Nos últimos meses, a COVID-19 foi desaparecendo paulatinamente da axenda informativa. Máis aínda dende a entrada en vigor, dende principios de abril, do novo sistema de vixilancia que pon o foco na poboación maior de 60 anos e persoas ou contornas consideradas vulnerables, o que supuxo a fin da realización das probas masivas. Ao tempo, as autoridades sanitarias estatais e galegas relaxaron o ritmo das súas actualizacións de datos nun contexto no que cifras como as de casos novos detectados e as conseguintes incidencias acumuladas teñen un valor cada vez máis relativo por mor de todas as mudanzas anteriores.
A porcentaxe de ocupación de camas de hospitalización convencional con pacientes COVID (8%) supera por primeira vez á das UCI dende que hai datos comparables
A propia Consellería de Sanidade advertiu, antes destes cambios nos protocolos, que nesta nova fase cumpriría prestar atención, sobre todo, aos datos de ocupación hospitalaria e de falecementos de persoas coa enfermidade, alén de seguir de preto o xurdimento de posibles novas variantes de interese. Con este pano de fondo, esta semana chegaba a fin da obriga xeral de levar máscara en espazos pechados, o que vén dado pé a facer balance da situación en diversos ámbitos cadrando ademais coas xornadas posteriores a unha Semana Santa con gran mobilidade e interacción social. Todo, en calquera caso, tendo en conta que a cobertura da vacinación supera o 90% da poboación galega.
Este é o contexto no que o Sergas vén detectando algo máis de 1.000 casos novos ao día -atendendo aos novos protocolos, entre persoas consideradas vulnerables por idade ou outra condición, así como en contornas con esta mesma consideración-. Pero tamén no que a ocupación hospitalaria amosa sinais de cambio que son relevantes
Por exemplo, atendendo ás bases de datos do Ministerio de Sanidade -que comeza en agosto de 2020-, é salientable que hai xa máis de dous meses que a ocupación das Unidades de Coidados Intensivos (UCI) con pacientes coa COVID non supera o 5% das arredor de 560 camas dispoñibles e, malia ao lixeiro incremento dos últimos días, encara a fin de abril na contorna do 2%. Hai un ano, por exemplo, roldaba o 7%.
Como amosa o gráfico sobre estas liñas, tamén resulta significativo que, por primeira vez dende que hai datos comparables, a ocupación de camas de hospitalización convencional por parte de pacientes con test positivo da COVID -en ascenso dende finais de marzo- é superior á de prazas de UCI. Os datos máis recentes do Ministerio de Sanidade sitúan esta ocupación un chisco por riba do 8% das en torno a 7.700 camas existentes en Galicia. Unha das posibles explicacións a esta mudanza é a menor gravidade da doenza como efecto da vacinación, o que provoca que menos persoas que requiren hospitalización precisen tamén de atención en coidados intensivos.
En torno a 600 persoas ingresadas
O groso do incremento da hospitalización nas últimas semanas concentrouse nas camas convencionais, con apenas 15 persoas na UCI
Estes datos de hospitalización do Ministerio cadran, nos seus principais trazos, cos que divulga a Consellería de Sanidade, que dende o comezo da pandemia comunica o número total de persoas coa COVID-19 ingresadas ás seis da tarde de cada día -dende mediados de marzo, non o fai en domingos e festivos-. Nos últimos días, este rexistrou chegou ata o redor das 700 persoas, e o dato divulgado este xoves sitúase en 636, unha quincena menos que unha semana antes.
Esta brusca diminución puntual, segundo confirman fontes do Sergas consultadas por Praza.gal, débese en parte a un adiantamento das altas epidemiolóxicas para as persoas ingresadas -cada caso é considerado "activo" durante menos días-, na liña cos protocolos xerais. Alén deste efecto estatístico, resulta igualmente significativo que o groso do incremento da hospitalización das últimas semanas se rexistrou en camas convencionais e non nas UCI, onde as persoas ingresadas con test positivo da COVID seguen sendo arredor de quince.
Para ler estes datos con precisión cómpre ademais atender a unha circunstancia máis. Como confirma Sanidade, as cifras de hospitalización seguen incluíndo a todas as persoas ingresadas nos hospitais con test positivo da COVID-19, con independencia de que o motivo do ingreso fose o virus ou calquera outro -por exemplo, unha operación programada-. En semanas previas, o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, apuntara en declaracións á prensa que en torno á metade das persoas ingresadas con test positivo do coronavirus ingresaran por outros motivos e non por mor da COVID.
Arredor de 5 mortes diarias
Mentres todo isto sucede, os falecementos de persoas coa COVID-19 comunicados polo Sergas son xa 3.314, cos datos pechados con data de 21 de abril. As notificadas nos últimos días elevan a arredor de 5 a media de persoas falecidas co virus na última semana. Como no caso das hospitalizacións, cómpre igualmente ter en conta que non en todos os casos o virus é o desencadeante do pasamento, se ben pode contribuír a agravar outras doenzas previas.
Neste sentido, é clave que arredor do 70% das persoas que morreron coa COVID en Galicia dende o comezo da pandemia tiñan máis de 80 anos e practicamente o 90% tiñan 70 ou máis. A taxa de mortalidade en Galicia dende o comezo da pandemia sitúase arredor dos 121,77 falecementos por cada cen mil habitantes, a menor entre as comunidades autónomas peninsulares. No que atinxe á taxa de letalidade entre maiores de 60 anos, sitúase no 2,6% da poboación desta idade que contraeu a enfermidade, a máis baixa do Estado, mentres que a media rolda o 4,6%.