A vaga máis dura da pandemia da COVID-19 en Galicia foi, segundo apuntan todos os datos, a do inverno 2020-2021. Sen apenas tempo para que comezase a vacinación, o país chegou a superar as 1.400 hospitalizacións simultáneas de persoas co virus, que ocupaban máis do 40% das camas UCI dispoñibles -mesmo coas ampliacións de emerxencias- e, por veces, practicamente unha de cada cinco prazas de hospitalización convencional.
Os datos acreditan o forte impacto que tivo a COVID na atención doutras patoloxías, mesmo aínda sen incluír boa parte da repercusión hospitalaria da peor vaga da pandemia en Galicia
"Presión hospitalaria" pasou a ser naquelas semanas unha das expresións máis habituais nas axendas informativas e nas declaracións das autoridades sanitarias. Pola evidencia da gravidade da pandemia en termos xerais, mais tamén porque a COVID estaba a capitalizar os recursos materiais e persoais do Servizo Galego de Saúde -como dos demais servizos sanitarios-, deixando nun segundo plano moitas das demais patoloxías, alén das urxencias. O que daquela eran advertencias ou sensacións fica agora reflectido nos datos do sistema sanitario correspondentes ao ano 2020, o primeiro da pandemia, que vén de publicar o Instituto Galego de Estatística (IGE) e que non recolle, daquela, aínda o groso daquela primeira vaga invernal.
Boa mostra do profundo impacto da COVID no funcionamento xeral dos centros hospitalarios é que naquel 2020 realizaron un 20% menos de operacións cirúrxicas que en 2019. Foron uns 229.000 actos cirúrxicos -contando todos os hospitais, tamén os privados-, a cifra máis baixa en practicamente dúas décadas, como amosa o gráfico sobre estas liñas.
O forte impacto negativo da COVID na atención a todas as demais patoloxías reflícteno tamén os datos de altas hospitalarias segundo o diagnóstico, considerados un dos termómetros máis significativos para coñecer as causas dos ingresos hospitalarios. Esta análise realízase agrupando as diferentes patoloxías nunha vintena de grandes grupos e en todos eles caeron as hospitalizacións en 2020 a respecto do ano anterior. Agás nun, o grupo de enfermidades infecciosas, no que se integra o coronavirus. Por esta causa houbo algo máis de 8.000 altas hospitalarias en Galicia durante 2020, case un 40% máis que no ano previo.
Mentres, segundo os datos do IGE, outras patoloxías experimentaron descensos de ata o 30% en hospitalizacións con relación ao ano anterior. As doenzas vinculadas ao ouvido, enfermidades osteomusculares, oculares, cutáneas ou mesmo outras enfermidades do aparello respiratorio foron as que experimentaron descensos máis acusados. En termos absolutos, non obstante, os problemas respiratorios (−24,63%), circulatorios (−13,54%) e dixestivos (−15,96%) e mais os cancros (−13,01%) seguiron sendo as principais causas de hospitalización en Galicia.
Por primeira vez nunha década, Galicia rexistrou menos de 30.000 hospitalizacións de pacientes con cancro
Unha ollada con maior perspectiva a toda a serie histórica destes datos no IGE, que se remonta a finais do pasado século, amosa aínda con máis claridade, se callar, o impacto da COVID nos hospitais durante o primeiro ano da pandemia. As patoloxías que máis frecuentemente implican ingresos hospitalarios -en destaque no gráfico- experimentaron fortes caídas dando lugar a que, por exemplo, por primeira vez en dez anos Galicia rexistrase menos de 30.000 ingresos de pacientes con cancro ou que o total de ingresos vinculados a afeccións circulatorias fose o menor dende que hai datos comparables, o mesmo que no caso dos traumatismos.
Sobre a atención aos tumores durante a pandemia, o Sergas sinalaba o pasado febreiro que durante o ano 2020 foran un total de 12.136 as operacións cirúrxicas vencelladas a patoloxías oncolóxicas. En 2021, avanzou, xa aumentaran case un 12% ata achegarse ás14.000, "cifras semellantes ás anteriores á pandemia", sinalaba Sanidade.
Mentres , os ingresos vinculados a enfermidades infecciosas, moi estables durante toda a serie histórica, disparáronse por riba dos devanditos 8.000 naquel 2020. Alén desta circunstancia, estreitamente vinculada á COVID, estes datos reflicten tamén outros fenómenos significativos, como a moi pronunciada caída na última década dos ingresos hospitalarios por complicacións ligadas ao embarazo ou ao parto. Este cambio de tendencia ten por tras, cando menos, dúas explicacións complementarias: prodúcense menos destas complicacións, pero Galicia profunda tamén na súa crise demográfica e rexistra cada vez menos nacementos, con practicamente 7.000 bebés menos cada ano que hai unha década.