Alfonso Rueda levaba apenas un mes na presidencia da Xunta cando tivo que enfrontarse á súa primeira controversia en materia sanitaria. En vésperas dun verán que o propio Goberno galego prevía como "moi complexo" por falta de persoal no Sergas, Rueda atribuíu á medicina de familia salarios anuais de "65.000 euros máis as gardas", xerando un amplo balbordo e malestar no sector ao presentar como xeral unha remuneración extraordinaria que as máis das veces está lonxe da realidade.
O esvarón do novo presidente chegou nun clima convulso entre persoal e pacientes, unha tensión que vén de lonxe, que ten causas que hai anos que viraron en estruturais e foron agravadas pola pandemia da COVID-19. A mesma tensión que fai recruar a vaga de protestas da plataforma SOS Sanidade Pública, sindicatos, forzas políticas da oposición e diversos colectivos locais como os que este xoves confluíron malia á chuvia en Burela na mobilización da Plataforma pola Defensa da Sanidade Pública da Mariña.
Cunha cuarta parte do persoal médico maior de 65 anos e algo máis da metade do total por riba dos 55, o aluvión de xubilacións non foi cuberto de xeito adecuado, veñen denunciando representantes do persoal, que piden non esquecer a vaga expansiva dos recortes orzamentarios da pasada década. Eses recortes, reiteran, deron lugar a un empeoramento das condicións laborais que explica, por exemplo, que o Sergas xa non dea cuberto todas as prazas de formación para medicina de familia das que dispón.
Cunha cuarta parte do persoal médico maior de 65 anos e algo máis da metade por riba dos 55, profesionais apuntan que as malas condicións laborais e a propia saturación dificulta a captación e formación de novos cadros en áreas clave como a Atención Primaria
Porque esa, reiteran, é unha das claves. "Se este fose un traballo máis atractivo desde o punto de vista dun profesional da sanidade, estou convencido de que non perdiamos un só residente", explicaba recentemente para Praza.gal o doutor Ramón Veras, médico de familia nun centro de saúde da Coruña, membro activo de SOS Sanidade e formador de futuros profesionais da medicina de familia. "Se non quedan é polas condicións de traballo", resumía para explicar o paradoxo de que a propia saturación dos centros de saúde dificulta a formación do persoal que estaría chamado, precisamente, a paliar esa saturación.
Mellorar o servizo na Atención Primaria e evitar que a súa saturación derive en colapsos nas urxencias dos hospitais foi, precisamente, a intención declarada dalgunhas das medidas lanzadas pola Xunta o pasado verán, tales como o plan plan de vivenda gratis para atraer a Sanxenxo persoal médico de fóra de Galicia ou complementos salariais para médicas e médicos que asuman ata 300 doentes adicionais aos que lles corresponden por cupo ou prolonguen a súa xornada catro horas e media semanais. Todo, mentres tamén persoal de enfermaría alertaba do "éxodo" de persoal por falta de prazas na atención primaria
A pé de obra, accións coma estas son vistas, en boa medida, como "parches". "Cando tes unha xornada de 50 ou 60 pacientes ves que a Atención Primaria está en perigo de extinción, a situación límite está xa cronificada" e a pandemia da COVID "sobredimensionou o problema", sintetizaba o pasado verán Alba Quiroga, médica nun centro de saúde de Arteixo. De "parches" fala tamén a compostelá Erika Brenlla, presidenta da Asociación MIR España, que leva tres anos de residencia en Euskadi: "A clave de todo son as condicións laboras que se ofrecen, aínda que haxa outras eivas."
Sindicatos e persoal observan como "parches" algunhas das medidas adoptadas pola Xunta durante o verán, antes de que no primeiro outono sen máscara tras a COVID se saturasen servizos tan sensibles como a pediatría e recruasen as protestas e áreas como a de Pontevedra-O Salnés
Con todo este pano de fondo finalizou o verán, chegou o primeiro outono sen máscara en espazos interiores dende o inicio da pandemia e a saturación xeral empeorou nun dos elos máis sensibles do sistema, a pediatría tanto en centros de saúde como en hospitais. "Traballamos a mínimos para máximos", cunha "presión asistencial tan brutal que costa non ter medo a cometer un erro", advertían as doutoras consultadas por este xornal en plena xeira de virus disparados, coa COVID combinándose coa gripe e o virus sincitial, entre outros.
Os problemas son xerais, pero nos últimos meses amosáronse como máis agudos na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés, onde mesmo a Consellería de Sanidade decidiu situar o pasado verán como xerente a quen ata ese momento ostentaba a xerencia de todo o Sergas, José Flores. O propio Rueda admitía este xoves que "os principais problemas" -e tamén boa parte das protestas- están nesa área, onde "focalizan" medidas como a posibilidade de que persoal médico que está no cuarto ano de formación no MIR pase consulta e atenda puntos de atención continuada, tal e como adiantou Faro de Vigo: "Se non hai médicos, haberá que intentar atopar fórmulas dentro do requisito irrenunciable de manter a calidade", di o presidente.
Todos estes problemas son inseparables da súa obvia derivada política, en tanto que a xestión sanitaria depende do Goberno galego, aínda máis en vésperas dun intenso ciclo electoral. Á proximidade das citas coas urnas municipais do vindeiro 28 de maio atribuíu o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, a fronte de concellos que, precisamente na área pontevedresa, veñen de unirse para alertar da "situación límite" dos seus centros de saúde, e PAC, co consecuente impacto nos hospitais. Para Comesaña, o manifesto lanzado por estes gobernos locais responde a un "tema partidista" e Rueda pon o foco en que nas súas reclamacións "non había nin unha soa petición ao Goberno central". Non obstante, o conselleiro ten programada unha xuntanza con concellos da zona para a vindeira semana.
Rueda esgrime accións como o seu plan para rebaixar as listas de espera mentres a tensión mobilizadora non cede en vésperas da mobilización unitaria convocada por SOS Sanidade para o 12 de febreiro
Rueda esgrime medidas como o plan co que prevé recuperar este ano a espera cirúrxica previa á pandemia, uns 55 días fronte á media actual de 75, ou a creación e "35 novos equipos de enfermaría de dúas persoas" para "reforzo da atención primaria domiciliaria de doentes crónicos nas zonas rurais e semi-rurais" como mostras de que o seu Goberno está a traballar para emendar a situación. Nesta lóxica -e na de tentar conter as protestas- están tamén as intencións de flexibilizar as incompatibilidades para o persoal médico que traballa na privada: "Non é que deixen a pública para ir á privada, senón que unha vez cumprido o horario na pública poidan ir á privada. Non cremos que isto vaia ser unha merma de médicos na pública porque é compatibilizar traballos", sinalaba este xoves o xefe do Executivo, que nas municipais do vindeiro maio ten o seu primeiro test electoral como presidente do PPdeG.
Todo apunta a que, en calquera caso, a tensión mobilizadora non vai ceder. Protestas como a deste xoves en Burela e outras moitas por diversos concellos van confluír o 12 de febreiro en Santiago, nunha nova manifestación unitaria de SOS Sanidade Pública centrada en boa medida nos problemas da atención primaria e que xa recibiu o apoio das dúas forzas da oposición parlamentaria, BNG e PSdeG.