Grazas ao avance da vacinación e á vista dos datos recentes sobre novos contaxios, hospitalizacións e falecementos, semella que o peor da pandemia xa ficou atrás, aínda que sempre coa cautela necesaria ante a posible aparición de novas variantes resistentes ás vacinas. Porén, dende hai tempo, investigadores e persoal sanitario vén advertindo das importantes secuelas que sofren durante meses moitas das persoas que superaron a enfermidade, mesmo aquelas que non chegaran a sufrir efectos graves da COVID. É a COVID persistente (long COVID en inglés), cuxas consecuencias búscanse atallar e combater dende o sistema sanitario.
Calcúlase que un terzo das persoas infectadas pola COVID seguen presentando síntomas varios meses despois de dar negativo
É por iso que dende a pasada primavera puxéronse en marcha nos hospitais galegos as denominadas unidades postCOVID, integradas por profesionais de distintas disciplinas, especialmente de Pneumoloxía, co obxectivo de detectar e tratar os moitos e diversos efectos negativos que persoas que estiveron enfermas de COVID-19 seguen a sufrir varios meses despois.
Na actualidade, 27 facultativos conforman estas sete unidades, sendo as especialidades máis numerosas a de pneumoloxía, con 9 médicos, e medicina interna, con 12. Ademais traballan nelas 21 profesionais de enfermería. Por elas pasaron xa case 5.000 pacientes, segundo confirmou este mércores no Parlamento o conselleiro de Sanidade. Ademais, dende o Sergas enviouse unha enquisa a 94.322 persoas que padeceron a COVID para buscar posibles secuelas. Agora esta enquisa remítese de xeito automático a todas as persoas que superaron a enfermidade 12 semanas despois do primeiro diagnóstico.
5.000 persoas pasaron xa polas sete unidades postCovid galegas
Calcúlase que un terzo das persoas infectadas pola COVID seguen presentando síntomas varios meses despois de dar negativo; entre eles os máis frecuentes son a fatiga, a dor de cabeza, o trastorno da atención ou problemas respiratorios de distinto grao. Aparecen tamén outras secuelas, como a perda do gusto ou o olfacto, perda do cabelo, tose, dor no peito, perda de memoria, dores articulares, entre outros moitos.
Dende a pasada primavera puxéronse en marcha nos hospitais galegos as denominadas unidades postCOVID
Moitas son secuelas leves, aínda que molestas e que impiden realizar unha vida normal, pero algúns dos efectos adversos son máis graves. Afortunadamente, semella que as vacinas tamén están a ter un efecto beneficioso sobre a COVID persistente, diminuíndo os seus prexuízos. Estudos coma o realizado polo Equipo de Investigación Internacional da COVID-19, do que forma parte a galega Sonia Villapol, identificaron ata 55 síntomas ou efectos a longo prazo, máis frecuentes nas mulleres e nas persoas de idade avanzada. Porén, un terzo dos pacientes con problemas a longo prazo non tiveran síntomas da infección inicial por coronavirus. Nesta entrevista con Praza.gal, Villapol demandaba máis esforzo investigador e na atención sanitaria para coñecer mellor e tratar correctamente estas secuelas, destacando que "moitos que sofren síntomas da Covid persistente mal comprendidos desesperan por obter respostas despois de que os médicos anteriores desbotaran as súas preocupacións".
Villapol advertía, ademais, de que "xestionar a Covid persistente será un desafío significativo para a saúde pública durante os seguintes meses e probablemente anos". Falamos con Carmen Montero, coordinadora da unidade postCOVID do CHUAC da Coruña
Os síntomas máis frecuentes son a fatiga, a dor de cabeza, o trastorno da atención ou problemas respiratorios de distinto grao. Aparecen tamén a perda do gusto ou o olfacto, a perda do cabelo, tose ou dores articulares, entre outros moitos
Como funciona a unidade? Como chegan aquí os pacientes? Realízase un seguimento sistemático das persoas que sufriron a COVID, cando menos os seus efectos máis graves ou son derivados individualmente dende a Atención Primaria?
A esta unidade os pacientes chegan por distintas vías. Por un lado están os pacientes que superaron a COVID e que tiveran unha pneumonía grave pola que foron ingresados no hospital; un tempo despois da súa alta teñen unha consulta nesta unidade e realízaselles unha radiografía de tórax de control ademais doutras analíticas que sexan necesarias. E, ademais, aquí chegan paciente procedentes de Atención Primaria, que pasan todos por unha eConsulta dirixida ao equipo multidisciplinar da unidade postCOVID que valora o caso e decide se o problema se pode resolver en Atención Primaria ou se debe acudir ao hospital a unha consulta.
"Cada semana estamos a ver uns 120 pacientes aquí no CHUAC da Coruña. A maior ou menor afluencia de pacientes vai en función das ondas da enfermidade. 8 semanas despois dunha onda importante recibirmos un gran número de casos"
Como está formada a unidade postCOVID? Que tipo de profesionais a integrades?
Somos unha unidade composta por un equipo multidisciplinar, fundamentalmente de Pneumoloxía e de Medicina Interna. Ese é o núcleo central, pero despois consultamos con outros especialistas implicados en cada caso, por exemplo o servizo de rehabilitación, e tamén de Cardioloxía, ou Neuroloxía, dependendo dos síntomas de cada paciente.
Cantos pacientes están a pasar pola unidade? Esperades un incremento, debido ao aumento de casos que houbo na quinta onda da pandemia este verán?
En total, cada semana estamos a ver uns 120 pacientes aquí no CHUAC da Coruña. A maior ou menor afluencia de pacientes vai en función das ondas da enfermidade, efectivamente. Normalmente entre 4 e 8 semanas, máis ben 8 semanas, despois dunha onda importante, recibirmos un gran número de casos, así que é probable que así suceda este outono.
"Somos un equipo multidisciplinar, fundamentalmente de Pneumoloxía e de Medicina Interna, pero consultamos con outros especialistas dependendo dos síntomas"
Que percorrido seguen os pacientes, unha vez que o seu caso chega á unidade?
Despois destas primeiras consultas, e en función das secuelas que presenta o paciente: fatiga, dor de cabeza, dor no tórax, problemas para respirar... ao paciente dáselle unha cita para ver como vai evolucionando e chegado ao caso, en función do síntoma que presenta, é tratado por un especialista diferentes.
"Parece que os pacientes máis graves teñen unha maior probabilidade de sufrir COVID persistente, pero aínda non está claro de todo e, de feito, hai moitas persoas que tiveron un COVID leve, que nunca foron hospitalizadas, e que agora sofren síntomas da COVID persistente"
Cales son os síntomas máis habituais que estades atopando?
Ao redor dun terzo das persoas que enfermaron de COVID seguen sufrindo síntomas unha vez superada a enfermidade. A secuela máis habitual é o cansazo excesivo, a fatiga, problemas para respirar, sobre todo á hora de facer esforzos, cefaleas, sensación de ter 'nubes' na cabeza, dor no peito, dores musculares, perda do olfacto e o gusto... A COVID persistente parece que é máis frecuente nas mulleres e aínda non sabemos por que.
Hai que ter coidado, porque en ocasións estes síntomas -que nalgúns casos son moi comúns- non proceden da COVID persistente, senón que veñen doutras enfermidades previas, como asma, EPOC (enfermidade pulmonar obstrutiva crónica) e outras. Hai que diferenciar tamén entre as persoas que teñen COVID persistente e aquelas persoas que por exemplo estiveron en estado grave, na UCI, e o que teñen son aínda secuelas deses procesos. Por exemplo, pacientes que estiveron intubados un mes e teñen unha miopatía [enfermidade muscular] derivada diso.
Un dos aspectos que máis se está a salientar da COVID persistente é que pode ser sufrida tamén por persoas que non tiveron efectos graves da enfermidade, é dicir, que non tiveron que ser hospitalizadas e que superaron a COVID na súa casa case sen síntomas. Estades a atopar isto na Coruña?
Si, efectivamente non hai unha correlación moi clara entre a gravidade da enfermidade e os síntomas que presenta a COVID persistente. Parece que os pacientes máis graves si teñen unha maior probabilidade de sufrir COVID persistente, pero aínda non está claro de todo e, de feito, hai moitas persoas que tiveron un COVID leve, que nunca foron hospitalizadas, e que agora sofren síntomas da COVID persistente.
"Hai algúns estudos que están indicando que a vacinación mellora a situación das persoas que sofren COVID persistente por unha infección anterior, aínda que aínda é cedo para sacar conclusións"
Un motivo máis para seguir mantendo as precaucións ante a enfermidade, non si?
Si, por iso hai que coidarse e protexerse. Ante este virus o máis importante é non contaxiarse, pois xente moi nova está tendo os síntomas da COVID persistente varios meses despois. É moi importante que a xente se vacine e que manteña as medidas de distancia social, a protección por máscara. Hai que evitar ter contacto con este virus
A vacina está a ter efectos positivos sobre a COVID persistente?
Si, hai algúns estudos que están indicando que a vacinación mellora a situación das persoas que sofren COVID persistente por unha infección anterior, aínda que aínda é cedo para sacar conclusións.
É moito aínda o que non sabemos sobre a COVID persistente e os seus efectos a longo prazo?
Si, por exemplo a día de hoxe aínda non sabemos por que se produce este COVID persistente. Non sabemos se é porque o virus persiste no organismo ou porque persiste unha reacción inflamatoria. Hai estudos recentes que apuntan a que pode ser unha enfermidade inflamatoria de tipo autoinmune, sobre todo a nivel pulmonar, pero tamén noutros órganos, coma o sistema nervioso central, pero isto aínda non está totalmente claro e ten que validarse.
"É importante que cando un paciente recibe a alta do hospital ou remata o seu período de illamento se reincorpore o antes posible á vida normal e sobre todo faga exercicio"
O persoal de Atención Primaria, que ten que detectar estes síntomas que nalgúns casos son moi comúns e que vos deriva estes pacientes, ten unha formación axeitada sobre a COVID persistente e os seus efectos?
Si, teñen unha formación boa. Eles foron dos primeiros que sacaron unha guía sobre a a COVID persistente e sobre todo viron e seguen vendo moitísimos pacientes. Aquí ao hospital chegan só o 20% das persoas que se infectan, pero na atención primaria é onde se controla a evolución do resto. En definitiva, derivan correctamente os pacientes, cuns criterios claros.
"Deben ter paciencia, porque esta é unha enfermidade que aínda que vaia todo ben, que adoita ir ben, ten unha convalecencia moi longa, non hai unha recuperación inmediata"
Que consello lle darías ás persoas que superaron a COVID e que sofren ou pensan que poderían estar sufrindo algúns dos efectos que abrangue a COVID persistente?
En primeiro lugar, que o consulten co seu médico de cabeceira. E, en xeral, creo que é moi importante que en canto un paciente recibe a alta do hospital ou remata o seu período de illamento domiciliario se reincorpore o antes posible á vida normal, ao seu traballo e sobre todo faga exercicio. Volver á normalidade axuda moito. Esta é unha enfermidade moi traumática: hai un illamento, non podes ver os teus... E entre os síntomas relatados por estes pacientes está a ansiedade, moitos non poden durmir, teñen medo, espertan pensando o terrible que foi o seu paso polo hospital e pola UCI... E, despois, que teñan paciencia, porque esta é unha enfermidade que aínda que vaia todo ben, que adoita ir ben, ten unha convalecencia moi longa, non hai unha recuperación inmediata.