A Xunta recupera en plenas protestas os "incentivos" a persoal médico titor de futuros facultativos que xa anunciara en 2021

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, este 2 de febreiro en San Caetano, tras o Consello da Xunta CC-BY-SA David Cabezón / Xunta

As protestas por carencias en diferentes ámbitos do Servizo Galego de Saúde recrúan dende hai meses e a Xunta tenta contela ás portas do intenso ciclo electoral que ten a súa primeira parada nos comicios municipais do 28 de maio. En vésperas desa carreira electoral, pero tamén a apenas dez días da manifestación unitaria convocada pola plataforma SOS Sanidade Pública para o vindeiro 12 de febreiro -descualificada xa dende a Consellería de Sanidade como unha "orde" de Ana Pontón, líder do BNG- o Goberno galego continúa tentando paliar o descontento entre o persoal, especialmente entre o máis mobilizado ou que exerce nos servizos sobre os que paira maior presión, caso da Atención Primaria.

O Goberno reactiva o decreto de formación sanitaria en vésperas da mobilización convocada por SOS Sanidade para o 12 de febreiro

Desta volta esa aposta por tentar arrefriar o clima sanitario chega recuperando un plan para "incentivar" o persoal médico que titoriza futuros profesionais, as médicas e médicos residentes. Trátase dunha norma que deriva cando menos parcialmente dunha lei de hai case década e media, a lei de saúde aprobada polo Goberno de coalición de PSdeG e BNG no ano 2008, e que o actual Executivo do PP xa lanzara en novembro de 2021, cando aínda estaba presidido por Alberto Núñez Feijóo.

Mobilización por unha "atención sanitaria digna" no Grove, durante o desenvolvemento do 'Foro La Toja' na Toxa, en outubro do pasado 2022 © M. González

Na orde do día da reunión semanal do Consello da Xunta, o gabinete que agora preside Alfonso Rueda incluíu un Informe sobre o proxecto de decreto de ordenación do sistema de formación sanitaria especializada na Comunidade Autónoma de Galicia. Na nota oficial para dar conta da cuestión reflectiu que "a Xunta aproba incentivos para o persoal que exerza como titor na formación sanitaria especializada". En realidade, o Consello non aprobou ese decreto, senón que examinou o seu contido como proxecto antes de remitilo ao Consello Consultivo para que emita un ditame ao respecto. A continuación, na data que o Goberno considere, volvería ao Consello da Xunta para, daquela si, ser aprobado.

A primeira versión do proxecto de decreto, lanzada a finais e 2021, prevía facilidades ata 2027 para que o persoal médico de Atención Primaria que titorice residentes poida ascender na carreira profesional. Contemplaba tamén que o persoal titor puidese dispoñer de "dúas horas por residente e mes" para este labor

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, di ter o obxectivo de que "poida entrar en vigor xa neste mes de maio" un texto cuxa primeira versión se remonta a hai case ano e medio. Naquela primeira versión contemplábanse aspectos coma "o recoñecemento profesional do desempeño das funcións de titoría na carreira profesional, dentro da categoría que teña cada titor ou titora", e o mesmo para as médicas e médicos que exerzan outras funcións ligadas á docencia nos centros sanitarios, como as figuras de coordinación, colaboración ou xefatura de estudos.

Aquela primeira versión do texto -o examinado pola Xunta este xoves, que non foi feito público, introduce mudanzas cando menos na súa estrutura, ao ter 63 artigos e 9 capítulos e non os 57 artigos e 8 capítulos do orixinal- incluía, ademais, incentivos transitorios ata 2027 para a medicina de familia. Concretamente, prevé que o persoal médico de familia que ten o grao III na carreira profesional, poida acceder ao IV -o máis alto- se acredita "cinco anos de exercicio efectivo da titoría na especialidade". No caso do que teña o grao inicial, indicaba aquel texto, "poderá solicitar o grao I" se exerceu a titoría na especialidade durante dous anos. Estas subas de grao implican melloras salariais.

Mobilización na defensa da sanidade pública na Mariña, o pasado 19 de xaneiro en Burela CC-BY-NC-SA Plataforma na Defensa da Sanidade Pública da Mariña

Entre as novidades destacadas por Comesaña na súa comparecencia con Rueda o conselleiro destacou tamén, salienta a Xunta, que o decreto "asegura que o titor poida dispor dun tempo específico para o exercicio das súas funcións" dentro do horario laboral ordinario. O texto presentado en 2021 prevía que ese tempo fose de "dúas hora por persoa residente e mes, cun mínimo de tres horas mensuais". "A norma garante tamén que os profesionais que exerzan titoría reciban unha puntuación adicional nos baremos", destaca tamén Comesaña sobre a que define como "unha das normativas máis importantes da lexislatura".

Persoal médico que xa exerce os labores de titoría vén advertindo de que o principal problema para a súa función é a "sobrecarga" do sistema e que, unha vez formado, o novo persoal non fica "polas condicións de traballo"

Á espera de coñecer se o texto agora anunciado introduce ou non variacións a respecto do lanzado en 2021, profesionais do Sergas que realizan estas funcións de docencia e titorización de futuros profesionais consultados por Praza.gal apuntan a que, se ben "incentivos" coma estes poden ser positivos, aspectos como a devandita reserva de horas son claramente "insuficientes". E, en calquera caso, non solucionan a "sobrecarga" xeral do sistema, tamén para a formación de residentes. 

Así o manifestaba hai apenas dous meses en declaracións a este diario o doutor Ramón Veras, médico de familia nun centro de saúde na Coruña, veterano formador de residentes e activo membro dos movementos a prol da sanidade pública. Veras advertía, ademais, de que eventuais melloras puntuais nas condicións do persoal titor non ían ser dabondo para que, por exemplo, os profesionais que agora se forman fiquen nos centros de saúde do Sergas: "Se non quedan -advertía- é polas condicións de traballo, eu vexo que lles gusta a Medicina Familiar e Comunitaria, que valoran a relación co paciente e a valoración que reciben, pero non levan ben o maltrato por parte do sistema en xeral, e o menosprezo que os médicos de Familia recibimos mesmo por outros especialistas".

Texto do proxecto de decreto de ordenación do sistema de formación sanitaria especializada lanzado pola Xunta en 2021

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.