Novas normas COVID para persoal do Sergas: os positivos leves non collerán a baixa na Atención Primaria

Consulta de Atención Primaria durante a pandemia CC-BY-SA Xunta

O persoal do Sergas que dea positivo en COVID sen síntomas ou non sendo graves deberá acudir igualmente ao traballo e atender os pacientes, se fose o caso, nun centro de saúde ou nun Punto de Atención Continuada (PAC). Así o determina o novo protocolo para a prevención de riscos ante o coronavirus no ámbito sanitario que foi publicado pola Consellería de Sanidade este luns, nunha decisión contra a que xa manifestaron a súa oposición varios sindicatos. 

O persoal con COVID leve ou asintomático e os contactos estreitos deberán acudir ao se posto de non traballar en ámbitos vulnerables

Así, o Sergas indica na nova versión (número 16) do Plan Específico para a Prevención de Riscos ante a Exposición Laboral ao Novo Coronavirus que o persoal contacto estreito dun caso COVID ou positivo confirmado terá que incorporarse ao seu posto agás se traballa en "ámbitos vulnerables": plantas de hospitalización (incluíndo unidades de críticos e grandes queimados), hospital de día onco-hematoloxía ou nas unidades/centros de diálise.

Así, de non traballar nos devanditos espazos, "os casos confirmados leves e asintomáticos e os contactos estreitos, de forma xeral, non realizarán nin illamento nin corentena". Si deberán, segundo o novo protocolo, "extremar as medidas de protección", prestando especial atención a zonas comúns como cafetaría ou vestiarios, usar continuamente a máscara, evitar a interacción con persoas vulnerables sen ela ou levar a cabo unha adecuada hixiene de mans. Tamén deberán evitar quitar o cubrebocas en calquera interacción con outra persoa e recoméndaselles que intenten comer e beber sós ou a dous metros doutra persoa. 

Pacientes nun centro de saúde do Sergas CC-BY-SA Xunta

Sindicatos cren que a Atención Primaria e as Urxencias tamén deberían terse incluído entre os ámbitos vulnerables onde os positivos non poden ir traballar

O Sergas aposta por esta mudanza atendendo á nova fase da pandemia -co control e illamento de casos limitado á poboación vulnerable e xa sen a obrigatoriedade de máscaras no interior agás excepcións- e logo de non aceptar as alegacións presentadas por varios sindicatos, que consideran que toda a Atención Primaria e as Urxencias deberían ser incluídas tamén neses ámbitos vulnerables nos que o persoal con positivo confirmado de COVID "non poderá continuar desenvolvendo o seu traballo". Nese caso, como aclara o documento do Sergas, "será preciso proceder á modificación do posto", pasando a tarefas telefónicas ou teletraballo se é factible, "á reubicación nun ámbito non vulnerable" ou, de non ser posible, tramitar a incapacidade temporal.  

Xa a pasada semana, na comisión central de saúde laboral, o Sergas adiantara aos sindicatos o contido fundamental do novo protocolo. CIG-Saúde xa amosou o seu rexeitamento asegurando que o Sergas "non respecta a saúde do seu persoal nin das persoas que acoden aos centros sanitarios"

Nun comunicado, a central nacionalista di "non entender que, desde unha perspectiva da prevención de riscos laborais, se establezan 'ámbitos vulnerables' para decidir as medidas a tomar para previr problemas de saúde deste persoal". "Os profesionais sanitarios que traballan en ámbitos que non sexan definidos como vulnerables están obrigados a traballar cando na meirande parde das ocasións tratan con persoas que acoden aos centros sanitarios sen ser identificados previamente como pacientes de alta complexidade e/ou inestabilidade, oncohematolóxicos ou que precisen diálise", di nun comunicado. 

En conversa con Praza.gal, Manuel González Moreira, secretario nacional de CIG-Saúde, asegura que esta nova estratexia está "condicionada polo ámbito onde se traballe, coma se non houbese pacientes vulnerables noutros ámbitos". "Acaso nun PAC un médico non pode ter que recibir un doente con complicacións? En caso dunha emerxencia, e por moitas medidas de prevención que se tomen, as distancias desaparecen", engade quen cre que o novo protocolo "vulnera a seguridade dos pacientes". 

Consulta de Atención Primaria CC-BY-SA Sergas Ourense

"O persoal atoparase cun conflito ético, pois está obrigado a ir a traballar mesmo coñecendo a súa infección por COVID", denuncia CIG-Saúde

"Até agora, por responsabilidade, cando persoal sanitario tiña un proceso infeccioso, como unha gripe, estaba indicado que non acudise ao seu centro de traballo e collese unha baixa laboral, aínda que a súa sintomatoloxía fose leve", insiste. "Agora debe ir traballar con COVID, unha enfermidade máis contaxiosa e que pode producir máis afectación que unha gripe", di. 

"Desde CCOO alegabamos que a totalidade da Atención Primaria e as Urxencias deberían ser considerados tamén ámbitos vulnerables, espazos onde o persoal, no caso de ser contacto estreito ou positivo COVID, non debería seguir traballando", aclara tamén Eva Vidal, secretaria de Sáude Laboral da Federación de Sanidade de CCOO-Galicia, que advirte que, nos centros de saúde, a gran maioría dos doentes atendidos "xa son pacientes crónicos e de alto risco". "É difícil de entender que non se considere que o traballador tamén se atopa nun ámbito vulnerable", engade. 

"Coa COVID-19, cunha contaxiosidade e morbimortalidade maior que a gripe, as persoas traballadoras da sanidade atoparanse cun conflito ético, pois están obrigadas a ir a traballar mesmo coñecendo a súa infección polo virus SARS-CoV-2, poñendo en risco a saúde do resto das traballadoras e a das persoas que teñan que atender nunha consulta, nunha urxencia, na rúa ou nun domicilio", di CIG-Saúde, que esixe ao Sergas que se adapten o posto e os labores daqueles profesionais que sexan contacto estreito dun positivo ou positivo confirmado que teña contacto directo con pacientes e/ou compañeiros en espazos pechados.

Segundo os sindicatos, o Sergas toma como base para este novo protocolo o documento do Ministerio de Sanidade sobre o Procedemento de actuación para os servizos de Prevención de Riscos Laborais fronte á exposición ao SARS-COV-2 publicado o pasado 20 de abril. "A partir de aí, cada comunidade ten autonomía para levar a cabo o seu propio plan", explica Eva Vidal, que destaca tamén que, logo da reunión da pasada semana, o Sergas "non deu moita marxe de manobra" para posibles mudanzas. 

O Sergas aclara que as pautas de actuación "seguen os criterios establecidos no Consello Interterritorial"

"As pautas de actuación seguen os criterios establecidos no Consello Interterritorial, no sentido de protexer especialmente as persoas ingresadas, xa sexa nos hospitais ou nas residencias", aclara a este diario o Sergas, que explica tamén que un "diagnóstico COVID positivo no persoal sanitario será valorado en función da sintomatoloxía que presente e do posto de traballo que desenvolva"

"Conforme a iso, o facultativo que o atenda procederá a cursar unha incapacidade temporal se fose necesaria, como sucede co resto dos cidadáns", insiste Sanidade, que explica que as persoas asintomáticas "deberán gardar as medidas de protección axeitadas" e que "cando sexa preciso serán reubicados do posto de traballo". "Cunha elevada porcentaxe da poboación vacinada, a sintomatoloxía nos casos detectados está a ser leve, como o demostran os datos de hospitalizacións", engaden desde a Consellería. 

Desde a CIG, González Moreira, pola súa banda, entende que a estratexia impulsada polo Sergas "vai na liña dos protocolos do Ministerio de Sanidade" pero considera que, en ambos casos, "hai unha mala interpretación da vulnerabilidade". "As medidas de protección teñen que ser aplicadas ao persoal", insistre, tras advertir dunha "decisión política de minimizar a repercusión en canto a baixas laborais da incidencia da COVID". "É como pechar os ollos ante unha realidade", conclúe. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.