran en Galicia 14,47 ingresos hospitalarios de persoas coa COVID por cada cen mil habitantes, uns cinco puntos por riba media estatal, se ben a taxa de ingresos en UCI roldaba os 0,45, apenas unha centésima máis que a media. Isto supuña que algo menos do 6% do total de camas hospitalarias dispoñibles estaban ocupadas por pacientes coa COVID, porcentaxe que caía ao 0,8% no caso das UCI. Estas baixas porcentaxes de ocupación hospitalaria veñen sendo un dos argumentos das autoridades sanitarias a prol do relaxación das restricións.
Unha media dunhas 4 mortes ao día
No que atinxe aos falecementos, o cómputo oficial do Sergas sitúase en 3.262 dende o comezo da pandemia, con algo máis de 4 mortes de persoas co virus na media diaria da última semana. Segundo os datos de Sanidade, arredor do 70% das persoas que morreron coa COVID en Galicia dende o comezo da pandemia tiñan máis de 80 anos e practicamente o 90% tiñan 70 ou máis. A proporción de vítimas mortais menores de 60 anos é de apenas o 3%.
Os datos de incidencia, cuns 500 casos novos por cada cen mil habitantes a 14 días, están moi influídos pola fin xeral das probas fóra dos grupos "vulnerables" e porque os autotest feitos na casa xa non se inclúen no cómputo oficial
Con todos estes datos sobre a mesa, as incidencias acumuladas da COVID-19 en Galicia roldan os 500 casos novos por cada cen mil habitantes a 14 días e os 270 a 7 días, esta última cunha tendencia ascendente dende os primeiros días do mes. Sempre tendo en conta que a realización masiva de probas xa pasou á historia e que dende finais de marzo os números oficiais xa non inclúen os autotest feitos na casa.
Son números, di Comesaña, que se ben resultan "preocupantes" sobre todo polo seu incremento, non implican frear a intención de "achegármonos á convivencia normal co virus" mentres o foco da prevención seguen nas persoas e ámbitos "vulnerables". Neste sentido, os datos máis actuais do Ministerio de Sanidade referidos a Galicia indican que, entre a poboación de 80 ou máis anos, a incidencia acumulada a 14 días superaba os 1.000 casos novos por cada cen mil persoas e os 700 nos grupos de 60 a 69 e de 70 a 79. A ampla cobertura da vacinación revélase nestes grupos como clave para que estas altas incidencias non deriven en cifras de falecementos tan avultadas como as rexistradas en 2020 e 2021.